Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/09/2024 | Actualizada ás 13:09
O PP aprobou en solitario unha iniciativa parlamentaria que reclama ao Goberno central que suprima "todos os impostos" que gravan o tratamento de residuos, unha petición que os grupos da oposición tacharon de "disparatada" e na que ven un intento por "tapar" o "tasazo" de Sogama aos concellos.
A iniciativa saíu adiante só cos votos do Grupo Popular --BNG e PSdeG votaron en contra e D.O., abstívose--, que levou ao pleno da Cámara esta iniciativa por mor da subida do canon de Sogama, que os populares atribúen a unha decisión do Executivo central mentres a oposición lembra que se debe á aplicación dunha directiva europea que penaliza o depósito e a queima de lixo como método de tratamento.
Na sesión deste mércores, o deputado do PP Gonzalo Trenor foi o encargado de defender un texto que, ademais de reclamar da eliminación de "todos os impostos que gravan a actividade do tratamento de residuos", tamén reclama ao Goberno central que recupere a retribución ao investimento da termoeléctrica de Sogama.
Por iso, censurou a creación deste imposto en España, que aplica unha directiva europea aprobada en 2018 que penaliza ás rexións con modelos de xestión de residuos que basean o seu sistema na queima e enterramento do lixo e que, segundo Trenor, "a maioría" dos países europeos "aínda" non asumiron.
CRÍTICAS
Este dato foi rebatido pola deputada do PSdeG Paloma Castro, que sinalou que, na actualidade, aplícase en países como Francia, Italia, Portugal, Dinamarca ou Bélxica; mentres que Lituania, Estonia ou Eslovaquia están no grupo de estados membros que pediron prórrogas.
"O PP quere que Galicia siga a política de reciclaxe dos países do leste de Europa?", preguntouse Castro, que sinalou que Sogama envía o 60% dos residuos a incinerar, o 21% ao vertedoiro e "só" recicla o 18%. "A realidade é que Europa grava cun imposto a forma de xestión de Sogama", concluíu.
Por parte do BNG tomou a palabra Luís Bará, que tachou de "disparate" que o PP reclame o final de "todos" os impostos que afectan o tratamento de residuos, entre os que, como subliñou, tamén se inclúe o IVE.
"Todo isto dálles igual porque non queren un debate serio sobre isto, só queren desviar a atención para que non se fale do sablazo de Sogama", espetou Bará, que cualificou de "tarambainas" a lso populares por expor unha reclamación que vai en contra dun mandato da Unión Europea que foi aprobado en 2018 "co voto a favor do PP".
SOGAMA AVALADO POLA UE
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, defendeu que o modelo de xestión de residuos que leva a cabo Sogama "está avalado pola Unión Europea" e volveu a responsabilizar ao "afán recadatorio" do Goberno central da subida do canon que cobra por recollida de tonelada de lixo aos concellos adheridos ao sistema xestionado pola Xunta.
"NON DAR A CARA"
Un argumento que, en cambio, os grupos da oposición na Cámara galega, BNG e PSdeG, ven "unha escusa" para "tapar" o "colapso" dun sistema que socialistas e nacionalistas coinciden en ver como "obsoleto", como manifestaron os deputados Luís Bará (BNG) e Paloma Castro (PSdeG) nas súas intervencións nas interpelacións á conselleira pola subida do canon de Sogama.
Ambas as interpelacións estaban fixadas para a sesión plenaria de hai dúas semanas, pero foron aprazadas pola viaxe de Ángeles Vázquez a Bruxelas para defender a postura de Galicia ante os procedementos xudiciais abertos na xustiza comunitaria sobre o desenvolvemento de parques eólicos.
Finalmente, as cuestións da oposición, que viu o adiamento como unha forma de "esconderse" e "non dar a cara" coa "escusa" da viaxe a Bruxelas, tiveron lugar na sesión plenaria celebrada este mércores, onde Vázquez subliñou que a subida do canon corresponde á aplicación da lei de residuos que traspón a directiva europea aprobada en 2018 que obriga aos estados membros a gravar o depósito e incineración como método de xestión de residuos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.