A Xunta destaca a "importancia" das persoas "a nivel persoal" para fomentar o galego

López Campos destaca os primeiros pasos dados polo seu departamento para chegar a un pacto pola lingua.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 14/11/2024 | Actualizada ás 21:32

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou este xoves o "compromiso" da sociedade coa lingua e a cultura galega, o que contribúe ao "prestixio" do idioma en ámbitos moi diversos. Así o trasladou durante o acto entrega dos Premios San Martiño de Normalización Lingüística, no que tamén participou o secretario xeral da Lingua, Valentín García.

O conselleiro destacou, máis aló da responsabilidade das administracións, "o papel tan importante que teñen as persoas a nivel individual" e as entidades na normalización e promoción da lingua galega. Por iso, quixo agradecer "o labor da cidadanía en xeral neste ámbito" e felicitou aos galardoados por "o seu bo facer a favor do galego e de Galicia".

Na edición deste ano foron premiados o grupo empresarial estradense Valenciaga; o narrador, escritor e dinamizador lalinense Celso Sanmartín; e a agrupación tradicional lucense Cántigas e Frores. Durante a súa intervención, José López Campos puxo en valor o camiño iniciado polos grupos parlamentarios e as institucións para avanzar no Pacto pola Lingua para impulsar o uso do galego en todos os ámbitos sociais.

Para o conselleiro, esta é unha mostra da importancia de "todos" no proceso de incentivar o uso do idioma de Galicia, e "darlle o valor que merece". "O traballo conxunto, tanto de forzas políticas como das distintas entidades implicadas, é a mellor forma de que a cidadanía se some a esta iniciativa", proclamou.

Segundo lembrou, nos últimos días mantivo reunións coa presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; co arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto; e co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, uns encontros que permiten "avanzar" en diferentes propostas que abarcan ámbitos distintos e que poden chegar a "moi diversos grupos de poboación" e sectores para reforzar a presenza do galego.

Estes contactos son a continuación das primeiras reunións cos grupos parlamentarios, aos que a Xunta presentou un documento de base con accións en favor da lingua galega, unha folla de ruta que, entre os seus obxectivos, inclúe unha actualización do Plan Xeral de Normalización Lingüística, ademais dun paquete de 50 medidas transversais que chegan ao ámbito dixital, a mocidade, as persoas chegadas do exterior ou o fenómeno dos neofalantes.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López, visita o Arquivo do Reino de Galicia
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López, visita o Arquivo do Reino de Galicia | Fonte: Moncho Fuentes

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta