A Xunta busca un gran pacto polo galego

López Campos concoca aos grupos do Parlamento. Augura que o proceso para un acordo "non será rápido", pero confía en que sexa "frutífero" e pide evitar liñas vermellas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/10/2024 | Actualizada ás 19:46

Comparte esta noticia

A Xunta convocou aos grupos con representación no Parlamento de Galicia --no hemiciclo sentan representantes de PPdeG, BNG, PSdeG e un deputado de Democracia Ourensá (D.O.)-- a unha reunión o próximo día 24 de outubro para abrir un proceso de diálogo e tratar de acordar "un gran pacto polo galego".

Así o anunciou este mércores o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, quen tamén incidiu na necesidade de retomar o debate sobre un "consenso necesario" respecto da lingua. Para a cita do 24, segundo fontes consultadas por Europa Press, a localización proposta é o Pazo do Hórreo, sede da propia Cámara autonómica.

Pola súa banda, López Campos fixo fincapé en que as diferentes forzas políticas están de acordo "no importante", é dicir, en "potenciar e prestigiar" o uso do galego no ámbito social.

Durante a presentación da campaña 'Saca a lingua que levas dentro', o responsable de Cultura tamén explicou que neste proceso tamén están chamadas a participar entidades relevantes no ámbito da lingua, como a Real Academia Galega.

O FOCO NO DECRETO DO PLURILINGÜISMO

Dúas semanas atrás, o Consello de Europa publicou un informe co que a institución comunitaria reivindicaba salvagardar a Carta das Linguas Rexionais ou Minoritarias.

Un informe no facía unha serie de suxestións de "acción inmediata" respecto das linguas minoritarias. No caso concreto do galego, urxía a "eliminar as limitacións" que ten o idioma para ensinar as materias de ciencias.

Os grupos da oposición non tardaron en reaccionar co foco no decreto do plurilingüismo aprobado polo Goberno galego cando aínda o dirixía Alberto Núñez Feijóo. O seu sucesor, Alfonso Rueda, e o propio López Campos non se pecharon a falar de cambios, pero si insistiron previamente na necesidade de que haxa "un consenso".

SEN LIÑAS VERMELLAS

Este mércores López Campos incidiu en que o proceso para alcanzar ese pacto pola lingua "non será rápido", pero espera que sexa "frutífero". Con todo, aseverou que a sociedade está "cansada" de ver crispación no plano político, polo que, ao seu xuízo, os diferentes partidos deben "sentar a negociar" e non pór liñas vermellas.

"O galego é un dos nosos maiores tesouros, por iso é fundamental traballar xuntos, desde a cordialidade e liberdade, para preservala e pola en valor", defendeu.

A Xunta ofertará máis de cen cursos sobre lingua e cultura galega dirixidos a persoas non nadas en Galicia.. XUNTA
A Xunta ofertará máis de cen cursos sobre lingua e cultura galega dirixidos a persoas non nadas en Galicia.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

(Autobombo e propaganda do gabinete de prensa de Rueda, difundido por Europa Press, e transmitido sen reflexión ningunha).