Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/10/2024 | Actualizada ás 19:29
Expertos reunidos polo Consello da Cultura Galega (CCG) advertiron que os emigrantes galegos retornados non palían o envellecemento nin reverten o despoboamento do rural e que incidir nesta idea "distrae dos verdadeiros problemas". "O retorno non nos vai a salvar. E non é verdade que os retornados palían o envellecemento e permiten poboar o rural", sinalou a profesora de Socioloxía na UDC, Antía Caramés; unha das tres coordinadoras do seminario celebrado este xoves baixo o título 'Os retornos da emigración: unha ollada multidisciplinar'.
Reunidos polo Arquivo da Emigración Galega (AEG) e o Consello da Cultura Galega, profesionais da historia, demografía e socioloxía como o catedrático da USC Xosé Manuel Núñez Seixas analizaron as características, perfís e impacto social e económica dos migrantes galegos que regresan á súa terra de orixe. Para a investigadora da UDC Antía Pérez Caramés, quen retorna "ten un motivo para facelo", ben porque mantivo os vínculos con Galicia, porque ten algún "deber familiar" relacionado co coidado ou unha rede sobre a que apoiarse "ou simplemente porque a súa situación no país de acollida non foi boa".
Os expertos marcan tres grandes ondas migratorias galegas: a americana entre finais do século XIX e principios do XX, a europea de mediados do século XX ata a crise do petróleo e a máis recente, ligada á crise económica de 2008. É nesta última, que ten un perfil de emigrante con alto nivel educativo con destino a Suíza e Reino Unido, principalmente; cando se contabiliza maior número de retornados, un fenómeno que se explica polas condicións de mobilidade que permiten "manter máis fortes os vínculos". A eles, súmase a que Pérez Caramés denomina a "emigración silenciosa", formada por 315.000 galegos que emigraron a outras partes do Estado.
A docente da UDC, Iria Vázquez, tamén explicou unha investigación realizada entre emigrantes a Francia e Reino Unido duns 35 anos na que apreciou unha maior propensión dos "queimados", é dicir, os que viviron unha experiencia marcada pola precaridade ou a discriminación laboral, que predomina fronte ao "exitoso" que volve tras haber logrado unha meta. A pandemia e o Brexit foron atenuantes das decisións de retornar que, como apuntan as expertas, constitúe unha decisión "máis difícil" que a de saír.
POLÍTICAS DE RETORNO
Outro dos asuntos abordados no simposio foron as políticas de retorno, que cuantifican en 13 millóns de euros ao longo dos anos cun especial impulso a partir de 2011 a través de liñas como apoios á mocidade exterior ou programas de mobilidade para maiores de 65. "A filosofía das políticas de retorno en Galicia é asistencialista e identitaria, utilitarista, buscando incidir no emprego, e finalmente, apréciase unha centralidade no rexuvenecemento da poboación e na empregabilidade de retorno cualificado", sinalou Belén Fernández, que apuntou que desde 2017 hai máis chegadas que saídas de poboación nativa e nada en Galicia. Pese isto, o retorno de migrantes "está envellecido" pois case un 60 % ten máis de 55 anos e, desta forma, os mozos seguen sendo maioría nas partidas desde Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.