O BNG espera que tanto PP como PSOE apoien no Pleno do Congreso deste mércores o traspaso da AP-9 a Galicia

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, asegurou que rescatala é "posible, legal e a mellor solución para as arcas públicas".

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 15/10/2024 | Actualizada ás 19:44

Comparte esta noticia

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, confiou en que PP e PSOE dean o seu apoio na Cámara Baixa ao traspaso da autoestrada do Atlántico (AP-9) á Xunta de Galicia. Ademais, asegurou que rescatala é "posible, legal e a mellor solución para as arcas públicas". Durante unha rolda de prensa no Congreso, o deputado dixo que a AP-9 é unha "vía fundamental" para Galicia e lembrou que está nunha segunda prórroga por 25 anos por "unha decisión do Partido Popular".

"E queremos que sexa rescatada unha vez que a Comisión Europea entende que esa prórroga foi ilegal e, ademais, porque se trata dunha infraestrutura xa suficientemente amortizada", indicou, para defender que "rescatar a AP-9", o que cifra en 900 millóns de euros, "sería non só posible, non só legal, senón tamén a solución mellor para as arcas públicas e para todos os galegos".

Rego aplaudiu que o Partido Popular pida o rescate e a transferencia, pero reprochoulle que cando tiña maioría no Congreso e Ana Pastor o presidía, bloquease a proposición de lei do Parlamento de Galicia e "nin sequera posibilitou que fose debatida polo Pleno". Sobre o PSOE, o representante do BNG dixo que os socialistas cualifican a prórroga como inxusta e por iso espera que "se unan tamén" a quen reclaman o traspasado da autoestrada. O ministro de Transportes, Óscar Puente, deberá comparecer este mércores no Pleno do Congreso para explicar os seus plans sobre o traspaso da AP-9 á Xunta, unha transferencia cuxa tramitación parlamentaria leva meses bloqueada na Cámara.

O deputado de BNG Néstor Rego durante unha rolda de prensa anterior á Xunta de Portavoces, no Congreso
O deputado de BNG Néstor Rego durante unha rolda de prensa anterior á Xunta de Portavoces, no Congreso | Fonte: Eduardo Parra - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta