'Colón ADN', cando o 'show' televisivo se impón ao rigor científico

Despois da polémica xurdida a raíz da emisión do documental de RTVE, o Galicia Confidencial fala cun dos firmes opositores á súa conclusión de que Cristóbal Colón tiña que ser un xudeu da zona do Mediterráneo español: o escritor Rodrigo Costoya, que leva anos defendendo a teoría do Colón galego. Esta é a súa opinión.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 20/10/2024 | Actualizada ás 20:35

Comparte esta noticia

O documental 'Colón ADN. Su verdadero origen' emitido a pasada fin de semana por RTVE tivo máis repercusión pola polémica xerada que polos resultados finais da análise. Cotexando mostras de ADN extraídas dos cadáveres de persoas coetáneas ao almirante, tratábase de dar resposta a unha incógnita xurdida xa no século pasado: era realmente o 'descubridor' de América xenovés? Entre as múltiples teorías exploradas (castelán, portugués, balear, xenovés e galega), o estudo deulle maior probabilidade á que indicaba que Colón tería sido un xudeu da zona do Mediterráneo español. Sen embargo, a falta de concreción e transparencia nos resultados obtidos e a maneira en que se descartaron as demais hipóteses, creou un descontento xeralizado entre numerosos estudosos do tema e parte da poboación, ao considerar que o programa se trataba máis dun 'show' televisivo que dun documental científico con resultados válidos. Dende o GC falamos con Rodrigo Costoya, escritor autor da novela 'Portosanto' que, precisamente, leva anos defendendo a teoría do Colón galego, baseándose nas máis de 100 probas que a apoian. Esta é a súa opinión.

Documental sobre Colón de RTVE
Documental sobre Colón de RTVE | Fonte: RTVE

"Grandes investigadores nesta materia e estudosos de xenética de moito prestixio coinciden en que o deseño do estudo (liderado polo investigador da Universidade de Granada José Antonio Lorente) é moi deficitario e, polo tanto, en que as conclusións ás que se chega son bastante arbitrarias e pouco sólidas", asegura Costoya, que considera que "o estudo requeriría dunha mostraxe moito maior". De feito, apunta a que dende o programa, "para tratar de averiguar se a teoría galega tiña algún fundamento ou non, en 20 anos só exhumaron un corpo, é dicir, só puideron cotexar o ADN de Colón co dunha persoa". Así as cousas, explica que "chegar á conclusión de que esas dúas persoas, contrastando o seu ADN, non eran familia, está ben, e é lóxico dende o punto de vista científico, pero de aí a que saquen a conclusión de que era imposible que Colón fose galego hai un mundo, e chama moito a atención, xa non só a min, que son un simple novelista, senón a grandes investigadores deste campo", expón.

Ademais, engade a iso o feito de que "as conclusións xerais que nos presentaron no documental falan de que Colón era dunha zona determinada, algo que non están en condicións de determinar por análise xenética, e que pertencía a unha relixión ou etnia concreta, o cal é absurdo", ao igual que tamén considera moi ousado "aventurar que seguramente tería comerciado con seda". "Paréceme delirante", cualifica Costoya. Estas "carencias nun estudo no que primou claramente o 'show' televisivo sobre o rigor científico" son as que derivaron, dende o seu punto de vista, nun "fenomenal revoo, xerando moito balbordo sobre o tema, algo que tamén nos está vindo moi ben aos que levamos anos intentando demostrar que, ao mellor, Colón si era galego". E é que o escritor aínda lembra que, "ata hai poucos anos, cando eu ía por aí coa miña novela 'Portosanto' e lle dicía á xente que eu contaba na obra como tería sido Colón se tivese sido galego, o 90 % me dicían que nunca escoitaran falar desta teoría, pois para eles era dogma de fe que era xenovés", polo que "que agora se estea xerando tanta polémica estanos traendo tamén unha nova revolución para a teoría do Colón galego, o cal é fantástico".

"COLÓN PODÍA SER XUDEU E GALEGO E, ADEMAIS, DE PONTEVEDRA, ONDE HABÍA UNHA XUDARÍA E COMERCIANTES MOI POTENTES NA ÉPOCA"

E é que hai que lembrar que se descartou que Colón fose galego por varias razóns, pero, o feito de que fose xudeu non tería por que ser unha delas, pois aínda que ben é certo que a meirande parte da comunidade xudea se atopaba na zona mediterránea, en Galicia tamén había xudeus. Sobre este punto, Costoya sostén que "por suposto que había". E recorda que "neste documental soamente estudaron a ramificación da teoría galega que di que Colón podería ter sido familia de Pedro Madruga ou o propio Pedro Madruga, pero unha das primeiras ramificacións da teoría do galego é, precisamente, que Colón debeu ter sido un xudeu de Pontevedra". "Esa foi unha das primeiras teorías que se tiveron sobre o Colón galego, polo tanto, como vai servir o feito de que os marcadores xenéticos demostren que podía ter ascendencia xudea para eliminar a hipótese galega ou mesmo a xenovesa?", pregúntase o escritor, que non lle ve sentido algún, porque "podía ser xudeu e galego e, ademais, de Pontevedra, onde tamén había unha xudaría e comerciantes moi potentes na época".

