Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/11/2024 | Actualizada ás 18:55
O Parlamento de Galicia aprobou este xoves unha iniciativa do PP que lamenta o "atraso" na tramitación da nova lei estatal de familias no Congreso, á vez que pide que se teñan en conta as alegacións presentadas pola Xunta ao texto.
Trátase dunha proposición non de lei (PNL) dos populares na comisión 5ª, de sanidade, política social e emprego, que contou co 'non' do PSdeG e a abstención de BNG e Democracia Ourensá.
O texto aprobado insta á Xunta a dirixirse ao Goberno central ante o "importante atraso" que sofre a tramitación da lei nas Cortes Xerais, "polas sucesivas prórrogas para a presentación de emendas" que aprobou a mesa do Congreso.
Ademais, a iniciativa pide non "botar por terra todo o traballo e o consenso social conseguido neste campo ao longo dos anos", así como recoller as alegacións feitas pola Xunta en relación ao concepto de "familia numerosas". E é que a nova lei pretende incluílas dentro do concepto "familias con maiores necesidades de apoio á crianza".
DIXITALIZACIÓN DE QUIRÓFANOS
Por outra banda, a comisión aprobou por unanimidade dos grupos outra iniciativa do PP, cunha emenda do BNG, para instar á Xunta que finalice o proceso de dixitalización dos quirófanos de todas as áreas sanitarias.
En paralelo, o texto reclama unha dixitalización "homoxénea" dos consentimentos informados que deben asinar os pacientes. Así, o Bloque conseguiu introducir unha emenda para, nestes procesos, garantir "en todo momento a oferta positiva en galego e a plena dispoñibilidade de toda a información" no devandito idioma.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.