Case 2 millóns de quilos de uva tinta da Ribeira Sacra quedaron sen vendimar este ano

Os datos publicados polo consello regulador constatan, segundo o Sindicato Labrego Galego (SLG), unha diminución de vendima nas uvas tintas de 1.780.408 quilogramos. Supón máis dunha cuarta parte con respecto a 2023, case un 27 %. "Esta cifra supera as peores previsións", incide.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 23/10/2024 | Actualizada ás 16:15

Comparte esta noticia

O Sindicato Labrego Galego (SLG) denuncia que terminou a vendima e "centos de persoas ás que non lles recolleron ou malvenderon a uva seguen abandonadas pola Xunta" na Ribeira Sacra. Por iso, dirixiu cartas á Consellería de Medio Rural, Agacal (Axencia Galega de Calidade Alimentaria) e aos 19 concellos da denominación de orixe Ribeira Sacra, "demandando apoios para os viticultores".

En concreto, solicitou aos alcaldes da Peroxa, A Teixeira, Carballedo, Castro Caldelas, Chantada, Manzaneda, Monforte, Nogueira de Ramuín, O Saviñao, Pantón, Parada de Sil, Paradela, A Pobra de Brollón, A Pobra de Trives, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Sober e Taboada "que insistan na necesidade de establecer medidas reais, claras e que se coñezan xa". Segundo as súas cifras, "máis dunha cuarta parte da produción da uva tinta da denominación de orixe quedou este ano sen vendimiar, case 2 millóns de quilogramos".

Os datos publicados polo consello regulador constatan, segundo o SLG, unha diminución de vendima nas uvas tintas de 1.780.408 quilogramos. Supón máis dunha cuarta parte con respecto a 2023, case un 27 %. "Esta cifra supera as peores previsións", incide. A organización critica que non coñece "a estas alturas ningunha medida que se puxese en marcha para mellorar a súa situación, máis aló dunhas escasas e tardías axudas para a destilación e unhas axudas futuras e incertas para a preservación da paisaxe que polo momento nin sequera foron convocadas".

O colleiteiro estadounidense Zak Elfman recolle acios de godello e garnacha, a 9 de setembro de 2022, na Ribeira Sacra
O colleiteiro estadounidense Zak Elfman recolle acios de godello e garnacha, a 9 de setembro de 2022, na Ribeira Sacra | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta