Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/09/2024 | Actualizada ás 10:37
No mundo suicídase unha persoa cada 40 segundos, e en España é a principal causa externa de mortalidade. En Galicia, no ano 2022, morreron por esta causa 340 persoas (235 homes fronte a 105 mulleres), cunha taxa de 12,28 suicidios por cada 100.000 habitantes, fronte ao 7,79% estatalal e o 11,93% europeo. O país ocupa o segundo lugar na taxa de suicidios en España tras Asturias, e o quinto en cifras absolutas tras Andalucía, Cataluña, a Comunidade Valenciana e Madrid2.
No 2022 houbo en Galicia 9 suicidios máis que no ano anterior, case triplicando as mortes por accidente de tráfico, que se sitúan en 123. En termos absolutos, A Coruña é a provincia que máis suicidios rexistra (155), seguida de Pontevedra (92), Lugo (52) e Ourense (32). En termos relativos, na cabeza atópase Lugo (15,95 suicidios por cada 100.000 habitantes), seguido de A Coruña (13,07), Ourense (10,48) e Pontevedra (10,47).
Este 10 de setembro conmemórase o Día Mundial para a Prevención do Suicidio, sendo este, segundo a OMS, un dos problemas máis graves de saúde pública que debe ser atendido de forma prioritaria. Por iso, Saúde Mental FEAFES Galicia quere reivindicar unha abordaxe transversal do suicidio para mitigar os seus efectos, sendo preciso traballar na prevención, detección, diagnóstico, tratamento e continuidade de coidados dos problemas de saúde mental, así como nunha visibilización axeitada e responsable desta realidade.
INFORMACIÓN
Así, destaca que o programa “Conecta coa vida” busca ofrecer información e asesoramento sobre o suicidio a toda a poboación, partindo da base de que o silencio que rodea ao suicidio produce un aumento do estigma, a desinformación, a incomprensión e dificulta o acceso ás medidas de prevención.
O obxectivo deste programa é realizar accións de sensibilización, prevención, detección precoz, coordinación e intervención dende unha perspectiva integral para previr e atender a conduta suicida, así como realizar accións de postvención en superviventes. Deste xeito, presta especial atención aos colectivos vulnerables ou ás persoas con maior risco de desenvolver unha ideación suicida, especialmente mulleres en situación de violencia, persoas con discapacidade, persoas cun diagnóstico de saúde mental e persoas en risco de exclusión.
No 2023, no marco do programa “Conecta coa vida”, Saúde Mental FEAFES Galicia recibiu 103 consultas sobre suicidio, prestando atención a 68 persoas en risco e a 40 familiares. Tamen a web conectacoavida.org é un espazo que aporta información sobre o suicidio e facilita consellos para a súa abordaxe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.