Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/09/2024 | Actualizada ás 12:40
O eurodeputado do PSdeG Nicolás González Casares rexistrou unha serie de preguntas no Parlamento europeo sobre o anteproxecto de Lei de Servizos dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia, que impulsa o Goberno de Alfonso Rueda por considerar que pode existir unha "posible vulneración" da normativa europea.
Nun comunicado, González Casares advirte que este anteproxecto podería vulnerar a lexislación europea que protexe a liberdade e a independencia dos medios de comunicación, "pondo en risco a pluralidade e a promoción da lingua e culturas galleas na CRTVG, o ente público de comunicación".
"Desde hai anos, os traballadores da CRTVG denuncian a manipulación informativa na canle, un problema especialmente grave dado que o medio é financiado cos impostos de todos os galegos e galegas", sinala para censurar que, a pesar destas denuncias, "o goberno do PP non só ignorou estas reclamacións, senón que agora pretende aumentar aínda máis o seu descontrol".
Nas iniciativas, o socialista avisou da "concentración do poder nos nomeamentos" e solicitou á Comisión Europea que analice se o novo sistema proposto, que elimina a necesidade dunha maioría reforzada no Parlamento para elixir á dirección xeral e ao consello de administración, respecta os principios de pluralidade e independencia que deben rexer nos medios públicos.
NOMEAMENTOS PARTIDISTAS
González Casares considera que este cambio concentraría o poder de nomeamento "nas mans dun só partido, o PPdeG, e do presidente da Xunta, o que podería pór en perigo a imparcialidade e a independencia da CRTVG".
Así mesmo, expuxo a "posible incompatibilidade" da eliminación do Estatuto profesional e do Consello de Informativos coa normativa europea que asegura o control interno e a transparencia nos medios de comunicación. "A proposta de substituír estes mecanismos por un consello asesor, cuxos membros serían designados directamente polo Goberno galego, podería supor unha grave intromisión política que erosione a independencia da CRTVG", asegura.
Outra das cuestións abordadas por González Casares é a apertura da CRTVG a iniciativas privadas en todas as súas áreas, unha medida que, conforme sinala, podería reducir a produción propia e debilitar a calidade dos informativos, comprometendo a función de servizo público.
COLEXIO DE XORNALISTAS
Por outra banda, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia solicitou xuntarse cos grupos parlamentarios galegos para trasladarlles as preocupacións da profesión xornalística galega sobre o anteproxecto de lei para os medios públicos, así como para coñecer a postura dos distintos partidos políticos. Así mesmo, fai públicas as súas suxestións sobre o texto aprobado no Consello da Xunta, presentadas o pasado mes de agosto dentro do proceso de exposición pública.
Máis concretamente, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia presentou alegacións a quince dos cincuenta e nove artigos do anteproxecto, así como á disposición adicional segunda e á disposición derradeira terceira. Nelas, sinálase a necesidade de conservar e custodiar os documentos e materiais audiovisuais que formen parte do patrimonio documental de Galicia, de prohibir a cesión a terceiros dos servizos informativos, de manter o galego como "lingua da Corporación" ou de que os e as xornalistas da Corporación participen na elaboración das normas de estilo e autorregulación dos servizos informativos, ademais doutras cuestións como as apuntadas anteriormente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.