Por Galicia Confidencial | Lugo | 29/01/2016 | Actualizada ás 12:13
O caso Pokemon tamén salpica directamente á cúpula do PP de Asturias, logo das investigacións realizadas pola xuíza Pilar de Lara a varios dirixentes do PP de Galicia, entre elas, á vicevoceira deste partido, Paula Prado. E é que a maxistrada acordou a citación como testemuña da presidenta do PP de Asturias, Mercedes Fernández, para o vindeiro 25 de febreiro.
Esta nova citación chega logo da petición realizada polo sindicato Manos Limpias, personado na causa, e fundamenta a súa decisión ante a necesidade de "aclarar extremos relacionados coa investigación". Entre eles, “determinada documentación" aparecida nos rexistros practicados ao o ex vicesecretario de Comunicación do PP de Asturias, Joaquín Fernández, considerado como o conseguidor dos contratos na chamada trama da auga. Tamén, o contido de determinadas conversacións telefónicas incluídas no sumario nas que Mercedes Fernández foi mencionada.
A xuíza tamén desexa aclarar "a relación, directa ou indirecta, que esta puidese ter coa empresa Aquagest ou con outras empresas do Grupo Agbar" así como con outras sociedades relacionadas con Joaquín Fernández.
A instrutora xustifica que Mercedes Fernández deba acudir persoalmente ao xulgado "non só porque a súa declaración se prevé máis ou menos longa e complexa, o que obriga a rexeitar a vía do exhorto, senón tamén pola necesidade de exhibir á testemuña determinados documentos e no seu caso, reproducirlle determinadas conversacións, o que obriga a rexeitar a vía da videoconferencia".
Nesta mesma causa declara este venres no xulgado lucense o ex alcalde e portavoz do PP no Concello de Oviedo, Agustín Iglesias Caunedo, imputado pola presunta comisión dos delitos de suborno e prevaricación. Tamén están citados a declarar Joaquín Fernández, o ex presidente do PP de Avilés e ex deputado no Parlamento asturiano Joaquín Aréstegui e a súa muller, a ex concelleira popular Carmen Vega, e o ex edil xixonés do PP Manuel Pecharromán.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.