Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/11/2024 | Actualizada ás 15:17
O BNG solicita a convocatoria da comisión de investigación de contratos da Xunta para tratar a "revogación" do plan de traballo aprobado o pasado venres, co único voto a favor do PP, e para sacar adiante un novo "congruente e adecuado ao obxecto" da propia comisión impulsada polos nacionalistas. Así o recolle un escrito, avanzado pola Cadena Ser e ao que tivo acceso Europa Press, que o grupo parlamentario do Bloque presentou na tarde do mércores ante a mesa do órgano, que se reunirá este xoves ás 16.00 horas, previsiblemente para fixar a data do inicio dos traballos. O pasado venres pola tarde, a comisión reuniuse para aprobar o plan de traballo (inclúe a documentación a solicitar e a listaxe de comparecentes) nunha sesión na que o PP sacou adiante a súa proposta por maioría absoluta.
En realidade, tras consultar cos servizos xurídicos, fixéronse catro votacións: unha por cada un dos plans de traballo dos grupos (PP, BNG e PSdeG), máis o que expuxera como proposta final a propia mesa da comisión, que era o do PP sen modificacións. O único aprobado foi o dos populares, pero por partida dobre: como proposta do seu grupo e como proposta da mesa da comisión. Agora, os nacionalistas piden que se volva a convocar a comisión para revogar o plan aprobado nun escrito que toma como argumentos tanto o Regulamento do Parlamento como xurisprudencia do Tribunal Constitucional, por entender que se está vulnerando o artigo 23 da Constitución.
UN "DEREITO" COA CREACIÓN DA COMISIÓN
En primeiro lugar, o BNG lembra que impulsou a creación da comisión de investigación porque así o prevé o Regulamento para, polo menos, un terzo dos deputados dun mesmo grupo. Neste sentido, o Bloque alega que o "dereito" inclúe tanto a creación da comisión como o desenvolvemento dos seus traballos "co alcance e obxectivos explicitados polos deputados e deputadas proponentes". Desta maneira, o BNG cre que "en ningún caso pode admitirse que outros grupos parlamentarios impoñan a súa decisión, facéndose valer da maioría que ostentan", e que con iso "se adopte un plan de traballo unilateral, que ademais non garda unha conexión directa co ámbito de actuación proposto".
En segundo lugar, os nacionalistas consideran que o acordo que votou o plan de traballo "vulnera o 'ius in officium'" (é dicir, os labores públicos) do cargo de parlamentario que protexe o artigo 23.2 da Constitución e o dereito da cidadanía a participar nas funcións públicas a través dos seus representantes que recolle o artigo 23.1, tamén da Carta Magna. Para ese efecto, o BNG cita varias sentenzas do Tribunal Constitucional que establece, entre outras cuestións, que o 'ius in officium' do control ao goberno que debe realizar a oposición inclúe como "núcleo básico" a facultade de "solicitar comparecencias de persoas" ante as comisións de investigación para "ser ouvidas".
"Neste caso estamos, como xa se razoou, ante unha decisión que altera significativamente a capacidade de crear unha comisión de investigación automática por lexislatura se conta coa firma dun terzo de membros do Parlamento, pois os plans de traballo aprobados (...) significan de facto a mutación de gran parte do obxecto declarado na solicitude de creación", explica o escrito do Bloque.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.