Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 10/09/2024 | Actualizada ás 22:00
Santiago de Compostela é a cidade universitaria por excelencia en Galicia. Sen embargo, ser universitario hoxe por hoxe non é igual que selo no século pasado. A día de hoxe a tasa de estudantes que deciden cursar estudos universitarios é superior á dos anos 80 ou 90. Isto supón que a urbe cada vez debe acoller a unha maior poboación efémera durante os meses que dura o curso. Así a busca de piso converteuse nunha verdadeira odisea para os universitarios, que teñen que comezar a procurar un lugar no que vivir ata tres meses antes do comezo das clases. Isto levou a que, pola lei da oferta e da demanda, ao haber moitos estudantes para poucos pisos, os prezos comezasen a subir ata unha situación insostible para moitos: case non hai pisos que baixen dos 800 euros ao mes. Así as cousas, e agora que as matrículas universitarias son gratuítas en Galicia (este é o primeiro ano de implantación desta medida), os gastos veñen por outros lados.
Dende o Galicia Confidencial, e aproveitando que este luns 9 de setembro xa se realizaron as presentacións de benvida ao novo curso académico nalgunhas facultades da Universidade de Santiago de Compostela (USC), saímos á rúa a preguntar a algúns dos mozos e mozas chegados á capital de outras localidades do territorio galego canto lles custou atopar piso, canto lles custa o aluguer e en que condicións se atopa a vivenda que atoparon. Todos coinciden nunha cousa: os prezos subiron escandalosamente nos últimos dous anos e cada vez hai menos pisos en oferta nas inmobiliarias, o que fai que teñan que experimentar agora esperas que non soportaron en anos pasados. Tamén hai algúns que nos contan que mesmo non lles renovaron o contrato porque os propietarios do piso que tiñan alugado preferiron poñelo a disposión dos turistas e peregrinos, é dicir, convertelo en turístico. Afirman que o habitual agora é que, por un piso en condicións medianamente decentes, haxa que desembolsar uns 800, 900 e ata 1.000 euros, que se reparten entre tres ou catro persoas, ata cinco nalgúns casos.
XAVI, DE VIGO: "PAGABAMOS 1.500 EUROS AO MES ENTRE CATRO PERSOAS E QUERÍANNOLO SUBIR OUTROS 500"
Xavi e Alba, dous mozos de Vigo que estudan no Campus Sur da USC contan ao GC que aínda comezando a buscar piso a comezos de xullo, "tardamos unhas tres semanas en atopar algo". E finalmente, despois de barallar moitas opcións, non atoparon a súa vivenda a través da inmobiliaria, senón que tiveron que buscarse a vida para poder acceder a algo medianamente asequible. Como explica Xavi, "Alba estaba o ano pasado de Erasmus e eu estaba nun piso xa aquí en Santiago, pero era carísimo, custaba 1.500 euros ao mes que pagabamos entre catro persoas, e aínda nolo querían subir outros 500 euros, porque o propietario nos engadía un baixo que tiña que nin sequera estaba en condicións de habitabilidade, era un soto que tiña adaptado como casa". Deste xeito, tivo claro que "pagar 2.000 ou 2.500 euros entre seis persoas por un piso así non pagaba a pena", polo que se puxo a buscar.
Cal foi a súa sorpresa cando viu o que había en oferta nas inmobiliarias. "Púxenme a buscar, pero só me atopaba con pisos roñosos por 300 euros por persoa ao mes", asegura Xavi, que tivo que botar man de contactos. Foi así como se xuntou con Alba, pois o irmán dela tiña uns amigos vivindo nun piso que ían deixar, pois remataban xa a súa etapa universitaria o pasado curso. Como conta Alba, "xa llo collimos, chamamos á inmobiliaria e dixémoslle que nolo quedabamos nós, que xa non llo ensinasen a ninguén". Iso si, o prezo subíronllo: "O ano pasado estes amigos do meu irmán pagaban 700 euros e agora nós pagamos 850 entre os tres". Con todo, Alba amósase rendida: "É o que hai, non os hai mellores por aí". Ademais, asegura que xa no mes de xullo "as inmobiliarias estaban colapsadas e, ao final, había que atopar a alguén que deixara o piso máis que ir a unha inmobiliaria para atopar algo". E é que tamén confesan que "había xente que, cando lle dicías que eras estudante, non querían alquilarche o piso, e outros que buscaban un ano enteiro de aluguer, e claro, non imos estar os tres meses de verán pagando por un piso que non imos usar aquí en Santiago".
