"O clero novo, os máis mozos, non son galegofalantes"... Cando o galego tamén é alleo a católicos, protestantes e musulmáns

"Os máis mozos,son do mundo urbano e non son galegofalantes, como tampouco o son os que chegan de Venezuela, Colombia, África, que non entenden o tema da lingua", asegura o sacerdote Rubén Aramburu. Abderrahim el Aziri Sounni, voceiro da Comunidade Islámica, di que aprendeu galego vendo a serie "Pratos Combinados".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 15/10/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

As relixións tamén afastan aos seus fieis do uso do galego. As grandes relixións que se procesan en Galicia, especialmente a católica, e en menor medida a protestante e e a musulmá exclúen o galego nas súas liturxias o que fai que os fieis sentan este idioma como alleo.

Misa na catedral de Mondoñedo
Misa na catedral de Mondoñedo

Esa é a principal conclusión dos Encontros para a Normalización lingüística, cita organizada polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG), na que participaron diferentes representantes espirituais destas relixións. Unha xornada que evidencia o uso minoritario do galego nos ritos relixiosos e funerarios.  Así, José Luis Zapata, en nome do Consello Evanxélico de Galicia, do que é pastor, explicou que a día de hoxe a igrexa evanxélica conta con 1.700 nenos e nenas matriculados en relixión evanxélica, que está presente nas cadeas e nos hospitais (xa hai capeláns evanxélicos).

O CASTELÁN, PREDOMINANTE

Lembrou que a primeira igrexa evanxélica se fundou na Coruña hai 150 anos e que despois viñeron Ferrol, Vigo, Marín, Celanova, Arteixo... Pero, en que lingua? Depende da zona, pero o idioma predominante é o castelán. Con todo, describiu últimas iniciativas de tradución ao galego de libros básicos para esta confesión relixiosa para os rapaces, “que serán os que tomen o relevo”.

Rubén Aranburu, sacerdote de doce igrexas de varias parroquias de Marín, explicou que tiña unha lápida en galego do século XIV. "O clero novo, os máis mozos, son do mundo urbano e non son galegofalantes, como tampouco o son os que chegan de Venezuela, Colombia, África, que non entenden o tema da lingua", asegura.  “Onde máis penetrou foi na música que se canta nas igrexas”, apuntou.

Abderrahim el Aziri Sounni, voceiro da Comunidade Islámica e secretario do Centro Cultural Islámico de Vigo, contabilizou en 40.000 os membros repartidos por toda Galicia en 33 comunidades. Explicou que esta entidade vela polos seus dereitos e celebra actividades culturais. Abderrahim, que explicou que aprendeu o galego vendo a serie de televisión Pratos combinados, contou que o 40% dos membros xa naceron aquí. Con todo, a lingua galega non está presente, aínda que sinalou orgullos, “quérennos copiar o modelo desde outras partes da península porque é exemplar".

"NON SE APOSTOU POLO GALEGO"

A relación entre a relixión católica e a lingua galega está entre o surrealismo, xa que a Igrexa non apostou pola lingua galega”, apuntou na súa intervención o teólogo Victorino Pérez Prieto. Explicou que no ano 1965, cando o Concilio Vaticano II pediu a mudanza do latín polas linguas vernáculas na liturxia, “a xerarquía galega decidiu que non debería ser o galego, contra a opinión de moitos cristiáns.”

“Cando se fixeron os grandes esforzos galeguizadores, nas décadas dos sesenta e setenta, xa era tarde”, apuntou, ao tempo que fixo un percorrido polas diferentes iniciativas galeguizadoras. “Hoxe xa dispoñemos dun misal galego e dos manuais dos rituais para os funerais e o enterro en galego. Só falta a vontade”, explicou. Pola súa parte, Manuel Regal engadiu algunhas razóns que explican a situación actual: non se elaborou nin se puxo en práctica ningún plan de introdución do galego na liturxia, diminuíron os transmisores do galego, así como a designación de bispos de fóra, e tamén a presenza actual de curas non galegos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta