Por Amanda Fernández | Lugo | 24/09/2024 | Actualizada ás 22:00
Non é raro que nesta época do ano sexan moitos os que anden á recollida das patacas. Veciños que se axudan entre eles, maquinaria en funcionamento e caixas cheas de patacas. Porén, como está sendo esta campaña xa iniciada? "Está bastante retrasada, debido aos problemas climatolóxicos que se deron ao longo da primavera con moita choiva, que retrasou a sementeira e, polo tanto, condiciona a recollida", expón Xosé Manuel Gómez, presidente da IXP (Indicación Xeográfica de Galicia) Pataca de Galicia. O retraso é máis acusado nas plantacións de comarcas onde o normal é plantar a mediados de maio e chegaron a facelo xa a finais de xuño ou principios de xullo. "Os seus ciclos aínda están sen cumprir", manifesta. Noutras épocas a esta altura xa se debería andar pola metade, pero na actualidade, en case todas as zonas, levan recolleitado "só un 20%".
Por zonas, a máis avanzada e a excepción sería a de Monterrei, onde as plantacións se fixeron antes; na comarca da Limia vai moi retrada e, comenta, "terriblemente retrasada" na zona de Bergantiños. Sendo o punto de Carballo, un dos que máis choiva presenta, houbo moitas parcelas nas que incluso chegaron "a pudrir" e houbo que replantar moitas parcelas. Agora atópanse sufrindo as consecuencias desa problemática, pero polo xeral, durante esta semana traballan arreo porque a climatoloxía acompaña. "Xa falan de que volve chover, entón a ver se con sorte, temos unha semana productiva", manifesta.
Por variedades, a kennebec, de ciclo curto, considera que "está ben", ocupa unhas 340 hectáreas sendo a máis cultiva. Por outro lado, a agria, de ciclo máis longo, "vai un pouco retrasada" e cultívase en 260 hectáreas. Ambas con epicentro en Ourense.
"A ESTIMACIÓN E DUN 10 OU 15% MENOS DE PRODUCIÓN"
Xosé Manuel non é moi amigo das estimacións porque reivindica que na metade das veces un equivócase, pero cre que "haberá unha merma na produción". Unha baixada xeralizada e que non se atreve a cuantificala como tal pero si estima que será entre un 10 ou 15% menos . A razón disto pode deberse a ter uns calibres moito máis pequenos: "Houbo problemas de emerxencia, tivemos entre 25 ou 30 parcelas afectadas polas choivas da primavera, que condicionaron a campaña e a retrasaron".
Nesta liña, comenta que moitas, a parte das que pudriron, tamén experimentaron unha dobre tuberización. Coa forte humidade e as temperaturas bastante elevadas, houbo variedades que tuberizaron outra vez, co cal os calibres son moito máis pequenos. Comenta que o tamaño da pataca ou calibre comercial aquí vai "desde os 35 ata os 70 e pico ou 80 milímetros". Que sexan máis pequenas, obviamente repercute nos quilos totais de produción por hectárea. Porén, con todo, recoñece que "por sorte" vai un pouco compensado cos prezos que se incrementaron bastante. "Non podemos dicir que os beneficios ao productor lle vaian subir moito, pero é unha pequena axuda".
Os prezos están á alza por unha problemática que afecta en España "nas zonas temperás de Andalucía ou Castela e León", cunha produción baixa. "Ao haber pouco, o prezo sobe, pola oferta e demanda", sinala o presidente da IXP Pataca de Galicia.
"COLLEITA DUNHA CALIDADE EXCEPCIONAL"
Os prezos serán moi dispares, dependen da variedade e data de recolleita, e poden cambiar nunha semana. Estima: "A variedade temperá ou kennebec, falamos hoxe de aproximadamente 50 ou 60 céntimos o quilo; na comarca de Bergantiños, algo superior nuns 60 e algo ou 70 céntimos o quilo; e a agria, máis industrial, sobre os 50 céntimos. Son prezos bastante axeitadiños".
E ben os vale porque, con todo, fai fincapé "na calidade excepcional". No inicio da campaña presentaron probelmas coa sementeira porque a pataca de semente viña mal calibrada e cara, pero despois o ciclo foi "bastante ben". A campaña, quitando certas zonas como a de Coristanco ou A Mariña, de moita máis humidade e máis tratamentos, "non tivo apenas problemas de praga ou enfermidades". Expón, así, que sanitariamente vén moi ben e de calidades organolépticas excepcionais.
Por comarcas, destaca a da Limia por ser onde máis se produce, tanto a nivel de produción xeral, como dentro da IXP Pataca de Galicia: "O 80% das nosas parcelas inscritas e da produción de pataca a efectos comerciais é desta comarca. Controlamos unha superficie de sobre 3.000 hectáreas, das que a superficie plantada é de 520 hectáreas na Limia". Logo estaría a comarca de Bergantiños, cunhas 70 hectáreas inscritas baixo o seu selo, seguida de Monterrei, A Mariña, Terra Chá...
Cando rematará a colleita? Comenta Xosé Manuel que existe unha disxuntiva na que se atopan moitos productores: "O problema é que non saben se agardar a que gañe máis calibre e cumpra o ciclo ou comezar a recoller por se logo chove e igual quedan na terra". Si se repite o patrón climático do ano pasado cando as precipitacións chegaron a primeiros de outono, apunta, "pode supoñer un grave problema".
Moita xente xa se anima a recoller e sobre primeiros ou mediados de outubro ten unha porcentaxe elevada de patacas xa recollidas. Todo dependerá da climatoloxía e así reflexiona de que cada vez máis "ser agricultor pasa a ser profesión de risco". Conta que ten un amigo que di que todo productor quere producir para ter rendemento económico no futuro, que non se traballa por xenerosidade: "Dependemos totalmente do tempo climatolóxico e cando non axuda, temos serios problemas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.