Os cadros votivos, historia viva das doenzas e dos costumes da sociedade galega de antano

O Santuario de Nosa Señora da Escravitude, en Padrón, é o que garda máis exvotos deste tipo: un total de 56. Séguelle o Santuario de Santa María da Pastoriza Virxe, en Arteixo, con 22. O escritor e investigador José Fuentes Alende conta ao GC as características e curiosidades destes cadros.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 13/10/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Galicia é unha terra moi rica en tradicións. Un territorio onde o máxico segue convivindo co terreal, onde a xente aúna pasado con modernidade, onde a relixión bebe do paganismo, onde os santos e as crenzas seguen fondamente arraigadas e onde a maioría das festividades xiran arredor das divindidades. Fai apenas unhas semanas tiveron lugar na nosa terra tres das romarías máis importantes do ano: a de Santa Minia, en Brión; a do San Campio, en Outes; e a dos Milagres de Amil, en Moraña. Todas converxen nun punto: os feligreses ofrecen diferentes exvotos aos respectivos santos para pedirlle algún tipo de favor, polo xeral relacionado co sanamento de enfermidades do corpo e da alma. Milleiros e milleiros de persoas concéntranse ás portas dos santuarios con obxectos de cera que representan partes do corpo ou mesmo corpos enteiros. Esta é a forma de exvoto máis típica e a que máis se segue empregando hoxe en día. Sen embargo, houbo un tempo no que nestes e noutros santuarios galegos, se facían ofrendas de maior calibre, como era o caso de cadros votivos. Esta tradición perdeuse co cambio dos costumes e a irrupción da fotografía, sen embargo, algúns cadros de séculos pasados aínda perviven. Falamos co escritor e investigador José Fuentes Alende sobre eles.

'Los exvotos de Galicia', libro de José Fuentes Alende
'Los exvotos de Galicia', libro de José Fuentes Alende | Fonte: Deputación de Pontevedra

Como nos explica o investigador, os cadros votivos eran "outra maneira de deixar constancia do favor recibido por unha divindade, que tamén se lle daban como agradecemento polo mesmo". Así, asegura que en Galicia hai moitos santuarios que teñen cadros votivos. Todos eles contan cunha estrutura clara, pois están divididos en tres partes: "Na parte superior atópase a parte celestial, onde está representada a imaxe da Virxe, do Cristo ou do santo correspondente; no medio está a zona que podemos chamar terreal, onde se representa ao enfermo na cama, xeralmente, axudado por familiares, sendo auscultado por médicos ou mesmo recibindo o sacramento da 'extremaunción' por parte de curas, servindo así estas representacións como documentos etnográficos históricos fundamentais para coñecer a vida da época, os mobles, as vestimentas...; e, finalmente, teñen unha parte inferior na que acollen a lenda (aínda que hai algúns casos nos que esta parte se pode confundir coa terreal), onde se narra o nome da persoa enferma, os anos que ten, o lugar de procedencia, a enfermidade que lle afecta e o que ofrece (dende unha misa na honra do santo ata procesionar descalzo ata o santuario ou o sacrificio de bois, becerros, cabalos...), incluíndo o propio cadro".

NA ESCRAVITUDE HAI UN CADRO OFRECIDO POLA FAMILIA DUN CURMÁN DE ROSALÍA

Estes cadros foron depositados nos diferentes santuarios, pero na actualidade non son moitos, por desgraza, os que se conservan. O santuario que conta con maior número é o de Nosa Señora da Escravitude, en Padrón, que ten 56 (actualmente pódense ver na sacristía, dispostos todos eles nun gran retablo aberto a visitas), sendo o máis antigo datado no ano 1825. Con todo, Fuentes Alende ten claro que "antes xa había cadros votivos, o que acontece é que desapareceron dos santuarios, tanto deste da Escravitude como doutros moitos, e non sabemos por que, nin en que momento", lamenta. Despois do da Escravitude, o que máis cadros votivos conserva é o Santuario de Santa María da Pastoriza Virxe, en Arteixo, que conta cun total de 22. Seguiríalle, xa moi de lonxe, o Santuario de Santa María de Vilaselán, en Ribadeo, con tan só 6; ao igual que o Santuario dos Milagres do Monte Medo, en Baños de Molgas, tamén con outros 6. Tamén se podería destacar neste listado o Santuario de Santa Minia, en Brión, que, a pesares de ser de construción moito máis recente que os demais (século XIX), conta con 4 cadros votivos conservados. 

Para o investigador, estes cadros foron unha auténtica bendición a nivel procurativo, xa que, cos medios actuais, é dicir, a través de Internet, mesmo chegou a identificar algunhas das personaxes que neles aparecen, seguindo o rastro da súa vida, dende o ofreceron o cadro ata cantos anos duraron enfermos tras ese obsequio á divindade. Como exemplo, cóntanos o caso dun dos cadros que alberga o Santuario da Escravitude, ofrecido polo curmán de Rosalía de Castro, a quen a autora lle adicou un poema en 1843, cando só estaba comezando a súa faceta como poetisa: "En verdade, foi ofrecido polos pais deste rapaz, é dicir, polos tíos de Rosalía, cando este tiña entre os 4 e os 7 anos", conta Fuentes Alende. Tamén puido coñecer o enfermo que se agochaba tras o máis recentemente datado cadro conservado neste santuario: "Trátase dun cadro xa de comezos do século XX que fala dun rapaz de mes e medio ou dous meses de idade aqueixado dunha enfermidade moi grave do pulmón, desafiuzado polos médicos", explica o escritor, que engade que, "tras investigalo a partir do nome e apelidos que aparecen nos cadros, atopei á familia, o pai era maxistrado en Ortigueira". Ao final, "tras o ofrecemento desta familia, o rapaz curou e estudou ciencias en Santiago, para logo converterse no 1933 en profesor e secretario no instituto da Estrada, pasando logo no 1937 ao instituto de Pontevedra con esas mesmas funcións". Rematou por morrer no ano 1961, aos 60 anos.

Cadros votivos que alberga o Santuario da Nosa Señora da Escravitude, en Padrón
Cadros votivos que alberga o Santuario da Nosa Señora da Escravitude, en Padrón | Fonte: Commons

HAI CADROS ASINADOS POLO MATRIMONIO GARABAL, PINTORES DE MOITA SONA NA SÚA ÉPOCA EN SANTIAGO

Cómpre resaltar que non en poucas ocasións se asimila a relixiosidade popular con algo típico de persoas analfabetas, de baixa clase social e sen estudos nin cartos, algo que Fuentes Alende desminte totalmente, pois, "aínda que ben é certo que hai cadros que teñen mellor calidade que outros, un cadro, naquela época, aínda que fose feito por aprendices, custaba moitos cartos". Ademais, tamén resalta que no Santuario da Escravitude, seguindo con este exemplo, "hai cadros asinados polo matrimonio Garabal, uns pintores de moita sona na súa época en Santiago, moi recoñecidos entre as clases altas". Por se isto fose pouco, moitas veces nos propios cadros se recolle na lenda que ademais do propio cadro a familia da persoa enferma ou o propio enfermo ofrece un animal: dende un boi ata un cabalo, algo que "supoñía moito para a economía familiar da época".

Agora ben, que é o que levaba aos devotos a optar como exvoto por un cadro votivo en lugar de por unha figura de cera? Iso é algo que o investigador aínda non ten claro, pero supón que pode deberse ao feito de que "a figura ao final non é moi representativa, é máis abstracta, mentres que no cadro aparece un retrato da persoa, e, por moi mal feito que estea, sempre é máis representativo que unha figura xeralista". Con todo, concede que "os cadros votivos foron en decadencia dende que irrumpiu a fotografía e se fixo asequible para todos os petos". Tanto é así que, xunto ás figuras de cera, en santuarios como pode ser o do Corpiño, en Lalín, hai centos de fotografías que foron ofrecidas como exvoto ao Cristo, e mesmo fotomontaxes que queren imitar aos cadros votivos antigos, onde se pon a foto da Virxe, a foto do enfermo ao lado e unha lenda que explica por que se ofrece esa montaxe. Do mesmo xeito, o escritor apunta ás fotografías que cada ano enchen o santuario do San Campio de Figueiróo, en Tomiño, moitas delas tamaño carné e cunha anotación ao dorso na que a persoa que pide un favor ao santo lle explica por que ofrece a fotografía en cuestión.

COA CHEGADA DA FOTOGRAFÍA, OS CADROS VOTIVOS FORON DESAPARECENDO, PERO A TRADICIÓN NON SE PERDEU, TRANSFORMOUSE

Polo tanto, así as cousas, podemos concluír que a tradición dos cadros votivos non é que se perdese como tal, senón que, como afirma Fuentes Alende, "se transformou". Desta maneira, os cadros como obxectos físicos si desapareceron, pois xa non se fan este tipo de ofrendas, pero naceron as fotografías. Para o investigador está claro que a sociedade actual non é coma a de antes en moitos aspectos, e este é un deles, ao igual que "tamén foron mudando os problemas: antes non se lle daba tanta importancia a cuestións que hoxe si se poñen enriba da mesa, como o paro, os problemas de convivencia, os problemas dentro do matrimonio, as adiccións ás drogas e mesmo a sexualidade que desgusta a certas familias". "As cousas teñen que seguir evolucionando e adaptarse aos novos tempos, para non desaparecer", conclúe o escritor.

Cadro votivo entregado no Santuario dos Milagres de Arante, en Ribadeo
Cadro votivo entregado no Santuario dos Milagres de Arante, en Ribadeo | Fonte: Commons
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta