Víctor Oia Francisco, investigador: "A CNT foi quen de infiltrarse no Sindicato Vertical franquista e influír nas súas decisións"

O investigador Víctor Oia Francisco é autor do libro 'Pulso de Galicia', un percorrido sobre a vida da CNT na cidade de Vigo. Nestas páxinas ofrece unha visión ou re-visión do que foi o movemento anarcosindicalista na cidade olívica despois da guerra civil española e a súa nova xeira durante o franquismo. Sorprende a resistencia e a incidencia deste movemento na cidade olívica dentro dos sectores industriais a pesar da represión franquista.

Por Moncho Mariño | Vigo | 01/11/2024 | Actualizada ás 13:48

Comparte esta noticia

-Cal foi a raíz deste libro, 'Pulso de Galicia. Unha crónica do reaxir da CNT durante o primeiro franquismo e o franquismo consolidado na cidade de Vigo'?

Víctor Ola 'Pulso de Galicia. CNT en Vigo'
Víctor Ola 'Pulso de Galicia. CNT en Vigo' | Fonte: Víctor Ola

Comezou hai anos cando tiven a oportunidade de abordar a figura de Víctor Francisco Cáceres, un militante que chegou de fóra de Galicia. A raíz de coñecer a súa vida e de ter acceso a fontes documentais, decateime de que se podía ir máis alá dunha biografía. Podíase estudar a reorganización da CNT durante os anos 1950 que tiña certos puntos de orixinalidade. Mentres noutros territorios a CNT estaba en retroceso debido á represión, en Vigo apareceu un fenómeno anómalo, e por iso digo orixinal, a creación dun comité local e desde aí estructurarse a nivel estatal e internacional cos comités no exilio.

-Cales foron os elementos que forneceron e permitiron a creación dun comité local da CNT en Vigo cando, como dis, noutros lugares estaba en retroceso pola represión?
Quixera matizar que a pesar de falarmos de anarquismo non falamos propiamente del. Estamos falando da reorganización da CNT, que é a estructura dunha organización anarcosindicalista. Aínda así, debido ao contexto temporal onde nos movemos non é doado diferenciar anarcosindicalismo de anarquismo porque se sobrepoñen un a outro, sobre todo anarquismo a anarcosindicalismo, e ás veces é difícil distinguilos. Isto débese en boa medida a que durante os momentos de refluxo quen máis aguantan son os militantes máis ideoloxizados e con máis afinidade co anarquismo. Sobre por que Vigo? Teño a sensación de que isto non sucedeu só aquí mais agora sabemos que si ocorreu en Vigo. Quero dicir, a biografía da oposición antifranquista, neste caso da CNT, chega até os primeiros corenta e logo comeza de novo a partir de finais dos 1960 e comezos dos 1970, mais as décadas dos 1950 e 1960 están por estudar. Por que ese pulo en Vigo? Ao meu entender, primeiro pola chegada de Víctor Francisco Cáceres, quen é capaz de arrodearse de persoas superando a represión previa e sobre todo os prexuízos cara á CNT, foron capaces de constituírse como organización en Vigo. Tamén podemos dicir que hai unha maneira de entender o sindicato moito máis plural do que puidese parecer. Nese momento existen varios segmentos de coordinación: local, nacional, crean grupos sindicais sobre todo nos estaleiros en base a antigos afiliados. Iso permítelles ser máis sólidos e presentarse como grupo organizado baixo unha dirección. Esta situación permítelles mesmo participar no Sindicato Vertical do franquismo desde fóra. En Vigo houbo persoas vinculadas á CNT que participaron nas actividades do Sindicato Vertical e isto deulle unha maior dimensión ás actividades que estaban a organizar. Debemos dicir que a CNT rexeitaba a participación no Vertical mais antes que enfrontar fractura interna aqueles militantes que quixesen participar no Vertical podían facelo sempre e cando as siglas non se visen afectadas. Por outra parte, a consolidación do franquismo permite a articulación dunha lexislación laboral máis laxa, con esta flexibilización os membros da CNT son capaces de incorporarse e recoller experiencia como a capacidade de negociar e incidir nas deliberacións dentro do Sindicato Vertical.

En Vigo houbo persoas vinculadas á CNT que participaron nas actividades do Sindicato Vertical e isto deulle unha maior dimensión ás actividades que estaban a organizar

-Sobre a figura de Víctor Francisco Cáceres, que nos podes dicir desta persoa tanto do seu percorrido vital como político?
Chega a Vigo a mediados de 1949, mais ten unha militancia moi curiosa porque se incorpora moi tarde á CNT. Cando o golpe de estado do 1936 Víctor Francisco Cáceres está no exército en Melilla, el non se une á sublevación e por iso é detido. Durante os anos que está preso entre Ceuta e Melilla até o 1940 acaba militando na CNT. Cando é liberado volve a Extremadura e despois vaise ao País Vasco onde empeza a actuar na clandestinidade dentro do sindicato. Isto faino en Bilbao, de aí salta a Bastida, en Araba, e a Haro, en La Rioja. Durante ese tempo participa activamente no comité de enlace CNT-UGT durante algún conflicto laboral dentro do sector da construción. O enlace CNT-UGT era un comité de representantes dos dous sindicatos para levar adiante tarefas de carácter unitario. En 1949 chega a Vigo por cuestións persoais e nun contexto de decaemento dentro do sindicalismo en toda Galicia que afecta a toda a oposición franquista. Naquel momento hai persoas presas, xente que teme organizarse ante a represión franquista mais el consegue, con moito traballo e negociación, ir formando arredor del un grupo de persoas que finalmente conseguen crear un comité local. Neste sentido, é importante o momento da detención de José Luis Quintas Figueroa en Vigo na década de 1950. Quintas era un militante fuxido desde 1936 e o seu xuízo na cidade olívica ten moita repercusión. Posiblemente, ese sexa o momento en que os militantes vigueses se xunten e debatan o futuro da CNT.

-Cal era o peso do anarquismo e do anarcosindicalismo en Galicia antes da Guerra Civil?
Tanto un coma outro tiñan moi boa saúde, sobre todo na Coruña, onde a CNT agrupaba a maioría da man de obra asalariada na cidade. No caso de Vigo era ao revés, o socialismo (UGT e a agrupación socialista) tiñan influencia na maioría de traballadores. Iso non quere dicir que a CNT non tivese presenza nesta cidade, o contrario, tiña moito peso entre a xente do mar e do transporte marítimo.

Por que ese pulo en Vigo? Ao meu entender, primeiro pola chegada de Víctor Francisco Cáceres, quen é capaz de arrodearse de persoas superando a represión previa e sobre todo os prexuízos cara á CNT

-Durante a túa investigación para este libro, puideches constatar a presenza da CNT e do anarquismo fóra do ámbito urbano?
Dediquei a maior parte do traballo a Vigo pois é un terreo moi complicado. Esta cidade acabou aglutinando outros concellos como Teis ou Lavadores e por iso non podería falar moito da CNT e o anarquismo no ámbito rural. Si é certo que existiu esa presenza, por iso pensar que a existencia de sindicatos durante os comezos do século XX era anecdótica é un erro. CNT podería ter uns 35.000 afiliados en 1936 e UGT outro tanto. Estas cifras demostran que ademais das grandes cidades e a parte atlántica de Galicia, tamén había moita presenza no interior e moi variada tanto da CNT como de grupos libertarios articulados arredor de ateneos ou centros culturais.

-Por que naquel tempo a CNT tiña tanta presenza entre a clase traballadora tanto en Galicia como no resto do Estado?
Posiblemente, por conxugar dous aspectos que en principio son moi complicados. Primeiro, unha proposta de máximos como é unha organización que tiña no comunismo libertario o seu obxectivo de futuro. Por outra parte, no plano máis inmediato era capaz de materializar demandas moi sentidas polos e polas traballadoras, mesmo demandas sociais. Digo isto porque moitas veces pensamos que a loita revolucionaria obriga a facer un esforzo moi poucas veces compensado. Neste caso, os procesos revolucionarios eran algo que se miraban a posteriori nun horizonte de emancipación. O día a día destas organizacións pasaba polo sindicalismo, por reivindicacións que ao final lle deron éxito ao ideario da CNT. A contraposición da UGT, que tendo moitísimo peso, quizais os seus vínculos cun partido de goberno, PSOE, lle puideron pasar factura por ser máis morna nas súas propostas. Ao mellor iso pode ser unha explicación.

-A partir do golpe de estado de 1936 e a posterior guerra civil en España, houbo lugares onde o movemento anarquista e a propia CNT armou milicias antifranquistas. Cal foi o motivo polo que non se chegou a facer o mesmo en Galicia?
Eu vexo aí dúas variables, a experiencia armada e a outra, a resistencia. Sobre a resistencia direi que si existiu, se acaso non tivo todo o predicamento doutros lugares onde puideron frear por un tempo o golpe, mais alí onde se mire sempre houbo resistencia. En Vigo houbo resistencia ao golpe de estado durante semanas, de maneira intermitente, mais durante todo o mes de agosto de 1936 houbo actividades antifranquistas. O motivo polo que non durou tanto esa resistencia, non sabería dicirche o motivo. Supoño que sería unha suma de factores, como a falta de capacidade para levar adiante unha resistencia máis efectiva, o feito de que os partidos gobernamentais non deron moita oportunidade ás organizacións sindicais que estaban máis polo labor de combater. Tamén está o desexo dos sublevados de querer acabar coa resistencia de maneira inmediata. Aínda así, houbo resistencia e moi importante que se mantivo durante toda a guerra. Primeiro, temos o concepto dos fuxidos que moitas veces vemos como estruturas informais mais existían vínculos entre eles. Estes grupos de fuxidos estaban compostos por membros das mesmas organizacións ou dos mesmos centros de traballo, todo isto permitíalles manter unha mínima coordinación. Con posterioridade, deron paso a outro tipo de coordinacións que non eran propiamente armadas mais si de resistencia. En Vigo existen unha serie de accións da resistencia contra o franquismo como eran as redes de evasión e as redes de colaboración coas potencias aliadas na II Guerra Mundial. As redes de contrabando tamén se usaban para pasar propaganda e a colaboración coas potencias aliadas trouxeron acordos de conseguir armas que non se concretaron.

En Vigo houbo resistencia durante semanas, de maneira intermitente, mais durante todo o mes de agosto de 1936 houbo actividades antifranquistas

-Morre Franco, chega a Transición mais a CNT perdeu a forza que tiña antes da guerra e mesmo durante o franquismo. Por que se deu esta situación?
Debemos pensar que o franquismo foron moitos anos, en Galicia e en Vigo desde o 1936 e noutros territorios desde o 1939 e con todo podemos falar de etapas diferentes. No libro falo do 'primeiro franquismo', anos 1940 até os 1960. Durante a década do 1940 a actividade é frenética por parte da CNT e do resto da oposición. Isto está relacionado con dous factores. O primeiro, a II Guerra Mundial que creou a ilusión de “se gañan ao nazi-fascismo, gañarán a Franco”. Mais en 1947 internacionalmente enténdese que o problema español xa non é tan importante, o inimigo é o comunismo e a Unión Soviética. A oposición queda soa e vai caendo pouco a pouco. Durante a década de 1950, a actividade anterior, agora case non se dá. Aínda así, como o caso de Vigo, créanse estruturas até o punto de que son capaces de incidir no Sindicato Vertical cos cambios na lexislación laboral. É cando se negocian convenios colectivos nos anos 1960, cando as folgas en Asturias e tamén folgas en Vigo. Ademais disto, tamén están as actividades clandestinas que decaen na década de 1960, caen un grupo de persoas entre eles Víctor Francisco e Jaime Garrido. Este último creará un grupo das Xuventudes Libertarias en Vigo, e tamén será promotor dun grupo moi novidoso, o Frente Juvenil Democrático. Estaba pensado para xente nova, non era propiamente anarquista mais nace do traballo da CNT. Isto foi así porque usar as siglas da CNT era complicado e por iso creou  un grupo para a mocidade. No verán de 1962 todos estes grupos quedan desarticulados. Se xa nos 1940 e 1950 a represión era moi dura, nos 1960 era moito máis e a militancia está moi cansa. Cando os capturados saen da prisión de Burgos, Víctor Francisco exiliarase en Francia e Jaime Garrido queda á fronte da CNT, mais moi minguada, non se volverá saber desta formación até as folgas de 1972. Cando morre Franco a debilidade estructural é enorme e en relación co grande sindicato que era Comisiones Obreras, que viña facendo un traballo amplo no ámbito laboral, a CNT non foi capaz de seguir o ritmo nin de ofrecerse como unha alternativa sólida. A Transición foi como foi co resultado que xa coñecemos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta