Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/11/2024 | Actualizada ás 10:44
O paro rexistrado nas oficinas dos servizos públicos de emprego galegas subiu en 1.222 persoas en outubro, en relación co mes anterior (+1,01 %), impulsado, sobre todo, polo sector servizos tras o fin da tempada turística, segundo datos publicados este martes polo Ministerio de Traballo e Economía Social. Este aumento é similar ao rexistrado a nivel estatal, xa que no total de España o paro creceu un 1,04 % de setembro a outubro, con 26.769 desempregados máis, ata superar os 2,6 millóns. O número de desempregados en Galicia quedou nos 122.214, un 8,35 % menos que hai un ano, con 11.134 parados menos que en outubro de 2023. O descenso anual a nivel nacional foi do 5,7 %.
Entre outros datos, o 58,4 % dos parados galegos era muller, mentres que un 4,2 % tiña menos de 25 anos. A maioría dos desempregados en Galicia pertence ao sector servizos, cun 71,3 % do total, mentres que un 9,7 % traballou previamente na industria, un 9,5 % non tivo emprego anterior, un 6,4 % era da construción e un 3,1 %, da agricultura. No último mes, dos 1.222 parados máis, 881 pertencía aos servizos; 188 á agricultura, e 92 á industria, mentres que a construción foi o único sector que creou emprego en outubro, con 41 parados menos. Ademais, ata 83.653 persoas en Galicia cobraban algún tipo de prestación por desemprego, das cales 54.932 eran contributivas. Destas, de media percibían 958,2 euros.
SEGURIDADE SOCIAL
A Seguridade Social perdeu en Galicia 2.470 afiliados en outubro, o que supón un 0,23 % menos que en setembro, ata algo máis de 1,08 millóns de cotizantes, segundo datos publicados este martes polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. Esta caída contrasta coa subida rexistrada a nivel estatal, xa que no total de España a Seguridade Social gañou 134.307 afiliados, un 0,63 % máis que en setembro, con máis de 21,3 millóns.
SINDICATOS PIDEN MEDIDAS PARA "REVERTER A TENDENCIA"
Así as cousas, sindicatos pediron este martes políticas para "reverter a tendencia do emprego" e reformar o despedimento ante a "precariedade" laboral que se rexistra, ao seu xuízo, en Galicia. En concreto, Comisiones Obreras (CC.OO.) pediu á Xunta que faga políticas "para os galegos", co obxectivo de "reverter a tendencia" do emprego, xa que no mes de outubro aumentou o número de parados e diminuíron os afiliados á Seguridade Social na Comunidade.
Para a secretaria de Emprego do sindicato, Maica Bouza, que suba o paro no mes de outubro non é unha boa noticia, pero responde á dinámica habitual do mercado de traballo galego e español. "O que é unha mala noticia, moi mala, son as maiores dificultades que ten Galicia para crear emprego respecto do que pasa no Estado. E ante isto, algo terán que ver as políticas, ou máis ben a ausencia delas, que desenvolve a Xunta", advertiu Bouza, avogando a "algo máis que turismo".
Pola súa banda, UGT volveu a insistir en que a reforma laboral "segue dando froitos con bos datos en contratación indefinida", instando agora a reformar o despedimento e a reducir a xornada laboral a 37,5 horas semanais. O sindicado subliñou os "efectos positivos" da reforma laboral, co "bo dato da evolución da contratación indefinida". "Non hai dúbida de que a reforma laboral marcou un antes e un despois en termos de calidade do emprego, mantendo a temporalidade de forma estrutural en niveis moitos máis baixos que os existentes antes", indicaron.
Con todo, a CIG pediu de novo a derrogación da reforma laboral que, ao seu xuízo, "creou un novo escenario que segue baseándose na precariedade, nos baixos salarios e na inestabilidade laboral". Para esta organización sindical, na actualidade a estabilidade "non se basea en ter un contrato indefinido a tempo completo, senón en contratación indefinida a tempo parcial ou fixos descontinuos", polo que agora os empregados "traballan á carta, con salarios menores e coa incerteza de cando ou como van traballar e de canto van cobrar".
MELLOR DATO DO MES DE OUTUBRO
Pola súa banda, a Xunta de Galicia reivindicou que Galicia rexistrou a cifra de paro máis baixa nun mes de outubro de toda a serie histórica e a máis alta de afiliacións á Seguridade Social nese mes desde 2005. O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, reivindicou que o desemprego caeu no último ano no catro provincias galegas e no sete grandes cidades, en todos os sectores de actividade e entre as mulleres, os menores de 30 anos e os parados de longa duración.
Segundo recolle o Goberno autonómico nun comunicado, González subliñou que o Executivo galego continúa impulsando medidas coas que seguir xerando "máis e mellor" emprego e dar resposta aos "grandes retos" do mercado laboral. O paro rexistrado nas oficinas dos servizos públicos de emprego galegas subiu en 1.222 persoas en outubro, en relación co mes anterior (+1,01 %), impulsado, sobre todo, polo sector servizos tras o fin da tempada turística, segundo datos publicados este martes polo Ministerio de Traballo e Economía Social. Ademais, a Seguridade Social perdeu en Galicia 2.470 afiliados en outubro, o que supón un 0,23 % menos que en setembro, ata algo máis de 1,08 millóns de cotizantes, segundo datos publicados do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.