O carballo galego, madeira de calidade para o whisky escocés

A unión de Tevasa Forestal Group e The Macallan permitirá "internacionalizar" a exportación de carballo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/10/2024 | Actualizada ás 20:07

Comparte esta noticia

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, recibiu este luns a representantes das empresas Forestal Peninsular, Tevasa e The Edrington Group Limited para abordar o seu proxecto de fusión, que segundo explicou a conselleira, "permitirá internacionalizar a exportación de madeira de carballo galego".

En concreto, detallou a Xunta nunha nota de prensa, a compañía galega Forestal Peninsular unirase con Tevasa, unha empresa familiar galega provedora de longa traxectoria que fabrica toneles de alta calidade feitos con carballo europeo.

Deste xeito, nace Tevasa Forestal Group, que se asociará co grupo The Edrington Group Limited, empresa internacional de bebidas alcohólicas con sede en Glasgow e produtor de whiskys de pura malta como The Macallan, Highland Park, The Glenrothes, Naked Malt e o whisky escocés mesturado The Famous Grouse.

Para a administración autonómica, a alianza entre o grupo galego e The Edrington Group "asegura a subministración sustentable de toneles de carballo galego de alta calidade procedente de serradoiros galegos á destilería escocesa The Macallan, á vez que serve de escaparate e mellora a competitividade das empresas da industria forestal galega".

Así mesmo, a titular de Economía e Industria tamén lembrou que Forestal Peninsular recibiu apoios do Executivo galego no marco de diversas liñas de apoio.

Carballeira
Carballeira | Fonte: Javier Pais en Flickr.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta