O PSdeG afea á Xunta "pór en risco" fondos adicionais pola "reticencia" a aplicar a lei de vivenda

O portavoz da Executiva do PSdeG, Xullo Torrado, cargou contra o Goberno que dirixe Alfonso Rueda e advertiu de que "está a converter aos galegos e galegas en vítimas do seu seguidismo das directrices marcadas desde o PP de Madrid".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/10/2024 | Actualizada ás 19:35

Comparte esta noticia

O portavoz da Executiva do PSdeG, Xullo Torrado, criticou que o Goberno galego manteña "a súa posición de entorpecer o desenvolvemento da Lei de Vivenda" que permitiría declarar zonas tensionadas para controlar os prezos da vivenda, "co risco de perder fondos adicionais do Estado".

E é que as autonomías gobernadas polos 'populares' (Madrid, Galicia, Andalucía, Cantabria, A Rioxa, Murcia, Comunidade Valenciana, Aragón, Estremadura, Baleares, Castela e León e as cidades de Ceuta e Melilla) reafirmáronse conxuntamente na súa negativa a declarar 'zonas tensionadas' nos seus territorios, rexeitando así intervir os prezos dos alugueres ao considerar que este tipo de medidas teñen o efecto contrario: subir prezos e recortar a oferta.

Torrado cargou contra o Goberno que dirixe Alfonso Rueda e advertiu de que "está a converter aos galegos e galegas en vítimas do seu seguidismo das directrices marcadas desde o PP de Madrid". O responsable socialista censurou "a reticencia" á hora de exercer as súas competencias en materia de vivenda para aplicar a Lei estatal que permite determinar zonas tensionadas e controlar os prezos do aluguer. Respecto diso, lembrou que, en localidades como A Coruña, os prezos do aluguer creceron "un 48 % nos últimos 8 anos" mentres o Executivo autonómico, lamentou, "négase a fixar un tope mesmo á conta de perder as axudas comprometidas polo Estado".

QUE ESTEA "Á ALTURA DA SÚA RESPONSABILIDADE"

O dirixente socialista esixiu ao Goberno galego que "estea á altura da súa responsabilidade" e xestione "con responsabilidade, transparencia e dilixencia" os 11,4 millóns de euros adicionais que recibirá para financiar o Bono Aluguer Novo e "evitar caer na chapuza doutros anos". En concreto, aludiu á anterior edición destas axudas de 250 euros concedidas polo Estado "que primeiro a Xunta quixo facer pasar por propias e, despois, foi o Valedor do Pobo quen deu a alarma do incumprimento do prazo de tres meses para comunicar as resolucións, chegando a comunicar o rexeitamento das axudas ata case dous anos despois".

O portavos da Executiva do PSdeG, Xullo Torrado
O portavos da Executiva do PSdeG, Xullo Torrado | Fonte: PSDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta