O BNG urxe derrogar "o decreto da vergoña" que fixo que o 52 % dunha xeración enteira non fale galego

Ana Pontón pediu tamén máis fondos para promover o uso do galego, pois "o mínimo nunha situación crítica é que se tripliquen os recursos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/11/2024 | Actualizada ás 14:52

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou triplicar os fondos destinados ao galego, derrogar o decreto do plurilingüismo e aplicar o de normalización lingüística ante a situación "crítica" do mesmo e de cara a incentivar o seu uso. Fíxoo tras un encontro, na Coruña, coa dirección da Real Academia Galega (RAG), encabezada polo seu presidente, Víctor F. Freixanes, para avaliar a situación do galego tras o último informe publicado polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

"Hai moitas persoas preocupadas pola situación tan crítica que ten o noso idioma despois de 15 anos de políticas de acoso e derriba do PP", apuntou para recalcar que as súas "consecuencias están aí, son evidentes, teñen cifras", dixo ante un informe "demoledor". Así, aludiu a que o 52 % de "unha xeración educada baixo o decreto da vergoña" non fala galego e "o 7% dos nenos e nenas entre 5 e 14 anos falan galego, a metade que en 2018".

E é que para Pontón o galego atravesa unha "situación tan crítica" por "15 anos de políticas de acoso e derriba do PP". "Unha xeración educada baixo o decreto da vergoña", dixo sobre o de plurilingüismo. "Se seguimos nesta progresión en seis anos a lingua galega sería absolutamente residual entre as xeracións máis novas, consecuencia dunha política lingüística que está a facer retroceder o noso idioma"

MESMOS DEREITOS

"Non hai nin máis inglés nin máis galego, o único no que se avanza é o monolingüismo", incidiu a portavoz nacional do BNG, que reclamou para esta lingua "os mesmos dereitos" que teñen outras. Neste sentido, e en relación ás propostas trasladadas aos representantes da RAG, apuntou á "derrogación do decreto vergoña que fai que os nenos que entran na escola falando galego saian falando castelán" e para que o sistema educativo "cumpra esa función normalizadora que lle dan as leis". Tamén demandou medidas urxentes pactando un cronograma e orzamentos. "O mínimo nunha situación crítica é que se tripliquen os recursos" dixo para pedir, ademais, que os medios de comunicación teñan un papel con "un reforzo moi importante de toda a programación nos medios autonómicos". 

Reunión de representantes da RAG coa portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e outros membros do partido
Reunión de representantes da RAG coa portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e outros membros do partido | Fonte: RAG

"O problema é de actuar", recalcou Pontón quen argumentou que foi o PP o que "en 2008 rompe os acordos ao redor da lingua, non permitindo que avance o desenvolvemento do plan xeral de normalización lingüística e que durante estes últimos anos ten atacado de forma evidente á lingua galega". "Hoxe temos un decreto que prohibe que se poida ensinar en Galicia matemáticas ou física e química en galego, temos un presidente da Xunta que empezou a súa actividade política póndose detrás da pancarta contra o galego nunha manifestación indigna e hai poucos días votaba no Parlamento galego en contra de que a nosa lingua se poida falar noutras institucións".

POSTURA DA RAG

Pola súa banda, o presidente da RAG apelou a un "marco de encontro" entre as forzas políticas "para crear unha nova estratexia" ante unha situación que cualificou de "preocupante". "Non é a primeira vez que a RAG presenta traballos de sociolingüística para medir a situación do idioma", sinalou ao reclamar unha "intervención urxente". Neste sentido, lembrou que a proposta da institución académica pasa por que que as forzas políticas "senten a falar e cren un novo marco de encontro ao redor dun patrimonio común que non admite posicionamentos de siglas ou partidos, senón posicionamentos integradores".

Por outra banda, avanzou que están a preparar un informe "con moito detalle", aínda que recalcou que a situación é "cada vez peor". Así, sobre o seu uso indicou que "vai a menos a pesar de toda a lexislación vixente e do plan de normalización lingüística que se elaborou pero despois non se levou á práctica".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta