A nova lei da CRTVG: "control da información" para a oposición e "máis transparencia" para a Xunta

O PSdeG di que "dilapida" a pluralidade e a Xunta contraataca coa reforma de RTVE. Diego Calvo afea a "incoherencia parlamentaria" dos socialistas que "rexeitan unha lei xenerosa con fórmulas democráticas".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/10/2024 | Actualizada ás 16:06

Comparte esta noticia

Xunta de Galicia e PSdeG enfrontáronse este mércores durante o pleno do Parlamento de Galicia con motivo do anteproxecto de lei da CRTVG, que para o grupo parlamentario socialista "dilapida" a pluralidade no seo da corporación, e que para a Xunta de Galicia, é máis "transparente e participativa" que a reforma da lei de RTVE aprobada recentemente no Congreso. A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta, encargada de presentar unha interpelación a este respecto, asegurou que este proxecto de lei "excede os límites dunha democracia".

"Este Goberno do Partido Popular parece que pretende levar en Galicia unha proposta que dilapida o dereito á información independente, obxectiva e plural para converter aos medios de comunicación públicos nun claro instrumento ao seu servizo", advertiu. Nesta liña, criticou a forma de abrir o período de alegacións, "en pleno mes de agosto para que pasase desapercibido". "O que realmente pretenden, non nos enganen, non é outra cousa que dotar ao Partido Popular do control absoluto dos medios. Un último golpe de graza, borrar dunha plumada calquera participación profesional que non siga as pautas editoriais do PP, ademais de constituír un ataque sen precedentes aos dereitos lingüísticos", insistiu. A continuación, debullou algúns dos puntos dun proxecto que, na súa opinión, busca "converter un servizo público nunha compañía de servizos audiovisuais".

Así, sinalou que se eliminan o Estatuto Profesional e o Consello de Informativos; "mínguase ata límites nunca vistos a independencia xornalística e a función do ente público", "non se escoitan as propostas" do Colexio de Xornalistas de Galicia, nin de traballadores, nin de sindicatos; "ignóranse as directrices estatais e do regulamento europeo, que advirte dos riscos de inxerencia política na liña editorial ou na gobernación dos medios cando non existen salvagardas". "A cidadanía vai sufrir un retroceso do dereito a recibir información local e os informativos poderán ser externalizados, co que se afasta a posibilidade de blindar a escasa produción propia e o mantemento das delegacións territoriais", destacou. Ademais, destacou que se crea un 'Consello Asesor' con 15 membros, "todos eles elixidos por organismos controlados polo Partido Popular".

ANTEPROXECTO "TRANSPARENTE, PLURAL E CON VOCACIÓN DE CONSENSO"

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, foi o encargado de dar resposta á interpelación por parte da Xunta de Galicia, mostrou a súa "sorpresa" ante a cuestión socialista, presentada tras a reforma da lei de RTVE. En canto ao proxecto de lei, avanzou que en próximas datas remitirán ao Parlamento de Galicia o anteproxecto "nun proceso transparente, participativo, plural e con vocación de consenso". "Velaquí una das primeiras diferenzas. O seu xefe fixo un real decreto para modificar todo o que ten que ver con RTVE. Aumentou o número de conselleiros que son nomeados por maioría absoluta no Congreso, única e exclusivamente para que a maioría fose máis refozada porque había catro que os nomeaba o Senado. Aquí facemos todo o contrario", defendeu.

O texto galego, insistiu, é "transparente" porque estivo publicado na páxina web da Xunta en fase de consulta previa; "plural e aberto á participación para blindar a pluralidade da corporación e a participación das sociedades, incluídos os propios profesionais a través do Consello Asesor de Participación Social e Profesional"; e un texto elaborado "para buscar o consenso" no que respecta ao nomeamento do director xeral, que se mantén en dous terzos e, transcorrido un mes, cámbiase por unha maioría cualificada de tres quintos. Un mes máis tarde, proseguiu, "se esa maioría non funciona", entón pódese facer por maioría absoluta. "Un sistema que agora vostedes non poden dicir que é tan malo. O que fai o señor Sánchez é que, transcorridas 24 horas, se non hai consenso no Parlamento, que non dá tempo nin de ir a casa e volver, faise por maioría absoluta. E todos estes cambios a través dun decreto", argumentou.

"INCOHERENCIA PARLAMENTARIA" PARA CALVO

Esta situación, afeou, volve pór de manifesto a "incoherencia parlamentaria" da oposición, que "rexeita unha lei xenerosa que ofrece fórmulas democráticas, transparentes e proporcionais (...), pero que evita tamén as situacións de ingobernabilidade e interinidade indefinidas". Pola súa banda, a deputada socialista sacou a colación a actual folga na CRTVG con motivo da substitución do programa 'A Revista', de produción propia' por 'O Termómetro', externalizado, ademais de lembrar que na corporación van xa 335 'venres negros'. "Isto non pasa en ningunha televisión de ningunha comunidade autónoma do Estado", aseverou. Diego Calvo pechou a interpelación asegurando que o Goberno galego "si cre na liberdade de información" e "ten o máximo respecto polo traballo dos xornalistas". "Por iso non elaboramos plans de control, como si fai Sánchez, que en roldas de prensa non contesta a preguntas de xornalistas acreditados. Nós respondemos todo. O que nos gusta e o que non", concluíu.

O conselleiro de Presidencia, Diego Calvo
O conselleiro de Presidencia, Diego Calvo | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta