Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/10/2024 | Actualizada ás 19:54
A Confederación de Anpas Galegas denuncia que a Xunta de Galicia trata de "impedir ou, como mínimo, dilatar" o seu acceso a información dos centros amparándose na nova normativa de transparencia. Tal e como relatan nun comunicado, a semana pasada difundiuse nos centros educativos lucenses, "e indirectamente nos do resto do país", unha "instrución" sobre como as direccións dos centros debían proceder ante a solicitude de información que realicen as AMPAS.
Para a Confederación, trátase de "impedir, dificultar ou, como mínimo, dilatar o acceso da sociedade xeral" ao número de alumnos que ten un centro, ao catálogo de persoal do mesmo, ao número de alumnos con necesidades educativas especiais ou "a calquera outro dato non privado que defina a normalidade dun centro educativo". A Confederación asegura que tratan de "ampararse" na normativa de transparencia para "lograr o efecto contrario ao que esa normativa pretende".
Considérano "grave", pero máis aínda, argumentan, é "pretender impedir, concretamente á ANPA, un membro nato do Consello Escolar, o principal órgano de goberno democrático dun centro escolar, o acceso a información que lle permite desenvolver as súas funcións de participación marcadas na normativa educativa". "É obvio de onde vén a intención da instrución" difundida. "Estamos a asistir a unha onda de mobilizacións polos recortes de persoal impostos pola Xunta de Galicia, e á consellería non lle é suficiente xa con falsear información constantemente, senón que tenta evitar que a información real chegue ao coñecemento de quen podemos, e queremos, utilizala na crítica responsable dun sistema que cada curso entorpece máis a inclusión, a igualdade e as oportunidades vitais de nosas fillos", denuncian.
Informan ademais de que solicitaron unha reunión coa Consellería de Educación para que defina "canto de transparente decide ser a administración educativa galega". "A nosa esixencia é clara: a cidadanía ten dereito a coñecer de maneira inmediata e pública que é o que está a pasar dentro dos centros escolares, con que recursos se atende aos nosos fillos e onde se lles está furtando o dereito a unha educación de calidade; unha educación que merecen, e que pagamos sobradamente as persoas deste país", conclúen.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.