Toda a oposición de Ourense pide a dimisión do concelleiro de Democracia Ourensana implicado nun accidente viario

Un asunto sobre o que denuncian a "falta de información" e as "evasivas" do goberno municipal de Jácome.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/10/2024 | Actualizada ás 17:58

Comparte esta noticia

Os grupos que compoñen a oposición no Concello de Ourense --PP, PSdeG e BNG-- esixiron este venres a dimisión do concelleiro de Democracia Ourensana, Francisco Lorenzo, pola súa implicacion nun accidente viario, un asunto sobre o que as tres formacións denuncian a "falta de información" e as "evasivas" do goberno municipal que encabeza o rexedor, Gonzalo Pérez Jácome.

O sucedido remóntase á tarde do 18 de xullo, cando un BMW entrou a gran velocidade na rotonda situada fronte ao instituto Branco Amor, sufriu unha saída de vía e chocou contra un valo de protección diante do centro escolar. O condutor do vehículo en lugar de deterse, presuntamente, seguiu a marcha sen afectar a ningún outro vehículo e, acto seguido, estacionou noutras rúas do barrio o coche, que presentaba marcas de estar involucrado no sinistro. Segundo o atestado publicado por La Voz de Galicia, a policía local presentouse no domicilio do titular do vehículo, o concelleiro de urbanismo Francisco Lorenzo, e "os seus pais" indicáronlle aos axentes que "non podían entrevistalo porque saíra cuns amigos e bebera en exceso".

Así pois, os axentes non puideron facerlle a proba para verificar se conducía baixo os efectos do alcol, pero segundo o atestado recollido por La Voz de Galicia, a consecuencia do ocorrido interpúxose unha denuncia administrativa contra o concelleiro "por condución temeraria con manifesto desprezo pola vida dos demais". Tras coñecerse esta noticia, o tres partidos da oposición esixiron explicacións e a dimisión do edil de confirmarse os feitos.

"Condenamos a falta total de transparencia por parte do goberno municipal", denunciou o Partido Popular, cuxa portavoz municipal, Sonia Ogando, lamentou que o concello "se saltou todos os prazos legais que teñen para contestar" ás reiteradas preguntas que a formación realizou sobre este incidente.

"Os ourensáns merécense un goberno que lles diga a verdade. De confirmarse o coñecido do atestado esixiremos a dimisión inmediata do concelleiro Francisco Lorenzo, e o alcalde terá que asumir a súa responsabilidade política por tentar tapar este feito tan grave", manifestou Ogando.

Na mesma liña expresouse o Partido Socialista mediante o seu portavoz, Natalia González, que pediu explicacións públicas a Jacome e ao seu concelleiro. "De confirmarse o sucedido entendemos que o único camiño é formalizar a súa dimisión inmediata e pedir desculpas ante a gravidade dos feitos e a súa condición de cargo público", sentenciou a socialista, que ve "unha cuestión de coherencia ética e responsabilidade, independentemente de que pertenza un partido político sen normas como Democracia Ourensana". Ademais os socialistas, do mesmo xeito que os populares, afean "a ocultación de información" respecto diso por parte do executivo local, "ao solicitar en xuntas de área e por rexistro a mesma e non recibir resposta".

Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG, Luís Seara, esixiu o "cesamento inmediato" de Lorenzo e estendeu a responsabilidade ao concelleiro de Seguridade, Antonio Fernández.

"De modo reiterado pedimos información ao concelleiro de seguridade cidadá sobre o sucedido e máis recentemente sobre cales eran as conclusións do ateigado. Ao longo de todos estes meses o único que se nos deron foron escusas e evasivas", manifestou Seara.

Para o grupo municipal nacionalista, "o máis importante" e o motivo polo que piden a dimisión é polo feito que "os axentes actuantes conclúen que conducía baixo os efectos do alcol e con desprezo manifesto á vida dos demais", polo que os nacionalistas consideran que "é absolutamente inxustificable que permaneza no seu posto de traballo nin un minuto máis".

Para Seara, existen dous escenarios: "ou ben" o edil presenta a súa dimisión ou o alcalde "está obrigado a cesalo inmediatamente". Ademais, tamén solicitan a dimisión do concelleiro de Seguridade Cidadá por "ocultar os feitos sendo coñecedor dos mesmos".

O concello de Ourense
O concello de Ourense | Fonte: Páxinas Galegas

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

A policía local en Ourense é francamente encantadora... // a policía local presentouse no domicilio do titular do vehículo, o concelleiro de urbanismo Francisco Lorenzo, e "os seus pais" indicáronlle aos axentes que "non podían entrevistalo porque saíra cuns amigos e bebera en exceso" Así é como cobran o salario os policías locais en Ourense ? Serán os enchufados da oposición dos que falaba Jácome no último Pleno ? Ourense é un lugar moi raro para vivir... E agora resulta que toda a oposición pide a cabeza de Jácome (non a cabeza dos policías locais?)