LORENA, DA CORUÑA: "O PRIMEIRO ANO PAGABAMOS 525 EUROS ENTRE TRES, CATRO ANOS DESPOIS PAGAMOS 900 EUROS ENTRE TRES"
A suba desorbitada do prezo dos alugueres é algo que tamén viviu Lorena, universitaria chegada a Santiago dende a cidade da Coruña. Está xa en cuarto de carreira e asegura que o que inflaron os prezos dende que ela chegou hai catro anos á capital non é normal. Conta ao GC que "o primeiro ano eramos tres persoas no piso e pagabamos 525 euros ao mes entre os tres", mentres que "este ano sendo igualmente tres persoas pagamos 900 euros ao mes entre os tres". Ademais, como foi cambiando de piso tamén puido comprobar que as condicións nas que se alugan os inmobles son cada ano peores: "Os pisos están cada vez peor, ao haber máis demanda póñenos máis caros, e non lles arranxan nada, o que se rompe queda roto para outro ano". No caso do seu piso actual, asegura que "entregáronnolo sucio de todo e a caseira non nos respostaba para limpárnolo, e iso que na nosa fianza pon que che sacan a metade da mesma se non o entregas limpo ao rematar o período de aluguer...". A iso suma que había "un colchón roto" e que "o ano pasado rompéusenos a persiana en setembro e non nola viñeron arranxar".
Os tempos de procura tamén son algo que Lorena di que cambiou moito: "En primeiro pasamos moito tempo buscando e tivemos mala experiencia, da que aprendemos para os anos seguintes, pero aínda vindo buscar un piso en xuño, este ano pasamos igualmente tres semanas buscando". "Cada ano adiántanse máis as datas para alugar", advirte. É por iso que Aitana, unha universitaria de Fene, leva xa tres anos no mesmo piso e, aínda que non está moi céntrico, asegura que "non o soltamos". Tanto é así que non só pagan por el durante as clases, senón que "quedámonos con el todo o verán", porque "cando chegamos a buscalo en xullo o primeiro ano, vimos que xa case non quedaban pisos dispoñibles". Se o soltan, quítanllo das mans, e iso que o aluguer tamén lles foi subindo. "Ao comezo pagabamos 150 euros ao mes cada un, logo xa foron 160, e agora estamos en 175", lamenta. Con todo, Aitana síntese unha privilexiada por non chegar aos 200 euros tal e como está a cousa, aínda que tamén é certo que "está na zona norte, non aquí onde están a maioría de facultades e a vida universitaria".
ALDARA, DA CORUÑA: "TIVEMOS A PERSIANA DO SALÓN ROTA DURANTE TODO O CURSO, NON VIÑERON ARRANXALA E NON ENTRABA NINGUNHA LUZ NATURAL"
E con respecto ás condicións nas que se atopan os pisos, tamén hai universitarios que contan ao GC as súas malas experiencias. Aldara, unha rapaza da Coruña, conta que "tivemos a persiana do salón rota durante todo o curso, non viñeron arranxala e non entraba ningunha luz natural", e iso tratándose dun piso polo que pagaban 300 euros por persoa. Pola súa banda, Uxía explica que "a miña compañeira levaba tres anos no mesmo piso no que estiven eu o curso pasado, e estaba bastante ben, tiña tres habitacións e dous baños por 800 euros ao mes entre tres persoas", pero "a 15 de xuño, en pleno período de recuperacións e quedando 15 días, dixéronnos que non nos podiamos quedar nel, porque o propietario ía meter á súa filla". Así as cousas, puxéronse a buscar en varias inmobiliarias "e nada baixaba de 850 ou 900 euros". Finalmente, "tivemos moita sorte" e "a avoa dunha amiga que tiña un piso sen alugar en Santiago de tres habitacións e un baño deixóunolo por 600 euros, moi ben de prezo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.