Por Galicia Confidencial | Allariz | 11/09/2024 | Actualizada ás 09:00
A Praza do Matadoiro en Allariz será o escenario da VI Feira dos Produtos Apícolas o vindeiro 14 de setembro. Este evento está organizado conxuntamente pola Asociación Galega de Apicultura (AGA) e o Concello de Allariz, desenvolvéndose desde as 10:00 ata as 20:00 horas.
A feira ofrece aos asistentes unha rica variedade de produtos e actividades relacionadas coa apicultura contando cunha ducia de postos, onde apicultores locais e outros expositores presentarán un amplo escaparate da riqueza e diversidade dos produtos apícolas. Os visitantes poderán descubrir unha gran variedade de meles, ademais doutros produtos derivados da colmea como o pole, o própole e a cosmética apícola. Tamén haberá produtos innovadores como infusións e cervexas elaboradas con mel. Este evento non só pretende ser un mercado tradicional, senón que busca ofrecer unha experiencia máis completa e educativa sobre o mundo da apicultura.
Programación de actividades paralelas:
11:30h: Obradoiro de reciclaxe "Facemos unha colmea" con As Curuxas. As prazas son limitadas ata completar a capacidade.
12:30h - 13:00h: Degustación de produtos no Mercado da Reserva, onde os asistentes poderán gozar de maridaxes con mel da man de Moixo-Cociña.
18:00h: Espectáculo infantil "A Corva, compoñedora de contos" con Cristina Collazo, dirixido a público familiar.
19:30h: Sorteo de dúas cestas con produtos apícolas entre todos os visitantes que realicen compras na feira.
A Feira dos Produtos Apícolas non só pon en valor os produtos da colmea, senón que tamén resalta a importancia da apicultura na economía local e na conservación do medio ambiente. Ao longo do ano, AGA e o Concello de Allariz colaboran en diversas iniciativas como o Día da Abella e cursos de formación para apicultores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.