Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/10/2024 | Actualizada ás 13:28
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) o acordo polo que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a de construción e o estudo de impacto ambiental das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico do porto exterior da Coruña.
Trátase de instalacións no concello de Arteixo, onde se sitúa o porto exterior, promovidas por Inditex Renovables S.L.U.. Coa publicación no DOG abrirase a posibilidade de que se poidan efectuar "as alegacións e observacións que se consideren oportunas dentro do prazo de 30 días" que contará a partir do día seguinte da publicación no mesmo.
O parque eólico contará cunha potencia a instalar de 19,8 Mw e cunha produción media neta estimada de 52.368 Mwh/ano, ademais dun orzamento de execución de 17,4 millóns e un prazo de execución de doce meses.
En concreto, trataríase dun parque eólico conectado na modalidade de autoconsumo colectivo. O mesmo sitúase no dominio público portuario do porto exterior da Coruña. O proxecto foi declarado, o pasado agosto de 2023, no Consello da Xunta como proxecto de clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.