Ata onde pode chegar a axuda dos drons na vendima? "Ata onde a lexislación o permite, porque tecnoloxía hai"

Federico Enguix, director de operacións de vitiDron, considera que "os drons permiten aos viticultores aforrar un montón de tempo, pois zonificando o espazo podemos dicirlle que zonas están ben e pode pasar máis por alto, e cales son nas que se debe concentrar", de tal maneira que "contamínase menos cos tratamentos e realízase menos gasto nos mesmos".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 15/09/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os drons son unha desas tecnoloxías que chegaron para quedar, pero que requiren dun nivel de coñecementos que os fai non aptos para todo o mundo, alo menos non se se quere explotar todo o seu potencial. A día de hoxe xa non só son usados para tomar fotografías e vídeos aéreos, tamén se empregan para aplicacións militares, na agricultura de precisión, para a inspección de infraestruturas, na entrega de paquetes... As súas aplicacións son múltiples, ao igual que as súas funcionalidades. Agora ben, a pregunta é: algunha vez víchedes en Galicia un dron voando que non fose con fins recreativos ou fotográficos? Reflexionade sobre esta cuestión porque hoxe, dende o Galicia Confidencial, falamos con Federico Enguix, director de operacións de vitiDron, unha empresa con sede na nosa terra especializada no manexo desta tecnoloxía para mellorar as condicións da vide galega nun momento no que está sendo máis atacada que nunca a causa das pragas e enfermidades, alentadas polo cambio climático.

Dron analizando unha vide
Dron analizando unha vide | Fonte: vitiDron

En concreto, o primeiro que se debe matizar é que os drons de Enguix non realizan a vendima como tal, é dicir, non van voando, se achegan á viña, e cortan os ramos para logo levalos voando de volta ata os capachos. Isto, que estaría moi guai, aínda é cousa das películas. Pero o que si fan é "análise e detección anterior á vendima para garantir que cando se vai recoller a uva esta se atopa nas mellores condicións de saúde". Así as cousas, o director de operacións de vitiDron explica que "facemos análise do terreo", o que "nos permite detectar zonas de maior risco por pragas, por xeadas, por inundacións...". Trátase dunha forma de prevención anticipada na que a medida que o dron vai voando e sondeando a vide, vai detectando anomalías na mesma. Agora ben, unha vez se detecta un problema, o identificar de que se trata, polo momento, é algo que aínda non se pode facer de xeito automático, senón que "se avisa ao viticultor en cuestión para que se achegue á zona que presenta a problemática a vista de dron". "Dende o aire o que ves é que a zona ten un problema, o seu tamaño, onde está...".

Isto que pode semellar baladí, non o é cando se pensa en grandes extensións de vide nas que o agricultor tería que percorrer quilómetros andando cada día para manter a vixilancia sobre a zona, ou nas escarpadas pendentes que conforman as vides da zona da Ribeira Sacra que supoñen unha verdadeira quebradura de cabeza no seu acceso. E é que, como evidencia Enguix, "mesmo aqueles viticultores que afirman poder percorrer 30 hectáreas de terreo camiñando, cando van pola número 15, xa ven unha de cada cinco viñas, ou comezan a pasar por alto cousas". Por iso, considera que "a tradición de ir camiñando e revisando as vides está moi ben, pero ao final sempre hai cousas que se che escapan, porque somos humanos, mentres que cun bo dron non se che escapa nada, xa que están traballando cunha resolución centimétrica que permite a análise case de cada folla con total precisión", apunta.

