Estafaron 19.000 euros facendo crer a pais que os seus fillos están en apuros

A Garda Civil desarticuloa a un grupo criminal adicado ás estafas do 'fillo en apuros".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/10/2024 | Actualizada ás 13:24

Comparte esta noticia

A Garda Civil desarticulou un grupo criminal formado por 12 persoas que estafaron 19.000 euros a través da técnica do 'fillo en apuros'. Esta técnica delituosa, lembra a Garda Civil, baséase en suplantar a identidade dos fillos das vítimas mediante o envío de mensaxes, solicitando diñeiro para supostos pagos urxentes.

A operación, denominada 'Xibeca', permitiu esclarecer tres delitos de estafa, e procedeuse á identificación, detención ou investigación dos membros da organización nas localidades de Santiago de Compostela, Milladoiro, Teixeiro, Lugo, Monforte de Lemos e Ourense. Aos procesados atribúenselles delitos de estafa, branqueo de capitais e pertenza a grupo criminal.

As vítimas, localizadas en provincias como Alacante e A Rioxa, recibían mensaxes SMS que comezaban con frases como: "Ola mamá, o meu móbil rompeu". A continuación, os estafadores solicitaban que as vítimas realizasen varias transferencias bancarias para cubrir pagos urxentes, como facturas impagadas ou a compra dun teléfono novo. A investigación iniciouse en abril de 2023 tras varias denuncias de persoas afectadas.

Tras un longo labor de investigación, a Garda Civil localizou un establecemento hostaleiro en Santiago, dirixido por dous homes que utilizaban o local para recrutar a 'mulas económicas'. Estas persoas, nove en total, facilitaban o desvío dos fondos obtidos ilegalmente mediante transferencias bancarias e a posterior entrega do diñeiro en efectivo aos responsables do local.

Ademais, púidose constatar que o propietario do establecemento, un dos xefes do grupo, realizaba tamén vendas de sustancias estupefacientes. Por tanto, ao ser detido, imputáronselle, ademais dos delitos de estafa, branqueo de capitais e pertenza a grupo criminal, cargos por tráfico de drogas.

O captador da rede, propietario do local, foi detido e atópase actualmente ingresado no Centro Penal de Teixeiro. O xefe principal do grupo foi arrestado na localidade de Monforte de Lemos (Lugo), onde residía, e posto a disposición xudicial. O traballador do establecemento hostaleiro foi investigado pola súa presunta participación nos feitos. A cantidade total estafada ascende a 19.000 euros.

Desarticulado un grupo criminal que estafou 19.000 euros a través da técnica do 'fillo en apertos'. GARDA CIVIL
Desarticulado un grupo criminal que estafou 19.000 euros a través da técnica do 'fillo en apertos'. GARDA CIVIL | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta