Por Galicia Confidencial | Verín | 12/10/2024 | Actualizada ás 10:00
A IV edición da Festa da Cervexa de Verín conta con máis dunha vintena de variedades de cervexas nacionais e de importación que se complementa con varios stands que ofertan unha variada selección gastronómica, actuacións musicais de primeiro nivel e animación infantil.
O evento desenvólvese na zona verde da Preguiza e conta, como xa é habitual, cunha carpa na que están colocados os postos de bebidas e alimentación. O horario da feira, que comezou este venres, continuará o sábado de 12.00 a 16.00 e de 19.00 a 02.00 horas.
Segundo explicou Manuel Lorenzo Feijóo, concelleiro responsable da área de Feiras, "este ano contamos cunha ampla zona de expositores que incluirá tanto as marcas cervexeiras máis recoñecidas a nivel nacional como unha coidada selección dos mellores produtos de importación dispoñibles no mercado actúal".
GASTRONOMÍA E ACTUACIÓNS MUSICAIS
En canto á oferta gastronómica, hai un total de 10 postos de comida, dúas foodtrucks e unha churraría onde os asistentes poderán degustar unha ampla variedade de produtos, desde salchichas e chourizos ata hamburguesas, churrasco, empanadiñas, croquetas caseiras, polbo, empanadas, pan artesán, hot dogs, pizzas, crepes e tortas, entre outros.
Por outra banda, os máis pequenos da casa contan con divertidos inchables instalados no exterior da carpa da Preguiza.
No que respecta á animación musical en directo no interior da carpa, o venres, 11, The Tetas Van, un grupo maioritariamente feminino, encheu o escenario cunha actuación única combinando diversión, reivindicación e música. E para o sábado 12 outubro, chega o directo fresco e elegante de Gin Toni's. Unha banda divertida, apaixonada e elegante que consegue cada noite unha conexión incrible co público dos seus concertos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.