Por E.P. | Santiago de Compostela | 09/11/2024 | Actualizada ás 12:07
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou na inauguración do VIII Congreso da Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (Agafec) que Galicia ofertará 53 prazas de formación especializada en enfermaría familiar e comunitaria en 2025.
No acto, tal e como trasladou o Goberno galego nunha nota de prensa, o conselleiro subliñou que a Xunta ten o "firme compromiso de fortalecer a enfermaría" no ámbito da sanidade pública, especialmente na atención primaria, para "aproveitar todo o seu potencial no sistema sanitario galego".
Sobre isto, o titular de Sanidade puxo en valor a importancia da enfermaría familiar e comunitaria na atención á poboación galega, "cada vez máis lonxeva, pluripatología que, cada vez con máis frecuencia, reside soa e, en gran parte, no ámbito rural".
Así mesmo, lembrou o carácter "pioneiro" de Galicia na creación da categoría estatutaria de Enfermaría especializada no ámbito familiar e comunitario no ano 2016. Ademais, sinalou que a comunidade galega foi "das primeiras rexións do territorio nacional en elaborar unhas listas de selección".
Do mesmo xeito, Gómez Caamaño expuxo a "aposta da Xunta pola formación continua destes profesionais e o impulso de novas liñas de actuación para reforzar o seu papel na sanidade pública e no coidado dos pacientes".
En concreto, fixo referencia aos protocolos que se están probando para a xestión de enfermaría a demanda ou a Plataforma Femora coa que enfermaría realiza un seguimento dos pacientes unha vez que son dados de alta hospitalaria, así como a iniciativa Telea, para a teleasistencia a domicilio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.