A Xunta pagará 297 millóns a Sacyr, ACS e Copasa para asumir catro autovías galegas con peaxes en sombra

Trátase das autovías do Salnés, O Barbanza, Ourense-Celanova e Santiago-Brión. Con todo, os usarios seguirán pagando por autovías de titularidade autonómica como as do Val Miñor ou Costa da Morte.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/10/2024 | Actualizada ás 14:29

Comparte esta noticia

A Xunta rescatará a través dun investimento de 297 millóns de euros as autovías do Salnés, O Barbanza, Ourense-Celanova e Santiago-Brión, o que permitirá un aforro anual ás contas autonómicas de 30 millóns de euros polo importe que se abonaba ás concesionarias destas infraestruturas en concepto de peaxe en sombra.

A decisión, adoptada no Consello da Xunta deste luns, foi avanzada polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e debullada posteriormente pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, quen, a preguntas dos xornalistas, non concretou canto se abonará ás concesionarias en indemnizacións.

En total, a recuperación da xestión destas vías de alta capacidade en réxime de concesión permitirá, segundo Rueda, dedicar "a outras materias máis importantes" as contías que cada ano incluían os orzamentos da Xunta en peaxes en sombra, é dicir, en compensacións ás concesionarias por estas autovías sen peaxes para os usuarios.

Reunión do Consello da Xunta do 14 de outubro
Reunión do Consello da Xunta do 14 de outubro | Fonte: DAVID CABEZÓN - XUNTA

COPASA, SACYR E DRAGADOS

En concreto, segundo a cifra achegadas polo Goberno galego tras a rolda de prensa do Consello, a Administración autonómica abonará ao grupo Sacyr 45 millóns por finalizar o contrato de concesión que expiraba en 2035 da autovía do Salnés (AG-41), posta en servizo no ano 2008.

Dous da vía rescatadas pertencen ao grupo Copasa, que recibirá 72 millóns pola concesión da autovía do Barbanza (AG-11) que concluía en 2036, e 85 millóns pola Ourense-Celanova (AG-31), con 12 anos de vida e que finalizaba en 2040.

O rescate de maior envergadura irá parar á concesionaria da autovía Santiago-Brión (AG-56), controlada nun 70% por ACS, e que recibirá 95 millóns de euros pola recuperación para a Xunta do control da infraestrutura, que finalizaba en 2035.

En palabras da conselleira, a operación "permitirá que o catro autoestradas pasen a ser autovías de propiedade pública, xestionadas directamente pola Xunta, cunha administración responsable e comprometida coa calidade do servizo".

"MOI LONXE" O RESCATE DE AUTOESTRADAS DE PAGO

A preguntas dos xornalistas, Rueda afirmou que o goberno que encabeza "non renuncia" á posibilidade de rescatar tamén as autoestradas autonómicas con peaxes para os usuarios, entre elas as do Val Miñor ou Costa da Morte, aínda que recoñeceu que "nin moito menos" é unha posibilidade que poida darse "a curto prazo". "É unha senda que a min, nun futuro, gustaríame chegar, pero desde logo non é inmediato", dixo antes de recoñecer que o rescate destas autoestradas "sendo realistas, neste momento é complicado, pero non imposible".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta