Por Europa Press / Redacción | Compostela | 30/10/2024 | Actualizada ás 18:21
O Comité Intercentros da CRTVG informou da súa intención de endurecer a folga que teñen en marcha desde hai case un mes vista a "negativa" da dirección a dialogar. Así, os paros ampliaranse en 45 minutos e, de seguir a mesma situación, a partir de decembro pasarán a ser toda a semana, e non luns, mércores e venres como ata agora.
Así o comunicou o Comité, que lamentou ter que "descartar" a vía do diálogo. A este respecto, lembrou que a dirección de recursos humanos "xa asegurou ao comezo das mobilizacións, non ter nada que negociar co comité de folga". Apuntan tamén que os sindicatos solicitaron a mediación das súas secretarías xerais, que solicitaron o 23 de outubro unha reunión co director xeral da corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo.
Segundo sinalan, aínda que Izquierdo nun primeiro momento transmitiulles a súa intención de aceptar a invitación, finalmente rexeitou este martes manter a reunión. "É a denegación desa solicitude de apertura do diálogo ao máximo nivel, que o comité intercentros considera irresponsable, neglixente e allea aos intereses do servizo público, a que xustifica o endurecemento da convocatoria de folga en curso", alegan.
Así, a partir do próximo luns 11 de novembro, e con carácter indefinido durante os luns, mércores e venres, o horario do paro amplíase en 45 minutos, pasando das 11.30 ás 13.00 horas actuais a prorrogarse ata as 13.45 horas, "co obxectivo de impactar de cheo na emisión do programa 'O Termómetro".
É este programa o que pon de exemplo da "externalización" e "dilapidación de recursos" por parte da casa. Así mesmo, a partir do 1 de decembro, a folga pasará a celebrarse todos os días da semana ordinaria.
11ª XORNADA DE FOLGA
Esta decisión comunicárona coincidindo coa 11ª xornada de folga, na que se volveron a concentrar ante a entrada da sede central da Corporación en San Marcos. Alí recibiron as visitas do secretario xeral de UGT-Galicia, Xosé Antón Gómez; e do poeta, profesor e membro da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), Lois Pérez.
Os dous agradeceron a "loita e esforzo" que o persoal en folga da CRTVG está a facer "pola dignificación e democratización da radiotelevisión pública, que é un exemplo e unha referencia para moitos cidadáns que empezan a tomar conciencia da gravidade da situación".
Nesta xornada, próxima ao Día de Defuntos, os folguistas representaron unha comitiva fúnebre polo falecemento da CRTVG, "asasinada as coiteladas da manipulación, externalización e desmantelamento que leva anos asestándolle a dirección do ente público, atendendo ao mandado e aos intereses do Partido Popular".
POSTURA DA CRTVG
Consultada por Europa Press, a corporación informou de que o paro deste mércores foi secundado por un 14,7% do persoal e destacou que, desde o inicio da folga, o apoio "foi decrecendo dun 30% a un 15%". Indican tamén que a Asemblea de Traballadores na que se confirmou a continuación dos paros tivo unha asistencia dunhas 40 persoas sobre o total de mil traballadores, "sendo a maior parte dos participantes os propios membros do comité de folga".
"A realidade que reflicten cada día os datos de participación é que os traballadores da CRTVG rexeitan de forma masiva a folga", remarcan. Para a CRTVG, a petición de cancelar o programa 'O Termómetro' non ten "ningunha base legal" xa que, segundo defenden, segue o mesmo esquema que outras producións de TVE e canles autonómicas, sen afectación sobre o cadro de persoal da Corporación.
Por último, afirman que as causas achegadas polo Comité Intercentros no documento de ampliación da folga son falsas. Así, aseguran que o director mantivo conversacións telefónicas a semana pasada cos secretarios xerais de CIG, CCOO, CUT e UGT para "dialogar con todos, escoitar aos máximos responsables destas organizacións como así llo solicitaron, e tamén para expresar a postura da CRTVG".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.