Rodrigo Costoya coa súa novela Portosanto'
Rodrigo Costoya coa súa novela Portosanto' | Fonte: Todoliteratura (Youtube)

Outro dos puntos que se tratan no documental polo cal se descartou que Colón fose galego foi a compatibilidade dos ósos extraídos en Galicia pertencentes a membros da familia Soutomaior: por unha banda, ósos do cemiterio da igrexa de San Salvador de Poio; e, pola outra, os ósos de Juan Mariño de Soutomaior, que descansan nunha igrexa de Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa), e que podería ter sido curmán de Colón por liña parterna. En realidade, só se pudieron contrastar os de Xoán Mariño de Soutomaior, porque os ósos que sacaron do cemiterio de Poio estaban en moi mal estado como para poder obter ADN dos mesmos. Para Costoya, "aí está outro dos problemas desta investigación, que é demasiado complexa, porque cando ti valoras varias teorías e tes que viaxar a Xénova e empezar a desenterrar cadáveres de determinados lugares de fai máis de 500 ou 600 anos tes que saber que non vai ser nada fácil". O escritor estivo presente durante a exhumación do corpo da igrexa de Vilaxoán. Dos demais restos, lamenta que "foron buscalos a un cemiterio que hoxe en día ter enriba un parking, e puxéronse a escavar alí, a facer unha cata a cegas, practicamente, un burato na terra e a ver que podía saír", obtendo, finalmente, "restos, posiblemente desa época, si, habería que comprobalo, pero que en calquera caso non eran válidos para levar a cabo ningún tipo de análise polo seu deteriorado estado". 

"PUIDERON COTEXAR VARIAS MOSTRAS DA FAMILIA DE SOUTOMAIOR, CUNHA SOA NON ESTÁN EN DISPOSICIÓN DE DICIR SE COLÓN PERTENCÍA OU NON Á FAMILIA"

Chegados a este punto, o novelista plantexa que "puideron ter conseguido varias mostras da familia de Soutomaior, en lugar dunha única, porque se tes as mostras de 5, 8 ou 12 persoas e sabes que todas están emparentadas e son da mesma familia, é cando podes ver realmente se Colón tiña algo que ver ou non con esa familia". Pola contra, "neste caso non están en disposición, cunha única mostra, de dicir se Colón pertencía ou non á familia dos Soutomaior, porque o único que podes deducir é que non estaba emparentado con esa persoa analizada, que non era familia súa, pero isto podía ser por múltiples razóns: ao mellor o corpo de Sobrán era dun fillo ilexítimo ou algo polo estilo". "Non hai datos como para extraer ningunha conclusión significativa dende un punto de vista de rigor científico, aí está o problema", insiste Costoya. "Nós esperabamos que a análise do ADN fose unha proba máis para sumar a eses máis de 100 indicios que temos xa, e previamos que podía saír favorable, porque o tiñamos bastante claro, o problema verdadeiramente foi que non foi nin a favor nin en contra, porque o estudo non ten validez", chancea o novelista.

E é que nin sequera a teoría que finalmente máis se achegou, segundo se determinou no documental, se puido demostrar 100 % certa. O doutor José Antonio Lorente aseguraba que a do Colón xudeu era a teoría que máis se achegaba por porcentaxe? Agora ben, en que porcentaxe? "Eles mesmos quedaron en evidencia ao non dicir ningunha porcentaxe, pero, sinceiramente, e con todo o respecto, eu creo que esa porcentaxe non sería nin do 100, nin do 50, nin do 30 %, senón que foi o que se dixo para poder darlle unha conclusión a un 'show' televisivo", critica Costoya, que lamenta que "case se chegou a caer no morbo: foron levarlle os resultados a unha persoa enferma que rematou por falecer, aí xa estamos entrando en cousas que sobrepasan os límites éticos". Ademais, insiste en que, "dende logo, non aportaron ningún dato que avalase a súa teoría, teoría absolutamente feble e baseada na impresión de que ese home por escribir desa maneira tiña que ser xudeu", fronte "ás máis de 100 probas que temos aquí en Galicia para defender a teoría galega".

MÁIS DE 100 PROBAS AVALAN A TEORÍA GALEGA: DOS TOPÓNIMOS DOS LUGARES DESCUBERTOS ATA O APELIDO COLÓN, PASANDO POLOS XIROS IDIOMÁTICOS

Entre esas probas, o escritor lembra que a teoría do Colón galego non é algo novo deste tempo, senón que se remonta a uns documentos achados en Pontevedra a finais do século XIX, nos que se fala dunha familia, a familia Colón, e mesmo da familia Fonte Rosa, que eran os nomes dos pais de Colón, segundo trascendera. "Eses documentos acompáñanse do feito de que Pontevedra é o único lugar do mundo onde existe o apelido Colón xa no século XV", explica Costoya, que incide en que "o almirante sempre se apelidou Colón e nunca Colombo, como deron en chamarlle". Deste xeito, "se unimos a iso que o único lugar onde estaba labrado en pedra o apelido Colón era a basílica de Pontevedra e o cruceiro de Portosanto, onde pon a data de 1490, comezamos a ter uns datos que nos levan a dicir que aquí había homes apelidados Colón e noutros lugares do mundo non". Con toda esta documentación, o estudoso Celso de la Riega comeza a establecer unha serie de hipóteses que vai comprobando a través dos escritos do propio almirante, nos que "se atopa con que, ademais de estar escritos en castelán antigo, hai máis de 600 xiros galego-portugueses". Sobre estes escritos pesan mesmo peritaxes caligráficas.

Outra das probas, na opinión do novelista, irrefutables, é a toponimia empregada por Colón para nomear os lugares que descubrira en América, pois "ao primeiro lugar que 'descobre' ponlle San Salvador, que é o patrón de Poio, a que tería sido a súa vila; e, ao chegar a Xamaica, nomea ao río máis grande que atopa como río Miño, e a outro río que desemboca alí nunha cascada, río Xallas". "Dentro da xerga mariñeira que empregaba, non hai nin un só topónimo de fóra de Galicia, entón sexamos serios", pide Costoya. A partir destas probas iniciais, a teoría vai evolucionando e van xurdindo outras, como o descubrimento de que os descendentes de Colón tiñan fincas en Portosanto, "nin en Xénova nin en Valencia, nese lugar de Pontevedra". E tamén está o feito de que "a carabela 'A Pinta', ao primeiro lugar que chega para dar noticia do descubrimento dun novo mundo, é a Baiona, a Galicia, non a Lisboa, que é a onde chega Colón tres días despois en 'La Niña'", apunta o escritor, que engade que tamén se pode un fixar "na heráldica do escudo de Colón, con cinco áncoras que demostran que tiña que ser un nobre que chegou a ser almirante despois de que na súa familia houbese outros catro almirantes", algo que "só acontece cunha familia, que é a de Soutomaior".

HAI EN MARCHA UN ESTUDO DA UCM QUE ANALIZA O ADN DE MÁIS MEMBROS DA FAMILIA SOUTOMAIOR E, "AO FINAL, A LUZ PERMANECERÁ SOBRE AS TEBRAS"

Pola banda dos estudosos, Costoya tamén convida a lembrar que "hai 10 anos, nunha mesa redonda da Universidade de Santiago de Compostela (USC) conformada por expertos, xa se determinou de forma unánime que Colón tiña que ser galego" e "agora mesmo cónstanos que a Universidade Complutense de Madrid (UCM) acaba de facer un estudo previo con máis restos de ADN desa época, pertencentes a máis membros da familia dos Soutomaior, que nos primeiros cotexos semella que poderían estar emparentados cos descentes vivos de Colón, aínda que hai que ser cauto polo momento". Así as cousas, para o novelista a parte boa que se sacou de todo isto foi precisamente o desexo do pobo galego de coñecer a verdade, porque "nos lugares das outras teorías están en silencio, pero aquí en Galicia formouse unha auténtica revolución, e nunca houbo tantas voces a favor da teoría do Colón galego". "Entre iso e o novo estudo que está en marcha por parte da UCM, o que nos queda agora é seguir loitando porque a verdade saia á luz e por estar en condicións de refutar o ruído xerado co documental", plantexa o escritor, convencido de que, "ao final, a luz permanecerá sobre as tebras, claro que si".

Finalmente, tampouco hai que esquecerse da outra conclusión, aparte da de que Colón era xudeu, que se puido extraer do documental: Diego non era realmente o irmán de Colón. Que opina Costoya deste feito? Pois o certo é que non o pilla por sorpresa: "Sinceiramente, con respecto á figura de Diego e de todos os irmáns de Colón, e mesmo de case todos os fillos, xa había moitas dúbidas". "Toda vez que unha persoa constrúe unha identidade ficticia, que é algo que si semella que aconteceu con Colón, tamén constrúe a identidade ficticia das persoas que a rodean", afirma. Para o escritor, sen lugar a dúbidas, "esta é unha das cousas máis boas que nos aportou este estudo e, se dixesen que lograron averiguar ata aí, se fosen honestos e dixesen que lograron determinar que os restos da catedral de Sevilla efectivamente son os restos de Colón e que Hernando efectivamente é o fillo do almirante e Diego un curmán lonxano, tería sido unha conclusión moi interesante e outro aval máis para pensar que Colón construíu unha identidade ficticia, que fabricou un 'alter ego'", o problema vén cando "o estragaron tratando de concluír a súa procedencia".

Unha imaxe de Cristóbal Colón
Unha imaxe de Cristóbal Colón | Fonte: Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta