Unha enquisa realizada pola CIG dá un suspenso á Xunta na súa xornada de benvida para novos profesores

As valoracións outorgadas foron un 2,65 en Secundaria e un 2,77 en Primaria dunha escala do 1 ao 5, onde o 3 é o suficiente. Os participantes criticaron o momento elixido para estas "xornadas obrigatorias", na primeira semana de setembro cando "non achegan case nada" e o profesorado ten "escasa experiencia previa"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/09/2024 | Actualizada ás 19:56

Comparte esta noticia

Unha enquisa realizada pola CIG-Ensino entre os centos de docentes en prácticas que acudiron a unhas xornadas de benvida que organizou a Xunta, a primeira semana de setembro, suspende estes eventos. En concreto, o sindicato refírese a dous actos que houbo os días 4 e 5 de setembro e que contaron coa presenza e a intervención do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, entre outros altos cargos do seu departamento.

Segundo a CIG, houbo intervencións que si foron "ben valoradas" polos máis de 700 novos docentes que responderon a enquisa, por exemplo a información sobre Muface, aínda que outras intervencións consideráronas "propaganda do traballo que realiza" a Administración galega. As valoracións outorgadas foron un 2,65 en Secundaria e un 2,77 en Primaria dunha escala do 1 ao 5, onde o 3 é o suficiente. A CIG suxire que esta nota "non é habitual" en xornadas organizadas polo servizo de formación do profesorado, "o que tamén debería obrigar a reflexionar a quen tomou a decisión de pasear o conselleiro e os altos cargos nun acto destas características".

Ademais, os participantes criticaron o momento elixido para estas "xornadas obrigatorias", na primeira semana de setembro cando "non achegan case nada" e cando parte do profesorado ten "escasa ou ningunha experiencia previa" e precisa adaptarse a un novo traballo. Por todo iso, o sindicato suxire á Xunta que elimine ou reoriente o formato desta formación e que sexa "máis próxima, por comarcas ou polo menos grandes cidades". Así mesmo, non lle ve sentido ao feito de que, mentres os cursos en igualdade e en galego son 'en liña', esta xornada é presencial cando ten "moita menos relevancia". Tamén pide que a formación estea "exenta de calquera intervención política" e que a ofreza "profesorado con experiencia" e que xa forme parte habitualmente da tutorización de novo funcionariado.

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, a de FP, Eugenia Pérez, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e a directora xeral de Innovación Educativa, Judith Fernández
O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, a de FP, Eugenia Pérez, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e a directora xeral de Innovación Educativa, Judith Fernández | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta