O galego gaña terreo nas práctivas funerarias e necrolóxicas segundo o Consello da Cultura Galega

O CCG ofrece tamén unha serie de recomendacións para este proceso de normalización nos ritos funerarios

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/11/2024 | Actualizada ás 17:38

Comparte esta noticia

O uso da lingua galega nas prácticas funerarias en Galicia, aínda que se mantén moi por baixo do castelán, experimentou unha progresiva normalización, segundo reflicten as conclusións dos 'XXVI Econtros para a Normalización Lingüística. Vivir e perdurar na nosa lingua', difundidas polo Consello da Cultura Galega (CCG).

"Percíbese un avance nas notas necrolóxicas publicadas nos medios, cun uso entre o 5% e o 10%" e "a presenza do galego nos cemiterios chegou a alcanzar un 20% nalgúns concellos", apuntan as conclusións dos devanditos encontros, organizados polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega.

Este documento ofrece tamén recomendacións para mellorar esta situación e xa se pode consultar desde o web da institución.

As conclusións destacan que, tradicionalmente, o uso do galego nas prácticas funerarias limitábase ás homenaxes de figuras da política e da literatura. Pero grazas ao impulso de diversas iniciativas nos anos 90, como "Bienio Irmandiño" e "En galego agora e sempre", iniciouse un camiño de normalización.

Actualmente, o galego está presente en diversas prácticas funerarias, tanto nas áreas urbanas como nas rurais, coa lingua propia xa presente en liturxias, cerimonias civís, necrolóxicas, inscricións en lápidas e bandas florais.

Con todo, constátase que "persiste unha falta de planificación institucional que involucre de maneira coordinada a todas as confesións relixiosas no emprego da lingua galega".

POR QUE AUMENTA?

Segundo os datos recolleitos de maneira colaborativa e que se plasman nun mapa interactivo, obsérvase que a presenza do galego nos cemiterios oscila entre o 0% e o 20%, segundo a localización. Así mesmo, percíbese un avance nas notas necrológicas publicadas nos medios, cun uso entre o 5% e o 10%.

Segundo figura no documento de conclusións, "a crecente concienciación das familias, a profesionalización das empresas funerarias, o labor de divulgación nas escolas e a maior receptividade por parte do clero actual" son as causas que xustifican este incremento.

RECOMENDACIÓNS PARA MELLORAR

No apartado de recomendacións, demándase "un labor planificado de impulso da lingua con visión de longo prazo e avanzando progresivamente".

Tamén se considera urxente, planificar cursos de formación en lingua galega "para os oficiantes (curas, pastores ou imáns, por exemplo) que proceden de fóra, como unha vía de facilitar a súa integración na comunidade".

E ínstase á colaboración da Secretaría Xeral da Lingua para traballar coas diferentes confesións na "organización e financiamento destes cursos, que deberían incluír unha parte actitudinal e de conciencia lingüística.

Esta formación vese de "especial relevancia", dado o poder galleguizador que os representantes relixiosos poden exercer. Non en balde, sublíñase que hai exemplos coñecidos de curas que conseguiron "naturalizar e normalizar o galego na igrexa simplemente a través do seu uso".

CREAR MATERIAIS AUDIOVISUAIS ATRACTIVOS

Xunto a isto, suxírese a creación de materiais audiovisuais atractivos, ademais doutros formatos accesibles para conectar coas novas xeracións, difundíndoos nas redes sociais.

Ademais, as conclusións destes encontros subliñan a necesidade de asegurar que o material en galego dispoñible alcance unha maior distribución.

Tamén se recoñece a oportunidade para reforzar o valor do galego como identidade cultural, para enfocar así o idioma con valores que vinculen ao individuo cunha tradición, autoestima e a pertenza a unha comunidade.

CONVENIOS CON OUTRAS CONFESIÓNS RELIXIOSAS

As conclusións tamén inciden na importancia de promover convenios con outras confesións relixiosas, dada a súa evolución crecente a nivel cuantitativo. En concreto, ínstase a facelo a través de convenios que permitan a incorporación gradual do galego nas súas prácticas doutras confesións.

"Aínda que estas mostran receptividade, a falta de coñecemento e a escasa concienciación dificultan o proceso", recolle un texto no que se pon o acento en que a galleguización destas confesións podería representar "unha nova vía para a expansión do uso da lingua".

ACHEGARSE AO SECTOR EMPRESARIAL

Por último, tamén se insta a achegarse ao sector empresarial, para que vexan o galego como unha opción de calidade nas súas prácticas. Con este obxectivo, recoméndase facilitarlles recursos (programas informáticos, por exemplo), para que a xestión en galego non supoña "un esforzo engadido".

Este traballo pode ir unido a unha campaña publicitaria de concienciación do uso do idioma neste ámbito.

'ENCONTROS'

O pasado 15 de outubro tivo lugar a 'XXVI Edición dos Encontros para a Normalización Lingüística' baixo o lema 'Vivir e perdurar na nosa lingua'. Esta cita, iniciada no ano 1993, pretende promover e dinamizar o galego para toda a sociedade.

En edicións anteriores tratáronse temas como a economía, lingua e sustentabilidade, a arte e a lingua como ferramentas de construción masiva ou a transmisión intergeneracional da lingua galega.

Os 'Encontros' foron coordinados pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez, David Cobas Medín, Mónica Fernández Valencia, Ana Igrexas Álvarez, Manuel Maseda Deán, Susana Maio Redondo, Bernardo Penabade Rei, Bieito Silva Valdivia, Anxos Sobriño Pérez, Marta Souto González e Xaime Varela Sieiro.

Arquivo - Cruces no cemiterio de Vos Eidos.. Gustavo da Paz - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Cruces no cemiterio de Vos Eidos.. Gustavo da Paz - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta