(Vídeo) Vigo acende "o Nadal no mundo enteiro" cunha emotiva homenaxe ás vítimas da DANA

"Temos o orgullo de ter recuperado esta tradición e cultura que empezaba a desaparecer", expuxo Caballero, mentres pedía aos milleiros e milleiros de persoas que enchían as rúas de Vigo que retrocedese a aqueles tempos de "cando eramos pequenos, e fomos felices, todos nos acordamos das nosas familias, das nosas casas, daquel Nadal de fai tantos anos, e hoxe facémolo no século XXI".

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 16/11/2024 | Actualizada ás 21:35

Comparte esta noticia

"Hoxe acéndese o Nadal en Vigo e en todo o planeta". E dito e feito, tras esta frase o alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, iniciou a súa tradicional conta atrás (en inglés, en castelán e en galego) para dárlle ao botón que fixo que se iluminasen as máis de 11.000 luces LED que adornan as rúas da urbe. Fíxose día sendo noite e un sentimento de gozo e ledicia instalouse no corazón dos milleiros e milleiros de persoas que se achegaron á 'cidade onde vive o Nadal' para non perderse o acto de aceso. na Porta do Sol había xa 7.000 persoas que, despois de facer longas colas para acceder, puideron contemplar en directo a nova iluminación da árbore de máis de 44 metros de altura que este ano pode verse dende múltiples puntos da cidade, tamén grazas á grande estrela que o coroa.

Abel Caballero durante o aceso das luces de Nadal de Vigo
Abel Caballero durante o aceso das luces de Nadal de Vigo | Fonte: PAVI - EUROPA PRESS

Un acto festivo como debería ser o comezo das celebracións do Nadal estivo este ano marcado pola solemnidade. Como homenaxe ás vítimas da DANA e en apoio a todos os afectados que aínda loitan en moitas localidades da Comunidade Valenciana por recuperar as súas vidas, os primeiros minutos de iluminación da árbores estiveron adicados á representación da bandeira de Valencia coa mensaxe 'Forza Valencia' e o himno da comunidade soando: "Desde Vigo, para Valencia". Abel Caballero e todo o equipo do Goberno local gardaron así un sentido silencio durante o que durou a canción. "Dende aquí querémoslles mandar todo o noso agarimo, respecto, solidariedade e dor polas vítimas", asegurou. Tras iso, e logo de mandar o agarimo e a forza de todos os vigueses e os visitantes alí presentes ao territorio valenciá, si que si, comezou a celebración, co 'Happy Xmas' de John Lennon, como xa vén sendo habitual.

Durante o seu discurso, Abel Caballero tamén expresou unha realidade que tocou o corazonciño dos adultos. Asegurou que é normal que cando un se fai maior perda a alegría por estas festas, polas ausencias e tamén polos desgustos e circunstancias da vida, pero veu recordarlles que paga a pena tamén celebralas como motivo de superación, porque as festas do Nadal están cheas de "felicidade" e de "ilusión". Asegurou que "o Nadal é momento de concordia, de felicidade", e iso foi algo que se volveu arrincar dende Vigo: "Unha grande tradición, a tradición de Nadal" ('This is Christmas', proclamou). "Temos o orgullo de ter recuperado esta tradición e cultura que empezaba a desaparecer", expuxo Caballero, mentres pedía ao público que retrocedese a aqueles tempos de "cando eramos pequenos, e fomos felices, todos nos acordamos das nosas familias, das nosas casas, daquel Nadal de fai tantos anos, e hoxe facémolo no século XXI".

Caballero reivindicou deste xeito a importancia das festas do Nadal e, en presenza de xente de todos os lugares de Galicia, España, Europa e mesmo doutros lugares do planeta, esperou que o seu "clima de paz" se traslade tamén ao resto do ano, non só a estas datas, e a todo o mundo, en alusión aos múltiples conflitos e enfrontamentos que dividen á poboación e causan guerras e penurias ao redor do planeta, véxase a guerra de Ucraína ou a de Gaza. "O clima do Nadal ten que seguir enchendo esta cidade, toda España, toda Europa, todo o ano", desexou, e destacou que "o Nadal ten unha palabra moi importante (aparellada): paz". "A palabra do Nadal é paz, e iso é o que dende aquí queremos dicir", que "a paz é un ben moi prezado e moi importante", concluíu.

NADAL DE VIGO

Unhas 420 rúas de Vigo estarán iluminadas este ano con 11,5 millóns de luces LED, contando cuns 1.300 arcos e 2.500 árbores iluminadas. Ademais, nesta ocasión por primeira vez a rúa Elduayen terá unha iluminación especial, tras a súa humanización, así como a rúa Marqués de Valladares, que disporá dunha nova iluminación que reduce case un 93 % a contaminación lumínica e un 60 % o uso de enerxía.

Este ano, a partir deste sábado, as luces acenderanse cada día a partir das 18.00 horas e ata as 00.00 horas. Con todo, as fins de semana quedarán prendidas ata as 02.00 horas da madrugada. Ademais, os días máis sinalados, como Noiteboa, Nadal, Fin de Ano, Ano Novo ou Reis e a súa véspera, a iluminación quedará máis tempo acesa. Por todo iso, o sector hostaleiro vigués prevé niveis de ocupación "moi bos" durante os case dous meses que durará o Nadal na cidade, tras as "extraordinarias" cifras do ano pasado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta