Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/10/2024 | Actualizada ás 17:26
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, negou que haxa unha "infrafinanciación" por parte da Xunta aos concellos, en resposta a unha pregunta do BNG na Comisión 1ª Institucional de Administración de Xustiza e Interior, no Parlamento galego.
"A colaboración e o apoio da Xunta aos concellos non paro de crecer ano a ano, é mentira que os fondos non aumenten", citou na súa comparecencia.
Nela, asegurou, ademais, sobre o fondo de cooperación local que o mesmo é "un instrumento polo que os concellos participan nos tributos autonómicos". "É falso que non aumentase", apostilou para asegurar que se incrementou un 38 por cento este ano, ata situarse, dixo, en 158 millóns.
"Tentan pór aos concellos en contra da Xunta", insistiu para cifrar en 600 millóns o que recibirán neste exercicio. Ademais, asegurou que poderían recibir máis se o Goberno central abonase á Administración galega o que "lle debe" en materia de dependencia. Neste sentido, asegurou que a Xunta está a asumir o 70 por cento cando a metade do gasto, apuntou, correspondería á Administración central.
CRITICAS DO BNG
Fronte aos seus argumentos, o deputado do BNG Óscar Insua cualificou de "baile de cifras" os datos achegados pola directora xeral. "Pero o problema segue sen resolverse, os servizos sociais son competencia da Xunta, un centro de día non é unha emerxencia social", dixo ao incidir en que só lles corresponde aos concellos afrontar emerxencias neste ámbito e non outras cuestións.
"Asumen gastos impropios en educación ou sanidade", citou nunha intervención con referencia tamén á asunción do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) por parte dos municipios. Por todo iso, demandou medidas "inmediatas" para "paliar o afogo económico", con demanda de máis orzamento para o próximo ano.
TECIDO ASOCIATIVO VECIÑAL
Xunto a este asunto, abordouse tamén, nunha pregunta do PP exposta pola parlamentaria María Felisa Rodríguez, as axudas ao tecido asociativo veciñal. Entre outras cuestións, a directora xeral destacou novidades como o cambio no sistema de concesión "para axudar a todas entidades".
Tamén destacou o alto grao de participación na solicitude de axudas, con tres millóns de euros este ano e financiamento a 341 entidades, aspectos que resaltou, á súa vez, a deputada popular.
O PSOE URXE EFICIENCIA NA XESTIÓN
Na mesma Comisión, e a preguntas dos socialistas, o director xeral de Simplificación Administrativa, José María Barreiro, reivindicou o control para a repartición de axudas e incidiu no plan de riscos de xestión e medidas antifraude, "que non se limita só a fondos Next Generation", resaltou.
Pola súa banda, a deputada socialista Patricia Iglesias demandou "eficiencia" na xestión, formación dos empregados públicos nesta materia, con especial incidencia nos altos cargos, e "transparencia" na contratación menor. Todo iso nunha pregunta relativa á regulación dos conflitos de interese e dos lobbys, así como a loita contra a corrupción.
RETRIBUCIÓNS EN XUSTIZA
Xa no ámbito da Xustiza, e a preguntas tamén do PSdeG, o director xeral de Xustiza, José Tronchoni, defendeu o cumprimento dos acordos tras a folga de 2018 e despois de que a parlamentaria socialista Paloma Castro expuxese unha pregunta relativa ao complemento retributivo de determinación autonómica.
"Os funcionarios de Xustiza de Galicia van estar por encima do resto de funcionarios doutros territorios", sentenciou fronte ás críticas da portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, que esixiu ao Goberno galego a actualización do complemento autonómico transitorio nos salarios dos funcionarios e denunciou "incumprimento reiterado" de compromisos adquiridos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.