Ensinanzas de Star Wars VII

- Eu son Han Solo! Eu son Fin! Eu son Rey! É o que un pensa por uns minutos á saída de ver no cine a nova entrega da saga galáctica da Guerra das Galaxias que creara George Lucas en 1977. Esta nova película titulada “O espertar da Forza” ten unha riqueza engadida que resulta moi potente para os que éramos adolescentes cando esta historia sobre o ben e o mal chegou ás nosas vidas.

Por Ramón Torrado | Noia | 16/01/2016

Comparte esta noticia
Para Lucas, o malvado Imperio – chamado agora a Primeira Orde – é un símbolo das grandes corporacións que queren gobernar o mundo. Tamén se entende como o Mal e como a Morte (Estrela da Morte é o nome da superbase inicial na primeira película). Unha nave vella e diminuta  chamada Falcón Milenario é o vehículo dos heroes que se enfrontan a unha forza aparentemente moi superior e en principio invencible. Ver ese enfrontamento é o sustento da trama principal, pero hai moitos detalles que interesan aos espectadores.
 
Para empezar, o heroe principal é unha muller chamada Rey. Dálle vida unha actriz pouco coñecida chamada Daisy Ridley que ilusiona coa súa convicción, pintando cos ollos  primeiros planos moi fermosos. Dentro da corrección política, sae ó seu lado outro novo personaxe, un mozo de cor chamado Fin, e vense despois unha piloto oriental e unha sabia veterana. Hai un piloto con cara de grande nobreza e un rostro que ten algo de hispano ou europeo, italiano talvez na súa concepción.
 
Este piloto, chamado Poe Dameron, proporciona un elemento de vestiario, a súa cazadora, que resulta importante de forma sutil: regálalla a Fin como se fora unha condecoración ao mérito na guerra. Nunha escena especialmente emotiva, tamén a cazadora de Han Solo cobra importancia visual e simbólica cando di que é a de sempre. Parece como unha advertencia, neste tempo de rebaixas, sobre como a variación na roupa non é realmente algo tan importante – son a persoa e os seus actos o que importa en realidade.
 
Pola súa banda, o renacemento do Fin encarnado por John Boyega saíndo dun mundo de brancura cegadora non deixa de lembrar ao Presidente Barack Obama facendo posible o que ninguén esperaba cando chegou á chamada Casa Branca.
 
Pero hai máis: o oficio de Rei é o de chatarreira: unha raíña do lixo. Pero o seu valor sorprende moito ó espectador. En dúas escenas, a cámara demórase máis do normal para dar entrada ao que todos tememos que aparecerá, e aparece. Cando o protagonista das forzas do mal Kylo Ren descobre o seu rostro ocorre como con Rey que reparamos na súa xuventude. Non podo revelar nada con “spoilers” que anulen o suspense, pero o rapaz, recreado polo actor Adam Driver -moi pálido detrás da negrura - sorprende.
 
Esa xuventude mencionada lévanos cara o asunto que producirá unha emoción difícil de levar para os antigos adolescentes que fomos, pois está claramente confrontada aos protagonistas primixenios da saga: ver os rostros sometidos aos estragos do tempo que teñen na actualidade é ver o noso propio deterioro (perdón pola palabra) no proceso de envellecer. O Han Solo de Harrison Ford come a pantalla con carisma a proba de bombas – pero curiosamente o seu personaxe, que lembra a aqueles vellos heroes vaqueiros como Alan Ladd, John Wayne, Gary Cooper ou Kirk Douglas entre moitos outros, comete o que é para min o maior erro desta obra: unha frase cruel a modo de “in-joke” ou chiste privado para coñecedores da saga que os guionistas dos mellores clásicos do Oeste non terían deixado pasar, e iso que un dos autores do guión actual é o prestixioso Lawrence Kasdan.
 
Fronte a Han Solo, no amor e na guerra na viñeta máis romántica da película, está Leia. Tristemente, a actriz Carrie Fisher que comezou a facer da Princesa aos dezanove anos foi moi criticada por “facerse vella malamente” no seu país de Estados Unidos de América, probando que alí tamén hai moito do abuso ou bullying que queda demostrado que existe nunha escala preocupante en España a través do programa “Cámbiame”. Xa o describira Cervantes nas andanzas de Don Quijote que rompen o corazón.
 
Como colofón, quero mencionar que como dignificación deste mundo imaxinario dirixido habilmente por J.J. Abrams que conta cos espectaculares efectos visuais de esperar hai climas que remiten a grandes clásicos da Literatura. Semella, por exemplo, dalgunha maneira remitir ao mundo grecolatino na escena final. Hai tamén sabores bíblicos e artúricos, e toques dunha angustia que poden lembrar a Camus e a outros grandes pensadores combinados con pinceladas de humor moi agradecidas dentro do excesivo balbordo da música de John Williams.
 
Cando queren saír bágoas de emoción por unha película que inicialmente pode parecer “de tomar palomitas” pode o espectador darse de conta de tres puntos: nos minutos iniciais xa ten lugar unha escena de extraordinario dramatismo para ser tan cedo na longametraxe; tamén poden quedar sen comer os flocos de millo coa emoción do reencontro cos robots, co fiel Chewbacca e coa estrela de nome evanxélico Luke Skywalker; e aparece - como na primeira película da saga na cal Alec Guinness facía o papel do cabaleiro Jedi e mentor Obi Wan Kenobi - unha face humana de solemne grandeza, a de Max von Sydow. El e toda esta inspiradora película que conta coa riqueza engadida de ofrecer unha viaxe no tempo para moitos de nós xunto cos seus propios actores - parecen invitar a que cada persoa busque aos amigos adecuados e sexa heroica na medida do posible cando se enfronte aos grandes retos e ás forzas do mal en cada dura e apaixonante aventura existencial.
 
Para David Bowie

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Foi colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes, entre elas, Rebeca no val das sombras ardentes (Toxosoutos, 2018) e "Torino" (Axóuxere, 2021), a súa última obra publicada.