O orzamento do Consello Consultivo de Galicia, sen grandes cambios para 2025: sobe case un 3 % por gastos de persoal

O presidente do Consello comparece ante a Comisión de Orzamentos do Parlamento.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/10/2024 | Actualizada ás 13:47

Comparte esta noticia

O presidente do Consello Consultivo de Galicia, Andrés Lago Louro, compareceu este xoves ante a Comisión de Orzamentos do Parlamento de Galicia para detallar a partida orzamentaria da institución, que se mantén sen grandes cambios este ano. Así, para 2025, o orzamento previsto ascende a 2.399.659 euros, o que supón un incremento respecto ao ano anterior dun 2,83 %. Destacou ademais que esta partida representa "moi pouco" do orzamento autonómico xeneral, en concreto, un 0,017 %.

Segundo explicou, divídese unicamente en tres capítulos: gastos de persoal, gastos correntes e investimentos reais. O capítulo 1 é o que máis orzamento leva, ao redor dun 83 % do mesmo (2.003.732 euros). Aquí increméntase o gasto en 66.000 con respecto a 2024, un 3,41 %, debido á subida que poderían experimentar as retribucións para a próxima anualidade vinculadas aos acordos cos sindicatos que aínda se están definindo. Así mesmo, referiu a contratación dun traballador eventual en materia de comunicación e redes sociais.

No que respecta ao capítulo de gastos correntes e bens e servizos, o orzamento é de 295.927 euros, algo menor que o do ano pasado, un 3,27 % menos (uns 10.000 euros). Xustificou esta redución no aforro de gasto en servizos como telefonía, electricidade, seguridade e limpeza, que ata agora contrataba directamente o Consello coas entidades correspondentes e que supuña "un custo elevado".

Consello Consultivo
Consello Consultivo | Fonte: Google

Agora, adheríronse aos grandes contratos xerais da Xunta, o que supón "un aforro considerable, sobre uns 14.000 euros". O mesmo ocorre coas bases de datos comerciais, "esenciais" para que os traballadores do Consello desenvolver o seu traballo e que supuñan unha media de 10 ou 12.000 euros anuais. Tal e como explicou, o que fixo organismo é asinar un convenio coa Universidade de Santiago que lles permite acceder aos fondos da universidade e aforrar ese custo.

"NON EXISTE XUSTIFICACIÓN PARA AUMENTAR O ORZAMENTO"

Xa respecto ao último capítulo, o de investimentos reais, puntualizou que a cantidade que se detrae do capítulo dous aplícase neste (de 90.000 euros o ano pasado a 100.000 euros agora) para acometer unha serie de obras como a substitución de xanelas, a reparación de humidades e pintura, a erradicación dunha praga de termitas e o cambio do sistema de climatización da última planta. Ademais, indicou tamén que unha parte importante do orzamento deste capítulo, o 25 %, destínase tamén a fondos bibliográficos.

Considera Lago Louro que non existe "xustificación" para incrementar ese orzamento respecto de anos anteriores, dado que o volume de asuntos abordados polo Consello é moi "semellante" nos últimos anos. "Se nos referimos a 2024, o número de asuntos de entrada e resolución no Consello Cultivo foi de 412. Actualmente levamos 375 e, aínda que falta por computar o último trimestre, imos quedar nunha contía semellante", apuntou. O presidente do Consello tamén destacou o tempo de resposta dos ditames, cunha media de 23 días fronte aos 30 días de carácter xeral. Respecto da calidade, reivindicou que no 85 % dos casos, o criterio exposto no ditame é seguido pola Administración consultante.

OPOSICIÓN

En termos xerais, a oposición mostrouse satisfeita cos orzamentos presentados polo presidente do Consello, pero si se mostraron críticos co propio proceder do organismo. De feito, o deputado polo grupo socialista Armando Ojea asegurou que non ve "excesiva" a partida orzamentaria para o traballo que leva a cabo o Consello, que reivindicou. O mesmo fixo o deputado popular Julio García Comesaña.

Os socialistas, pola súa banda, sinalaron que "queren ver ao Consello Consultivo como un verdadeiro órgano superior consultivo das administracións, que exerza a súa función consultiva con plena autonomía xerárquica e funcional en garantía, evidentemente, das súas obxectividades e imparcialidades". Consideran que nas palabras de benvida do presidente na páxina web "albíscase un certo cambio de rumbo", xa que se afirma que o Consello Consultivo "quere manter unha relación próxima e accesible aos cidadáns compartindo de forma clara as resolucións".

Por outra banda, reflexionaron sobre a utilización da Lei de Acompañamento dos Orzamentos autonómicos, "que tería que ser simplemente para adecuar as normas aos propios orzamentos", pero da que se "abusa" para "modificar moitas leis de gran calado". Isto evita, apuntan, os informes preceptivos necesarios ou a pronuncia do ditame por parte do Consello Consultivo "e usurpa a necesidade do informe preceptivo do Consello Económico e Social".

Os nacionalistas expresáronse nos mesmos termos e animaron a que esta institución "sirva para mellorar a achega deste órgano á sociedade galega". A este respecto, lembraron que ao Consello só se lle pediu pronunciarse sobre un aspecto "moi concreto" da Lei do Litoral, non sobre a Lei de Recursos Natuales e tampouco sobre a Lei da Igualdade Efectiva para Mulleres e Homes de Galicia. "O Consello Consultivo non debe ser un órgano pasivo, senón que debe asumir unha actitude máis proactiva; anticipándose, sen limitarse a esperar a solicitude de ditames e propondo modificacións lexislativas", aseveraron.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta