Por Ángela Precedo | LUGO | 17/11/2024 | Actualizada ás 20:35
O da maxia é un mundo fascinante. A todos nos gusta que nos sorprendan e que, nun mundo tan predecible como o que temos, nos fagan ilusionarnos, experimentar sensacións novas, dubidar da realidade e pasalo ben. É por iso que os magos existiron dende sempre e, de seguro, seguirán existindo para sempre, pois ao ser humano gústalle o inesperado. E, en Galicia, temos unha boa canteira de ilusionistas que verdadeiramente promete. Entre estes novos magos que se suman aos de toda a vida destacou enormemente nas últimas semanas a figura de Adrián, un mozo de Ribadeo que, aos seus 24 anos, deixou abraiado ao xurado e presentador do programa de talentos 'Got Talent España' cun truco de cartas que tivo como colofón final unha inesperada tatuaxe na parte traseira do pescozo deste mago. Ata o mesmísimo Risto Mejide tivo que aplaudir o espectáculo de dez que ofreceu Adrián. Hoxe, dende o Galicia Confidencial, falamos con el sobre o mundo da maxia e as súas perspectivas a futuro.
Os seus comezos na maxia remóntase a hai 8 anos, cando Adrián tiña 16. "A min de pequeniño realmente non me gustaba moito a maxia, sabía facer algún truquiño tonto cunha moeda pero pouca cousa máis alá", confesa este mozo ribadense. Todo cambiou cando, tras facer ese truco que sabía no colexio "os meus compañeiros e ata a profesora quedaron sorprendidos". "A min deixoume abraiado que reaccionasen así, polo que decidín aprender algún truco máis para facerllo", conta. Tras rebuscar nun libro vello de maxia que tiña pola casa e non atopar nada que o convencese, "busquei en YouTube e empecei a ver tutoriais de como se facían outros trucos con moedas". Deste xeito, Adrián chegaba frecuentemente á clase con novos trucos que sorprendían aos seus amigos e, case sen darse conta, "funme enganchando máis e máis a isto da maxia". Houbo un momento no que aprender trucos xa se lle quedaba pequeno, así que "tamén comecei a inventarme eu os meus propios trucos", e asegúranos que "iso era algo do que disfrutaba moito". E, co paso do tempo, ese rematou por converterse no seu punto forte: a maxia auténtica.
Con todo, a súa traxectoria neste mundiño non foi continuada, senón que tamén se viu interrumpida por paróns motivados polas circunstancias. En concreto, un deses paróns chegou cando Adrián, con 17 anos, decidiu presentarse por primeira vez ao 'casting' de 'Got Talent'. Todo ía ben, collérono de primeiras e chegou a presentarse na televisión. Con todo, unha vez ante o xurado, "a cousa non foi tan ben, púxenme moi nervioso, eu era moi pequeno e non o fixen tal e como o tiña preparado". Despois diso, e como el mesmo confesa, "pola frustración, fixen un parón de 2 ou 3 aniños". Durante ese tempo, "era raro que eu fixera maxia", tiña gardada esa espiniña que non daba sacado. Pero ás veces a madurez trae consigo cousas boas, así que, "pasado un tempo díxenme: por que vou a deixar a maxia porque aquilo non saíse ben se a min a maxia gústame, reláxame e axúdame a desconectar de todo?". Así que "fun facendo trucos outra vez e volvéndome a enganchar, quizáis aínda máis forte que a primeira vez". Nese momento pasou dos trucos con moedas aos trucos con cartas, e deuse conta de que eses lle gustaban máis, así que se centrou en perfeccionalos.
En concreto, Adrián admite que o truco que máis lle gusta facer coas cartas é precisamente o que amosou en 'Got Talent': o que se chama un cambio de cor. En que consiste? "Colles unha carta, por exemplo, o oito de corazóns, deixas que se perda pola baralla, ensinas á persoa que está perdida e, de súpeto, sacar unha carta calquera da baralla, para logo, cun chasqueo ou cun movemento convertela na carta inicial, logrando, por exemplo, pasar un catro de picas a un oito de corazóns só cun movemento da man", explica o mozo ribadense. Algo que pode semellar relativamente sinxelo, non o é tendo en conta que Adrián, naqueles momentos nos que máis enganchado estaba á maxia, con 16 anos, "pasaba mínimo 10 horas ao día practicando". "Quería aprender máis e máis, ata chegar a un punto en que xa deixei de ir cara arriba para, co que xa sabía, ir inventando os meus propios trucos", confesa. Con todo, asegura que "sempre hai que seguir aprendendo", porque a maxia é un traballo constante.
Como el mesmo indica, "a maxia vai por técnicas", de tal maneira que "o mago que coñece moitas técnicas pode inventar os seus propios trucos, pero tamén hai magos que poden inventar unha técnica, algo que xa resulta máis complicado". No caso concreto de Adrián, afirma que, efectivamente, "eu xa teño unhas cantas técnicas inventadas que poño en práctica en trucos propios". E é que, como apunta, "un mesmo truco podes facelo con moitas técnicas, de tal maneira que eu podo inventar unha técnica propia para facer un truco xa coñecido, pero que para min resulta máis fácil con esa técnica". Outra cousa, que tamén fai, sería o "inventar un truco con técnicas normais, xa coñecidas". "A maxia é un pouco rocambolesca, hai que recoñecelo, polo que pode chegar a ser moi difícil de explicar", asegura. Deixando a un lado técnicas e trucos, Adrián considera que o seu punto forte e a esencia da súa maxia está na "habilidade": "Eu non chego a facer os espectáculos con cousas trucadas nin sinxelas, para min canto máis difícil sexa o reto, máis me gusta".
Para Adrián, "a base da maxia está en ter seguridade en ti mesmo", porque "como te poñas nervioso durante un truco, o público nótacho e percibe que algo está acontecendo, dando por feito que hai algo agochado", mentres que "se ti fas as cousas de forma natural, a xente vai a velo como tal" e "é así como máis se lles pode sorprender". Por iso, na súa opinión, "non se trata tanto do que fagas, senón de como o fagas". Ademais, asegura que "mentres a maioría de magos, para facerche un truco de maxia, che contan unha historia e, a partir desa historia, che van enganando, eu non, eu vou directo ao grao, o público quere ver maxia e eu é o que lle vou a dar". Neste sentido, confesa que "canta máis habilidade teñas e máis pulas unha técnica, mellor che sairá, porque por moito que a xente trate de rebuscar onde está o truco, non será quen de averigualo". "A min sempre se me deu mellor a habilidade que falar", chancea Adrián. E iso que na súa presentación en 'Got Talent' puxo de manifesto que tamén é todo un 'showman' no que a posta en escena se refire.
Ao preguntarlle polo guión da súa actuación, o mozo ribadense afirma que, "sinceiramente, eu non levaba nada preparado, nunca teño guión nin nada, de feito unha parte do truco mesmo foi improvisada alí no plató". Adrián asegura que "a min non se me dá ben ter un guión, porque sinto que a xente percibe que o espectáculo está máis preparado e perde a graza". Pola contra, "eu sempre penso en ser eu mesmo, ao natural, e, como adoito ser un pouquiño bacilón e sei que manexo ben as cartas, en 'Got Talent' decidín ir ao meu rollo, sen preparación ningunha". Confesa que tamén pode ser por iso que, "ao comezo, nos primeiros 30 segundos, véseme algo nervioso, pero, unha vez collo a baralla, xa volvo ser eu mesmo, con seguridade e soltura". Seguridade que non todo o mundo é quen de manter ante a impasible mirada de Risto Mejide (o membro máis duro do xurado), membro que Adrián asegura que "non me cortou, porque realmente é o que mellor me cae, penso que é unha personaxe e, se el quería ser duro, eu tamén o ía ser, a ver quen gañaba". E a pesar do 'non' de Risto, Adrián levouse o seu aplauso e recoñecemento.
E aínda que todo o truco é marabilloso, cunha aura de misterio que vai 'in crescendo', o colofón final é o que deixa a xurado, público e presentador coa boca aberta e a mandíbula desencaixada. E é que unha cousa é facer un cambio de cor coas cartas, acertando as predicións, e outra moi diferente, que unha vez logrados eses acertos, se desvele que esas predicións xa eran coñecidas de Adrián de antemán, estando plasmadas nunha tatuaxe na parte traseira do seu pescozo. "Teño unha prima que é tatuadora e a unha semana de actuar en 'Got Talent' pedinlle que me fixera esta tatuaxe, tamén porque así tería un recordo para toda a vida dese momento", conta o mozo ribadense. Na súa idea estaba "escribir cinco predicións, catro para o xurado e unha para o presentador, e intentar que eles elixisen as cartas que eu quería, para que a predición saíse e así poder amosar finalmente esas cartas na tatuaxe". Adrián confesa que "nunca antes fixera algo semellante, si fixera outras predicións, pero así plasmadas nunha tatuaxe, era a primeira vez, pero quen non arriesga, non gaña". E vaia se gañou!
Ver esta publicación en Instagram
¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- Queda nunhas rochas tras subir a marea e ten que se rescatado por un helicóptero
- O Concello de Santiago mostra "dúbidas" sobre como concretar a taxa turística
- (Vídeo) Adrián, o mago de Ribadeo cunha tatuaxe no pescozo que predixo as cartas do seu truco en 'Got Talent'
- Igualdade para as escolas do rural, familias de Monterroso piden máis medios no CEIP para atender as diversidades
- Morre tras caer por un terraplén de 80 metros en Quiroga
- O Fiscal Superior de Galicia, sobre a investigación de parte sos xuíces ao fiscal xeral: "Non creo no lawfare nin cousas parecidas"