SOS Sanidade Pública denuncia a caída do gasto sanitario nas contas galegas de 2025: "Todo seguirá igual"

Tras criticar que o gasto en receitas de farmacia segue sendo "moi elevado", censuraron que "se perpetúa a precariedade" da sanidade pública, un servizo "necesario para facer fronte a novas epidemias", e non se aposta por áreas como a protección e promoción da saúde.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/10/2024 | Actualizada ás 15:27

Comparte esta noticia

A Plataforma SOS Sanidade Pública lamentou este mércores que, a pesar da "crise do sistema sanitario público" en Galicia, os orzamentos para 2025 reflicten un decrecemento do gasto sanitario do 0,7 %, e lamenta que "todo seguirá igual". Segundo sinalou nun comunicado, o crecemento do orzamento de Sanidade respecto do ano 2024 é do 4,4 %, "pero se descontamos a inflacción actual (5,5 %), o crecemento real é negativo (-0,7 %)" e criticou que "a Xunta non ten previstos novos recursos para abordar a crise do sistema sanitario público galego".

Con respecto á partida para Atención Hospitalaria, experimenta tamén un "descenso real" e os recursos son, segundo esta organización, "insuficientes" para reducir as listas de espera e completar as reformas hospitalarias pendentes. O orzamento para toda a rede de hospitais públicos "apenas crece en 168 millóns de euros", mantendo o 65,3 % do gasto sanitario. Así, prevense 41 millóns de euros para a ampliación do Hospital de Pontevedra, "que levan máis de 24 anos esperando"; mentres que a construción do novo CHUAC da Coruña "sofre un recorte de 63 millóns respecto dos 100 previstos no pasado ano".

SOS Sanidade Pública tamén denunciou que se mantén "a situación de recortes e marxinación" da Atención Primaria, que ten "gravísimos problemas de accesibilidade, integralidade e perda de calidade". Neste caso, o gasto "sobe unicamente 5 décimas", e queda no 14,7 % do gasto sanitario total. Así, advertiu a Plataforma, "tardaranse máis de 30 anos en alcanzar o 25 % de gasto recomendado pola OMS e polas organizacións profesionais de Atención Primaria".

Imaxe do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo
Imaxe do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo | Fonte: PEDRO DAVILA - Arquivo

Tras criticar que o gasto en receitas de farmacia segue sendo "moi elevado", censuraron que "se perpetúa a precariedade" da sanidade pública, un servizo "necesario para facer fronte a novas epidemias", e non se aposta por áreas como a protección e promoción da saúde. Finalmente, SOS Sanidade Pública criticou tamén a escasa subida no apartado de gasto para formación do persoal, e lamentou que "apenas se destinan recursos á investigación", un 0,4 %, a pesar de que é "clave" para garantir un sistema sanitario público de calidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta