Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 09/11/2024 | Actualizada ás 14:00
Se pensas que iso de tourear ou correr diante dun touro é cousa do pasado, equivócaste. A día de hoxe a tauromaquia está considerada patrimonio cultural de España. Nomeamento que, aínda que poida crerse que vén de fai moito tempo, de cando as grandes prazas estaban cheas ata a bandeira ou de cando as corridas de touros esgotaban entradas en cuestión de horas, en verdade recibiu a consideración de patrimonio cultural a través dunha lei que se aprobou no ano 2013. Que implicacións ten esta declaración? Pois fai que a tauromaquia estea protexida e blindada pola Constitución e que non se poida actuar para regulala, limitala ou prohibila, dado que calquera destas actuacións sería inconstitucional. Así as cousas, actualmente, nin comunidades nin concellos poden decidir se no seu territorio consideran a tauromaquia cultura, porque é algo que xa vén imposto por lei, xa se impón que si o é, e que, en consecuencia, os poderes públicos teñen a obriga de mantela viva, de promovela e de subvencionala con cartos públicos. Ata cando seguirá isto así? Dende o Galicia Confidencial falamos con Cristina Ibáñez, representante da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) 'No es mi cultura'.
Como nos explica, "indubidablemente, a tauromaquia é algo que formou parte da cultura de España dende fai moitísimos anos, pero non se considerou cultura por lei ata o ano 2013, cando o sector taurino levou a cabo unha Iniciativa Lexislativa Popular para conseguir que a tauromaquia fose declarada patrimonio cultural de España e, desa forma, protexela". Dende o seu punto de vista, fixeron isto porque "xa vían unha diminución notable na afección e no número de festexos que había que xiraban arredor dos touros e, ante esta situación, decidiron protexela para poder poñer moi díficil o modificala, regulala ou prohibila". Sexa polo que fose, o certo é que o conseguiron, pero en resposta a esa ILP do sector taurino de fai xa 11 anos, nestes momentos o sector antitaurino está levando a cabo o contrario: una Iniciativa Lexislativa Popular que busca desprotexer e desblindar a tauromaquia, para que esta deixe de estar protexida e considerada como patrimonio cultural de España.
"DEBEMOS RECOLLER UNHAS 650.000 SINATURAS ANTES DO MES DE FEBREIRO"
A ILP antitaurina como tal, como conta Cristina, comezou "fai moitos anos". "Levamos moitos anos dándolle voltas a isto, pero sabemos que é moi difícil que unha Iniciativa Lexislativa Popular prospere, polo que estabamos agardando o momento político menos desfavorable", asegura, e apunta a que "cando se formou o novo goberno PSOE-Sumar decidimos que era o momento, porque considerabamos que esta coalición non era desfavorable para unha iniciativa do nivel da nosa". Foi así como se lanzaron á piscina, conseguindo que en xaneiro deste mesmo ano 2024 lles admitisen a trámite a ILP e que en febreiro lles desen luz verde para comezar a recollida de sinaturas. Dende ese momento, como explica a representante da iniciativa, comezaba un prazo de 9 meses para lograr medio millón de sinaturas validadas, algo nada doado. Ademais, Cristina apunta a que "xa a propia lei che recomenda recoller un 30 % máis de sinaturas das que che solicitan, porque a experiencia previa indica que moitas firmas quedan invalidadas por moi diversos motivos: están duplicadas, a letra resulta ilexible (e é obrigatorio que estean recollidas en papel, á man), hai sinaturas de persoas que non teñen a nacionalidade española...".
Deste xeito, a cifra idónea de recollida andaría ao redor das 650.000 sinaturas, o cal "é moitísimo e leva moito tempo", lamenta Cristina. De feito, o prazo dos 9 meses finalizaría este mesmo mes de novembro, pero obtiveron unha prórroga ata o próximo mes de febreiro, debido a irregularidades á hora de enviarlles os pregos de sinaturas selados por parte da autoridade competente. "Como os pregos de sinaturas, con espazo para 40 sinaturas cada un, teñen que estar selados pola Xunta Electoral Central, e a lei indica que esta ten dous días para realizar este selado e en todas as ocasións nas que nós lle enviamos caixas de pregos para selar tardaron moitísimo máis, retrasándonos así tamén na recollida de sinaturas, tras facer a pertinente alegación, déronnos a razón e concedéronnos unha prórroga de tres meses máis", apunta. Deste xeito, será en febreiro cando teñan que entregar todas as sinaturas ante o Congreso dos Deputados, que despois terá 6 meses para verificalas e indicar que todo está correcto. Feito isto, chegará o momento de debatir a ILP no pleno do Congreso.
"O FOCO NA VOTACIÓN NO CONGRESO ESTÁ NO PSOE"
A representante desta ILP explica que é nese momento cando "hai que lograr que a votación sexa favorable aos nosos intereses, e ese é o segundo reto ao que nos enfrontamos: o primeiro é a recollida de tantas sinaturas, que xa é moi difícil, pero o segundo é conseguir que a maioría do Congreso vote a favor". Para logralo, amósase consciente de que "o foco aquí está no PSOE, que é o que ten o peso da votación por ter maior número de representantes na cámara e, polo tanto, nese momento comeza a nosa segunda fase de traballo, centrada no 'lobby' político e en falar con eles e manter reunións continuas para facerlles entender que chegou o momento de, como mínimo, desprotexer a tauromaquia e dar a liberdade a cada territorio de decidir o que quere facer con ela, non impoñela por lei como se está a facer agora, porque resulta moi inxusto e non representa os desexos da maioría da poboación, nin moito menos".
Ao preguntarlle se agardan chegar a febreiro co obxectivo de sinaturas cumprido, Cristina confesa que, aínda que "agardamos que si", tamén "estamos pasando moitos nervios, porque ao final isto trátase de repartir pregos por toda España e agardar a que sexan devoltos completos, e isto está a ser moi difícil, porque a xente non acaba de entender que precisamos que nos devolvan os pregos para poder nós ter unha previsión de cantas sinaturas levamos e cantas nos faltan, para saber se debemos intensificar o traballo ou mandar máis pregos". Deste xeito, asegura que "sumando todos os pregos que xa foron devoltos ata o de agora temos contadas e validadas 350.000 firmas pola nosa banda, pero hai pregos repartidos por España como para ter case 2 millóns de firmas, así que, se todos fosen devoltos, teriamos moitas firmas", o problema está en que "non sabemos se alguén vai decidir finalmente non devolvelo, se o perdeu, se o vai devolver en prazo...". Polo tanto, o único que poden facer é agardar.
"MOITOS ESPAÑOIS SENTEN VERGONZA DE QUE SE LLES ASOCIE CON ALGO ASÍ"
Para os coordinadores desta ILP está claro que "non se pode permitir que a día de hoxe torturar un animal ata a morte nunha praza ou atosigalo polas rúas dunha vila sexa considerado cultura", porque "a cultura debería ser algo cun valor cultural, histórico, artístico... algo que de verdade represente os valores dunha sociedade e uns valores dos que sentirnos orgullosos". Así as cousas, aseguran que "a maioría dos españois senten vergoña de que se nos asocie cunha festa así en pleno 2024". Ademais, inciden en que "a tauromaquia divide e polariza á sociedade dunha maneira tóxica e nada bonita". E apuntan a que as últimas enquisas oficiais do Ministerio de Cultura sobre este asunto, correspondentes ao período 2018-2019, reflexan que só o 8 % da poboación acudiu a algún festexo taurino nesas datas e que, dese 8 %, unha gran porcentaxe fíxoo porque lle deron entradas gratis ou descontos. Así as cousas, para Cristina é evidente que "a tauromaquia está morrendo e simplemente se mantén viva conectada a un respirador que se chama patrimonio cultural, é dicir, só por culpa desa lei que o 'lobby' taurino se sacou da chistera no 2013 sen sentido ningún", grazas á cal "hoxe temos que avergonzarnos de que en España a tauromaquia aínda sexa cultura".
De feito, non é pouca a xente que se pregunta como é posible que se sigan organizando eventos taurinos cando, en verdade, economicamente non semella ser xa un negocio rentable, con ducias de asentos libres nas prazas de touros. Pero e que, como explica a representante da iniciativa, "estas festas realmente mantéñense vivas porque ao estar a tauromaquia considerada patrimonio cultural iso conleva que non deixe de recibir subvencións con cartos públicos", pois, "sen estas subvencións non habería como sostela". É esa outra das razóns polas que se amosa convencida de que, "deixando de blindala por lei, vai morrer por si soa", insistindo en que "agora mesmo mantense viva grazas a unha trampa legal absolutamente inxusta". Tanto é así que concellos como Pontevedra continúan organizando corridas de touros durante as súas festas porque "se o concello decidise prohibir a tauromaquia na cidade, probablemente tería problemas, porque se alguén fose queixarse, tería a razón, porque así o recolle a lei, que di que hai que promover todos estes actos porque forman parte da cultura española".
"O POBO ESTÁ FALANDO E ESIXINDO XA UN CAMBIO"
Agora ben, Cristina tamén anima aos concellos a que sexan valentes e decidan coller o touro polos cornos, nunca mellor dito. Por exemplo, o concello de Padrón eliminou dende fai varios anos (e tras sucesivas manifestacións) a corrida de touros que se organizaba durante as Festas da Pascua e substituiuna por exhibicións de cabalos. E é que, "aínda que pode haber repercusións, non é habitual que as haxa", de tal maneira que, "lamentablemente, os concellos que promoven a tauromaquia fano porque queren e con moito gusto", pero "a realidade é que na maioría dos casos que a suprimiron, os concellos en cuestión non tiveron consecuencias". Finalmente, para a coordinadora da ILP, resulta "moi interesante combater unha iniciativa lexislativa popular que naceu do sector taurino con outra iniciativa lexislativa popular que tamén sae do pobo, xa que, dada a pouca valentía que teñen os políticos para tomar decisións pensando en que lles custarán votos, isto supón deixarllo en bandexa e dicirlle que hai unha inmensa maioría da poboación española que non está de acordo con que se protexa por lei a tauromaquia nin con que esta se considere patrimonio cultural de España". "O pobo está falando e esixindo xa un cambio", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.