Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/11/2024 | Actualizada ás 11:45
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, está chamado a responder sobre vivenda e o estado da sanidade no pleno que se celebrará no Parlamento de Galicia o martes e o mércores, no que comparecerá a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, para informar as liñas xerais do seu departamento.
De acordo coa configuración da orde do día, a líder do Bloque, Ana Pontón, preguntará na sesión de control ao xefe do Executivo se ten previsto "tomar algunha medida eficaz" para solucionar "os problemas da sanidade pública", mentres que o seu homólogo socialista, José Ramón Gómez Besteiro, demandaralle medidas "reais" para favorecer o acceso á vivenda. Dos asuntos máis relevantes que se debaterán o Cámara autonómica na seguinte reunión plenaria informaron esta semana, tras a Xunta de Portavoces da Cámara galega, tanto o portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos Couñago, como as viceportavoces de BNG, Olalla Rodil, e PSdeG, Lara Méndez.
Na súa comparecencia ante os xornalistas, Rodil destacou que a sanidade centrará parte "importante" das iniciativas do Bloque, empezando pola pregunta a Rueda. Como argumento, advertiu que, "segundo os propios datos da Xunta, máis de 22.000 persoas en Galicia están pendentes dunha cita cun especialista e 50.200 seguen esperando por unha intervención". Así, o BNG tamén defenderá a través dunha proposición non de lei que os recursos destinados a Atención Primaria, unha vez descontado o gasto farmacéutico, se sitúen como mínimo no 25 % do investimento da Consellería de Sanidade.
"RESCATE" DAS AUTOESTRADAS AUTONÓMICAS
Outro asunto que o BNG levará ao pleno a través dunha iniciativa de impulso será a petición de rescate das autoestradas de titularidade autonómica: a AG-55 (que une Carballo e A Coruña) e a AG-57 (Vigo-O Val Miñor). Os nacionalistas quérenas sumar á lista de autovías que a Xunta comprometeu rescatar en 2025: a AG-56 (Santiago-Brión), a AG-11 do Barbanza, a AG-31 de Celanova e a AG-41 do Salnés. Igualmente, pedirá que, ademais de levar a cabo o rescate das concesións, revisión dos incrementos das tarifas aprobados nos equilibrios para "reducir desde agora e ata 2032 a súa contía" ata a cantidade estritamente "indispensable" para "asegurar a viabilidade financeira dos contratos", segundo recomendou en 2023 o Consello de Contas, para xerar "un aforro de polo menos 44 millóns". En canto á pregunta urxente, Rodil aludiu ao "subterfuxio" da lei de acompañamento dos orzamentos galegos para 2025, que inclúe unha reforma na que pretende "introducir pola porta de atrás a eliminación da necesidade de acreditar o nivel de lingua galega para optar á contratación laboral temporal da Xunta".
VIVENDA, EÓLICA E CRTVG
En canto ás iniciativas socialistas, a viceportavoz Lara Méndez explicou que Besteiro esixirá a Rueda unha resposta sobre a súa xestión en vivenda, dado que o PSdeG vea "insuficiente" e "totalmente desconectada" das "necesidades reais" dos galegos. Os socialistas tamén interpelarán a Lorenzana en busca dunha explicación sobre a política eólica da Xunta, marcada pola "paralización" e a "inestabilidade". E defenderán unha moción para instar o Goberno autonómico a retirar o anteproxecto de lei dos medios públicos, que, ao seu xuízo, "ameaza a independencia informativa".
Así mesmo, o pleno incluirá o debate de dúas proposicións non de lei do PSdeG: unha para solicitar a reactivación da comisión mixta para a integración da rede de trastornos adictivos no Sergas, garantindo o financiamento "completo" deste servizo; e outra sobre a necesidade de revisar os protocolos para a xestión da enfermidade hemorráxica e a lingua azul no sector gandeiro. En canto á pregunta urxente do PSdeG cinguirase á titularidade de terreos portuarios sen uso, reclamando que Portos "devolva eses espazos aos concellos, onde están plenamente integrados".
VACANTES DA POLICÍA AUTONÓMICA
Pola súa banda, Pazos Couñago informou de que a sesión plenaria empezará o martes coa comparecencia da conselleira de Industria e que o PPdeG, no apartado de proposicións non de lei, insistirá na demanda ao Goberno para que articule un concurso de méritos na Policía Nacional co fin de que se poidan cubrir as vacantes existentes na unidade adscrita á Comunidade. O PPdeG defenderá unha segunda iniciativa de impulso encamiñada a que o Goberno modifique, de acordo coas comunidades, as condicións de asignación e uso de fondos finalistas en políticas activas de emprego, outorgando ás autonomías unha maior "flexibilidade" para adaptalos ás "necesidades e particularidades" dos seus mercados laborais.
Finalmente, as preguntas orais dos populares cinguiranse ás posibilidades que ve o Goberno galego de "facer realidade" un pacto polo galego, que pasos dará tras coñecer que o Goberno central quere "priorizar" o AVE de Lisboa con Madrid no canto da conexión do norte e sobre as campañas de vacinación fronte ao virus respiratorio sincitial, o do papiloma e a intranasal contra a gripe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.