Así foi a viaxe a Guatemala dos docentes gañadores do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento

Unha experiencia que, por primeira vez, formou parte deste galardón que recoñece propostas educativas transformadoras.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 02/10/2024 | Actualizada ás 19:32

Comparte esta noticia

Cando o pasado 19 de xuño se entregou o Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global unha parte do galardón quedou pendente de entregar: por primeira vez, o Premio incluía unha viaxe a proxectos de cooperación ao desenvolvemento que se desenvolvería no verán. O destino desta experiencia pioneira sería Guatemala, un país históricamente vinculado á cooperación galega e no que numerosas ONG de desenvolvemento colaboran dende hai anos con organizacións e comunidades locais para o fortalecemento social e a mellora dos dereitos das persoas máis vulnerables.

Fonte: IPPDH
Fonte: IPPDH

Finalmente, a viaxe chegou. O 7 de agosto Rosa Suárez e Fátima Rodríguez (CEIP López Ferreiro de Compostela), María Barba e Laura Cruz (Facultade de Educación da Universidade da Coruña) e Bruno Ramos (IES O Couto de Ourense) iniciaban, da man de Solidariedade Internacional de Galicia, un percorrido do que volverían dez días despois cargadas de experiencias, reflexións e coñecementos para aplicar na súa docencia e nos seus proxectos de educación para a cidadanía global.

MOCIDADE E LIDERADO COMUNITARIO 

A viaxe, que percorreu varios puntos de Guatemala, tivo dúas paradas de especial relevancia: Casa Kan, de Mujeres Mayas Kaqla (Santa María de Cauque), e varias comunidades e proxectos educativos da man da Asociación MejorHa (Jocotán). Convidadas por Kaqla, as docentes tiveron ocasión de participar na recta final dunha formación de terapeutas comunitarias e de celebrar un intercambio coa Delegación de Mulleres Indíxenas do Brasil.

Un encontro que se produciu na véspera no Día dos Pobos Indíxenas (9 de agosto) e que culminaría cunha xuntanza con mocidade implicada no liderado comunitario. Cómpre indicar que Mujeres Maya Kaqla é un colectivo “de” e “para” mulleres maias que traballa dende 1996 na transformación da situación de opresión que viven e na procura de cambios sociais e políticos profundos.  A visita deixou unha fonda pegada nas docentes. “O entendemento da cosmovisión maia que nos achegaron é moi similar ao que nós xa estabamos desenvolvendo nas nosas aulas, pero compleméntao”, apuntaba Rosa, convencida tamén de que as aprendizaxes adquiridas “van a formar parte xa para sempre de nós, tanto no plano profesional como no persoal”.

A LOITA POR UNHA EDUCACIÓN DE CALIDADE

A seguinte parada da viaxe levou a expedición ata Jocotán, onde a Asociación MejorHa lles proporcionou ás docentes un coñecemento directo das comunidades asentadas na zona, así como do traballo que desenvolve con elas para mellorar as condicións de vida a varios niveis, cunha fonda implicación no eido educativo. Así puideron coñecer a Escola de Educación Primaria da comunidade de El Lanzal. “A mestra”, contaba Fátima,"levaba a noventa nenos e nenas en tres ubicacións. Ela ía un anaquiño a cada aula deixando tarefas e marchaba a outra aula. Non podo imaxinar a dificultade de ter noventa alumnos e alumnas de catro a doce anos! Como xestionar os tempos, como acompañalos…."

Tamén coñeceron o sistema educativo IGER (Instituto Guatemalteco de Estudos Radiofónicos), que garante o ensino secundario -antes mediante sistema radiofónico, actualmente en liña- á mocidade que debe traballar para contribuír á subsistencia familiar. Neste sentido, Bruno destacaba a súa admiración “por estes compañeiros, “superprofesores”, que traballan en sitios de tan difícil acceso, de hora e media de viaxe por labiritinos pola montaña para chegar ata as comunidades máis afastadas para levar a cabo as titorías e apoios”.

Un intenso percorrido polo sistema educativo que se completou cunha visita ao Centro Universitario San Carlos, xa na localidade de Chiquimula, que acabou por ofrecerlle ás docentes unha visión ampla e completa do impacto da cooperación ao desenvolvemento e, en concreto, dos esforzos no que respecta á educación. Neste sentido, Laura e María explicaban que en Jocotán atoparon “o exemplo do que é unha cooperación no terreo implicada e da man das comunidades, tanto no que respecta á construción e mantemento de insfraestruturas necesarias como o traballo en dereitos, dende a saúde, a alimentación ou a vivenda ata a educación”, onde destacaron tamén “a enorme implicación de profesionais serios e respectuosos coa dignidade das persoas”.

A viaxe, que rematou cunha visita ao centro cultural da Axencia Española de Cooperación Internacional en Antigua, supuxo para as participantes a oportunidade de coñecer realidades e contextos moi lonxanos do seu día a día, incorporar ideas e metodoloxías para a súa docencia, pero tamén aportar propostas. Algo que valoraron moi positivamente tanto Mujeres Mayas Kaqla - “A gran riqueza é que suman ideas e ferramentas para o noso traballo”, segundo indicou a súa directora Hermelinda Magzul- como para a Asociación MejorHa, cuxo director Ángel Berna explicou que a visita reforzara a súa convicción en “lograr unha sociedade na que os nenos e as nenas poidan ser felices”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta