Por Elipses e sombras - Eduardo Maroño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/11/2024 | Actualizada ás 13:53
O Fiscal Superior de Galicia, Fernando Suanzes, trasladou este mércores a súa preocupación polo incremento dos delitos de violencia de xénero, e advertiu de que este tipo de violencia "ameaza a toda a sociedade". Así o manifestou na súa comparecencia na Comisión parlamentaria Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior, na que presentou a memoria da Fiscalía galega sobre a actividade do ano 2023.
Segundo expuxo ante os grupos parlamentarios e tras expresar o seu pésame polo "tráxico asasinato" de Estela B.S. en Baiona o pasado venres, "non hai escusa ante unha realidade que non podemos aceptar e contra a que debemos e temos que loitar con todos os medios, en todos os planos da sociedade".
Suanzes lembrou que, en 2023, producíronse en Galicia 3 asasinatos machistas e que, no últimos dez anos, o número de vítimas foi de 67, das que catro se rexistraron neste ano 2024 (40 en toda España). No pasado exercicio, incrementáronse nun 13 % os procedementos incoados pola Fiscalía en materia de violencia de xénero e tamén aumentaron un 2,5 % as ordes de protección e medidas cautelares solicitadas.
Igualmente, incrementáronse as sentenzas case un 16 %, e case un 80 % foron resolucións condenatorias. Entre elas, algo máis da metade foron sentenzas condenatorias por conformidade.
PROTOCOLOS
Na súa exposición, o Fiscal Superior tamén destacou a posta en marcha, desde 2023, de dous protocolos por parte da Comunidade Autonóma: o protocolo de asistencia integral a vítimas de delitos, con especial consideración ás vítimas de violencia de xénero; e o protocolo contra as violencias sexuais e LGTBIfóbicas en espazos de lecer nocturno.
Con todo, insistiu en que a violencia de xénero "é unha ameaza para a muller e é unha ameaza para toda a sociedade", e subliñou que, actualmente, case 100.000 mulleres están rexistradas no sistema de seguimento policial VIOGEN en España, case 5.700 en Galicia (59 cun risco alto ou extremo e 950 cun risco medio).
REIVINDICACIÓNS
Na súa comparecencia, o Fiscal Superior de Galicia repasou tamén a actividade do ministerio público con respecto a outros ambitos delituosos, entre eles os delitos de odio --pondo como exemplo o asasinato de Samuel Luiz, que estes días se xulga na Audiencia Provincial da Coruña--, e puxo en valor o traballo dos 151 fiscais (153 desde o pasado 31 de outubro) que exercen na Comunidade, especialmente no que respecta a casos que afectan a persoas vulnerables.
Fernando Suanzes aproveitou para reiterar algunhas das demandas da Fiscalía, como "a necesidade dun pacto de Estado na Xustiza", para o que "se busque o consenso"; ou a reclamación dun "incremento considerable" do orzamento para o ministerio público, que poida contar cun orzamento "propio" non dependente do Ministerio de Xustiza. Igualmente, demandou unha nova Lei de Enxuizamento Criminal para que a Fiscalía poida asumir a investigación penal, e todo iso co fin de que o país conte con "unha Xustiza acorde ao século XXI".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.