Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/10/2024 | Actualizada ás 19:01
O Xulgado de Primeira Instancia nº 11 da Coruña decretou que un total de 11 entidades bancarias deberán informar os seus clientes en Galicia da posibilidade de participar nunha demanda colectiva presentada pola Asociación Galega Consumidores e Usuarios (Acouga) na que solicita a nulidade das comisións de apertura de hipotecas.
En concreto, as entidades bancarias que deberán informar os seus clientes son: Abanca, BBVA, Bankinter, Caixa Rural Galega, Cajamar, Santander, Sabadell, Ibercaja, Caixabank, Kutxabank e Unicaja.
A petición da Acouga reclama que sexan as entidades financeiras as encargadas de remitir aos seus propios clientes unha carta redactada pola Asociación, na que se lles informa da existencia dun procedemento colectivo no que poden participar e dos requisitos para facelo. Con esta decisión xudicial preténdese garantir a seguridade dos datos persoais de todos os afectados que obran en poder dos bancos.
Segundo auto de 25 de xuño de 2024 --ao que seguiu outro aclaratorio de 25 de setembro--, os bancos deberán remitir unha carta coa información a todos os consumidores prestatarios que teñan domicilio en Galicia, aínda que poderán efectuar esta comunicación a través da banca electrónica de cada entidade.
Con todo, Acouga recorrerá en apelación ante a Audiencia Provincial da Coruña esta limitación, co que busca "tentar que sexan todos os afectados, sen distinción por cuestión de residencia, os que poidan recibir a comunicación desde as súas entidades bancarias".
O secretario xeral de Acouga, Xoán Antón Pérez-Lema, avogado e director da demanda, calcula que nos últimos 20 anos ao redor de catro millóns de consumidores poden verse prexudicados por unhas comisións que supuñan, para unha hipoteca media de 150.000 euros, o pago de entre 750 e 1.200 euros por este concepto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.