"DE MOMENTO NON HAI NINGÚN 'SOFTWARE' DE ANÁLISE DA VIDE NO MERCADO, DE TAL XEITO QUE O NOSO SISTEMA O DESEÑAMOS NÓS, MOI ARTESANAL"

Con tres anos e tres tempadas de recolleita ás súas costas e traballando para Galicia, pero tamén para outras zonas de tradición vitivinícola como Ribera del Duero ou A Rioxa, dende vitiDron aseguran que "non hai moita empresa traballando no noso ámbito, a pesares de que está a ter boa demanda e que os viticultores nos chaman". O problema pode residir en que actualmente non existe un sistema deseñado para este labor como tal, senón que "o noso o creamos nós mesmos, porque para todo o tema da análise non hai ningún 'software' aínda que poidas mercar ou que estea dispoñible". Deste xeito, Enguix explica que "todo é un pouco feito a man, programado a man e baseado na nosa experiencia", polo que "trátase moitas veces dun traballo artesanal, máis do que un quixera, lamentablemente, pero non queda outra". Agora ben, tamén confesa que "a idea a futuro é poder ir automatizando o sistema todo o posible empregando a intelixencia artificial (que poida recoñecer patróns a través de algoritmos)", pero para iso requírese "moito tempo e moita inversión". 

Un piloto de drons programando o voo
Un piloto de drons programando o voo | Fonte: vitiDron

Entón, como se traballa, na práctica, con estes dron? A situación é a seguinte: un profesional chega á zona do viticultor polo que foi contratado e, co permiso de piloto de drons en vigor, lanza a voar o dron. Unha vez no aire, "o que fai realmente o dron é tomar fotos, con cámaras especies e cunha determinada forma de voo". Unha vez tomadas as fotos, "estas deben ser analizadas para poder sacar conclusións desa interpretación". Esas conclusións serán trasladadas ao técnico de campo coa maior información posible. Dependendo do nivel de detalle pódeselle avisar simplemente de que unha zona se atopa en mal estado para que a vaia revisar ou mesmo pasarlle a ubicación xeográfica exacta no Google Maps para que saiba onde debe ir. É por iso que Enguix considera que "os drons permiten aos viticultores aforrar un montón de tempo, pois zonificando o espazo podemos dicirlle que zonas están ben e pode pasar máis por alto e cales son aquelas nas que se debe concentrar", de tal maneira que "contamínase menos cos tratamentos e realízase menos gasto nos mesmos".

"IMOS XOGANDO CO NÚMERO DOS VOOS E O TEMPO, FACÉNDOOS NO MOMENTO QUE CONSIDERAMOS MÁIS CRÍTICO PARA A APARICIÓN DE PROBLEMAS"

E por que non é posible identificar directamente que problema ten a vide empregando o dron? Todo chegará, pero, polo momento, é complicado dicir dende o aire a enfermidade que está afectando á vide. "Tes que ir ao campo a velo porque mesmo hai moitas veces que o propio técnico de campo que está alí vendo a viña colle unha folla e non sabe realmente o que ten ata que non a mete no laboratorio ou ata que xa está moi avanzado o problema", explica Enguix. Así, se a finalidade dos drons é detectar que algo vai mal nos primeiros momentos de que comece a ir mal, "sería difícil sacar conclusións dende o aire". E pon o exemplo dunha radiografía: "Pódenche identificar que tes un xeonllo roto, pero non saben dicirche de onde ven a rotura nin moito menos como curala ata que chega o traumatólogo".

Tamén hai outro problema engadido: os tempos de voo. Ao tratarse dun servizo, os viticultores contrátano para realizarse durante certos períodos de tempo acoutados e "se eu voo o dron xusto o día antes do comezo da enfermidade e non o volvo voar ata o seguinte mes, porque o contrato pacta o voo unha vez ao mes, pois pasará un mes ata que nos demos conta de que esa enfermidade está aí". Neste senso apunta que "imos xogando un pouco co número de voos que facemos nunha tempada e os momentos que cremos máis precisos para os mesmos, porque son os máis críticos para o comezo das enfermidades e pragas, problemas hídricos de gran ou deficiente abastecemento de auga ou de calquera outro tipo", argumenta Enguix.

"AS NOVAS XERACIÓNS VEN A TECNOLOXÍA DOUTRA MANEIRA, PERO MOITA XENTE MAIOR TEN TAN ARRAIGADA A FORMA TRADICIONAL QUE SE RESISTE A MUDALA"

Respecto do tipo de drons que se empregan para sondear os terreos, Enguix asegura que iso vai depender moito do tipo de terreo que se vaia tratar: "Si son terreos pequenos trabállase normalmente en multicóptero, que é o típico dron de catro aspas que todos estamos acostumados a ver, cun tamaño mediano, porque debe ser o suficientemente pequeno para que goce dunha boa autonomía, pero tamén o suficientemente grande para poder portar as cámaras que usa para o sondeo, que son especiais (térmicas, multiespectrais...)". Pola contra, "se se tratase de terreos moi grandes, algo que aquí en Galicia non adoita haber, como sería o caso de 100 hectáreas xuntas de vide, o que se adoita empregar xa son drons de ala fixa, que son quen de voar máis rápido e de cubrir, polo tanto, máis radio de acción", apunta o director de operacións de Vitidron.

Con todo, hai dous grandes retos aos que os pilotos de dron se teñen que enfrontar na actualidade: a mentalidade tradicional de moitos viticultores e a lexislación española sobre drons. Sobre o primeiro problema, o director de operacións de Vitidron lamenta que "é o máis difícil de superar, porque en Galicia, máis que no resto de España, é moi difícil lograr que os viticultores cambien os seus hábitos", de tal xeito que para eles "o feito de camiñar toda a vide para atopar os seus problemas é unha tradición, practicamente". Do mesmo xeito que case o é o "tratar por igual toda a vida, e non sectorializada polo fai o dron, aforrando en gastos e contaminando menos". "As novas xeracións xa non son así, ven a tecnoloxía doutra maneira, coma unha aliada, pero aínda hai moita xente maior en Galicia que ten moi arraigada a tradición de como se veu facendo toda a vida a vendima e resístese a mudala, e moito máis a introducir nela cousas eléctricas e tecnolóxicas". A eles, Enguix diríalles que "o mundo muda, a tecnoloxía muda e as normas tamén mudan". 

"É COMPLICADO CHEGAR MÁIS ALÓ DA TELEDETECCIÓN, POR LEI, AÍNDA QUE A TECNOLOXÍA O PERMITE E NO RESTO DO MUNDO XA SE SEMENTA CON DRONS"

Sobre o segundo reto, a lexislación, Enguix amósase pouco esperanzado no caso de España: "Os drons avanzan moito máis rápido do que o fai a lexislación", de tal xeito que "ese é o medo que temos, que sacaron recentemente unha lei que nos beneficia nalgunhas cousas, pero que tamén nos perxudica enormemente". Asegura que, "a nivel europeo, a cousa aínda segue retrasada e España está algo freada no que respecta, por exemplo, ao deseño de aplicacións con drons ou emprego dos drons para a dispensación de produtos fitosanitarios nas plantacións". E, como non todas as comunidades avanzan ao mesmo ritmo, evidencia que "Galicia estaría na cola", pois "preséntansenos moitos problemas á hora de solicitar os permisos pertinentes para facer cousas". Enguix pon un exemplo que evidencia esta problemática: "Imaxina que me chega un cliente e me di que precisa facer un aplicativo mañá mesmo, eu téñolle que dicir que é imposible, porque preciso pedir o permiso ao Ministerio de Interior con 15 días de antelación, polo que o cliente me dirá que non lle serve o meu servizo".

É por iso que aínda demostrando ao longo destas tres tempadas que os drons serven para detectar problemas na vide e que axudan a adiantar os tempos de resposta dos viticultores, vitiDron non pode chegar todo o lonxe que lle gustaría na práctica. Así as cousas, "fóra de todo o que é a teledetección de problemas en agricultura, é moi complicado por lei chegar máis aló, e non porque tecnoloxicamente non se poda, porque de feito no resto do mundo están xa sementando con drons, pero aquí, a lexislación que temos, fainos estar moi freados", conclúe Enguix, que lamenta que "aínda a día de hoxe nos sigan vendo como o enimigo, en lugar de como o aliado, que é o que verdadeiramente somos".

Un dron facendo unha análise multiespectral da vide
Un dron facendo unha análise multiespectral da vide | Fonte: vitiDron
Así ve o dron a nivel 3D a vide
Así ve o dron a nivel 3D a vide | Fonte: vitiDron
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta