Por Galicia Confidencial | VIGO | 12/11/2024 | Actualizada ás 19:31
A intensa actividade do 'Mes do Patrimonio' impulsado pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! este outono terá colofón esta semana en Vigo coa dobre cita convocada para o venres 15 e o sábado 16 de novembro. PNO! ponlle así o ramo a unha extensa axenda que comezaba en outubro, coincidindo coa celebración, por vez primeira, do Día Internacional do Patrimonio Inmaterial, nova convocatoria establecida pola UNESCO.
As celebracións deste Outono de Patrimonio abrangueron, entre outras cousas, exposicións, relatorios, actuacións e homenaxes a portadores da cultura inmaterial, en Vigo, Santiago de Compostela, Ourense ou Valença do Minho. As actividades incluíron tamén unha mostra fotográfica cos 25 bens do patrimonio inmaterial recoñecidos a nivel estatal pola Organización das Nacións Unidas para a Cultura, as Ciencias e a Educación, entre os que está a propia asociación, escollida como modelo de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial no estado español e Portugal en 2022.
FESTA COAS ESCOLAS NA VÉSPERA DO DÍA DO PATRIMONIO
Na véspera do Día Internacional do Patrimonio, o Auditorio do Centro Veciñal e Cultural de Valadares, en Vigo, acollerá o venres 15 de novembro a entrega dos premios da sétima edición do Certame 'As imaxes do Patrimonio'. O evento contará coa actuación de Paco Nogueiras e poderá seguirse tamén en streaming desde a canle de Youtube e a web de PNO!.
E o sábado 16, no propio Día Internacional do Patrimonio, o Auditorio Martín Códax do Conservatorio Superior de Música de Vigo acollerá o espectáculo 'Ponte de Patrimonio', gala do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués. Será un evento que integrará diversas expresións do patrimonio cultural inmaterial galego-portugués: o teatro, a narración oral, a música, o baile e as danzas. Ponte de Patrimonio contará coa actuación da actriz Isabel Risco e do narrador oral Celso F. Sanmartín. Tamén estarán o grupo Ailá, formación compostelá gañadora dos premios Martín Códax da Música 2023 na categoría de Música Tradicional, e o grupo portugués A Chulada da Ponte Velha. A entrada é libre até completar aforo.
AS IMAXES DO PATRIMONIO
Un alambique ambulante por terras de Amandi, a primeira fábrica de gaseosas do concello de Laza. A comezos do século XIX, unha estampa da vendima, un tataravó palangreiro en terras do Barbanza, un concurso de vestidos de bonecas nos anos 50 do século pasado, dous rapaces apenas adolescentes comezando como aprendices de albanel e ebanista, unha parella moceando na emigración londiniense dos anos 60, un día na sega do trigo, unha voda multicultural en Río de Janeiro hai case setenta anos, montando o palco da festa...
Os anteriores son tema dalgunhas das magníficas estampas, con grandes historias que as acompañan, e que foron premiadas no VII Certame de fotografía 'Imaxes do Patrimonio'. Unha nova viaxe pola memoria á que nos convida alumnado galego e portugués, coa colaboración das súas familias e a través da iniciativa da Asociación Ponte...nas ondas! O xurado integrárono Sergio Pereira, antropólogo; Cristina Sánchez-Carretero investigadora e antropóloga; Xerardo Feijoo, profesor; e Fran Valcárcel, profesor e membro da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!, actuando como secretario con voz e sen voto. Acceso ás imaxes premiadas: https://escolasnasondas.com/vii-certame-de-fotografia-imaxes-dopatrimonio-as-ganadoras/.
TRABALLANDO CO PATRIMONIO INMATERIAL NAS AULAS
A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas!, con longa traxectoria de case 30 anos na promoción e posta en valor do patrimonio inmaterial, fai balance así dunha iniciativa que parte da idea de que o Patrimonio Cultural Inmaterial é un conxunto inmenso de expresións culturais e de tradicións herdadas do pasado que as persoas preservan e se encargan de transmitir ás xeracións futuras. Desde comezos do século XX ese conxunto de expresións herdadas do pasado e transmitidas de forma oral encontraron na fotografía un valioso rexistro documental.
Co obxectivo prioritario de axudarlle ás novas xeracións a descubriren a existencia dese rico e variado Patrimonio Cultural Común, propúxoselles que buscaran, coa axuda dos docentes e na compaña de seus familiares, aquelas fotos que contivesen elementos dese patrimonio cultural, na procura de elementos e vivencias concretas para constatar, desde o presente, o valor que cumpriron e seguen a cumprir, manifestacións culturais que polo seu simbolismo forman parte da nosa memoria colectiva.
VII CERTAME DE FOTOGRAFÍA 'IMAXES DO PATRIMONIO'
A relación de premiados é a seguinte:
Categoría Ensino Primario/Ensino Básico
1º Premio: Xiomara Barja Alonso – 2º EP
CEIP O Castiñeiro (Laza)
Título: Gaseosas
2º Premio: Leire Blanco Fernández 5 EP
CEIP Plurilingüe Ben-Cho-Shey (O Pereiro de Aguiar)
Título: Alambique
3º Premio: Inês Cunha Gonçalves – 7º ano
Escola Básica Deu-La-Deu Monçao (Agrupamento de Escolas de Monção)
Título: No átrio da igreja
Accésit: Roi Priego Alonso
CEIP Plurilingüe Seis do Nadal (Vigo)
Título: Na vendima
Categoría Ensino Secundario Obrigatorio / Ensino Secundario
1º Premio: Ainoa González Cañestro – 2º ESO
IES Número 1 de Ribeira.
Título: Rogelio, meu tataravó palangreiro.
2º Premio : Catarina Marques Pinto – 3º ESO – Ano 9
Escola Secundária Clara de Resende (Porto)
Título: As meninas não são bonecas
3º Premio: Marcos González Pazos – 2º ESO
IES Arcebispo Xelmírez II (Santiago de Compostela)
Título: Aprendices
Accésit 1: Iago Rodríguez Edrosa – 1º ESO
IES de Foz (Lugo)
Título: Un día segando o trigo
Accésit 2: Xoán Rivas Seijas – 4º ESO
IES Plurilingüe de Ames
Título: Voda multicultural en 1957
Accésit 3: Irene Álvarez Rodríguez – 2º Bacharelato
IES Plurilingüe de Ames
Título: Como coñecín o voso avó
Accésit 4: Daniela Gómez Pereira – 2º ESO
CPI Virxe da Saleta (Cea)
Título: Maternidade
CERTAME DE PODCAST
Categoría Ensino Primario/Ensino Básico
1º Premio: Alonso Arribas López – 5º EP
CEIP Sequelo de Marín
Título: 1954 Facendo un palco en Cotobade
Accésit 1: Nicolás Fernández García (Educación Infantil)
CEIP Sequelo de Marín
Título: 1953 De romaría na Franqueira
Accésit 2: Matilda Fernández García – 1º EP
CEIP Sequelo de Marín
Título: 1950 Traballadoras da fábrica de conservas Herrero
Categoría Ensino Secundario Obrigatorio / Ensino Secundario
1º Premio: Antón Carou López – 1º ESO
IES Virxe do Mar (Noia)
Título: Seleccionando berberecho
Accésit 1: Iago Varela
IES do Milladoiro
Título: Coas vacas
Accésit 2: Andrés Iglesias Domeque – 2º Bacharelato
IES Politécnico de Vigo
Título: O avó do mar
PREMIO ESPECIAL DO XURADO
Ademais, o xurado acordou por unanimidade e fóra de todas as categorías conceder tres mencións especiais a tres escolas polo seu traballo xeral do que forman parte as fotografías enviadas:
CEP Carlos Casares.Grixó-Alxén (Salvaterra de Miño):
Esta escola propuxo unha iniciativa que, aínda sen axustarse exactamente ás bases, destaca polo seu valor pedagóxico. Trátase dun proxecto de centro que inclúe unha exposición de obxectos, relacionados co tema do proxecto anual. Neste caso, o tema escollido xira arredor dos xogos tradicionais, baixo o título 'Lerias e enredos doutro tempo', e contou coa colaboración das familias do alumnado que forneceron de moitos obxectos para a elaboración dunha exposición. O proxecto estrutúrase en diversas categorías de interese: xogos de mesa, educativos, bonecos, tradicionais e electrónicos entre outros.
IES de Ponte Caldelas:
Alén das imaxes enviadas ao certame convencional, envían o texto e o traballo plástico realizado que forma parte do 'Proxecto Comunidade' deste curso. Participaron os departamentos de Plástica, Tecnoloxía, Xeografía e Historia e Lingua Galega. Realizaron traballos de investigación a través de entrevistas entre familias e veciños para posteriormente realizar traballo creativo en plástica e dixitalización. Pod-cast, imaxes, vídeos, PDF, todo este traballo deste curso está recollido na web que os representa.
IES Politécnico (Vigo):
O IES Politécnico de Vigo impulsou, coordinou e organizou o proxecto 'Á luz da Candeira', co obxectivo primordial de traballar co alumnado os valores relacionados coa conciencia de coñecemento, recollida e posta en valor do noso patrimonio cultural inmaterial. Desta maneira, este proxecto centrouse especialmente nos ámbitos da tradición oral e a fotografía antiga; pois, por unha banda, parte do alumnado participou nun proceso de recollida, transcrición e difusión dun repertorio de tradicións orais transmitidas polas súas familias e, por outra banda, outra parte do alumnado realizou unha recolla de fotografías antigas na súa contorna máis próxima. Finalmente, co material recibido creouse a web na que actualmente se pode acceder.
Aquí poden verse todas as fotos gañadoras desta VII Edición:
https://escolasnasondas.com/vii-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-as-ganadoras/
TRES DÉCADAS DE TRABALLO EN PROL DO PATRIMONIO
A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!, leva máis de vinte e cinco anos traballando na divulgación do Patrimonio inmaterial galego-portugués. Coordinados por docentes galegos e portugueses, milleiros de alumnas e alumnos de escolas de Galicia e Portugal teñen participado nos certames de Recolla do Patrimonio Inmaterial, Xornadas Multimedia ou Días Mundiais da Radio, entre outros eventos e actividades organizados pola Asociación. En decembro de 2022 Ponte...nas ondas! foi recoñecida pola UNESCO como modelo de boas prácticas co PCI (Patrimonio Cultural Inmaterial) sendo incluída no Rexistro das Boas Prácticas da UNESCO. A candidatura foi presentada por parte de Portugal e España e é a primeira inscrición para Portugal e Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.