Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 18/11/2024 | Actualizada ás 12:35
A Consellería de Medio Rural publicou este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha resolución pola que se aproba a modificación dos pregos de condicións da Denominación de Orixe (DO) Valdeorras, solicitada polo seu consello regulador e que se tramita, segundo o establecido pola normativa, por parte da Axencia Galega da Calidade Alimentaria. Segundo explican nun comunicado, inclúense entre outras cuestións, a posibilidade de elaborar viños rosados baixo esta denominación, xunto a brancos e tintos que se producen desde sempre.
Ademais, esta nova versión do prego de condicións realízase un axuste de determinados parámetros analíticos dos viños. En concreto, rebáixase o límite da acidez total nos tintos e auméntase o límite máximo da cantidade de sulfuroso total nos brancos, nos espumosos e nos tostados. Explican que estas modificacións están relacionadas co cambio climático, xa que "se pode percibir nos arredores unha tendencia á obtención de viños con gradacións alcohólicas máis elevadas, o que inflúe na modificación doutros parámetros analíticos, en particular, a acidez total e a volátil".
Por outra banda, tamén se modifican as descricións das características organolépticas dos diferentes tipos de viños para facelas "máis obxectivas e axustadas ás características reais dos viños da denominación de orixe, fuxindo das descricións que dificultan o mantemento da acreditación na norma ISO 17065 e o cumprimento das novas disposicións aprobadas para a verificación da aptitude dos viños das denominacións de orixe protexidas de ámbito galego polos seus consellos reguladores".
No que respecta aos viños espumosos, coa modificación contémplase a posibilidade de elaborar tamén espumosos tintos e rosados a partir das diferentes uvas tintas que están autorizadas na elaboración dos viños da denominación de orixe, cando ata agora só podían ser de uvas brancas da variedade Godello. Remarcan que a xustificación está na necesidade de abrir o abano de produtos a amparar pola denominación de orixe e aproveitar mellor as oportunidades que ofrece o mercado. Outra das modificacións está relacionada cos viños tostados, nos que se reduce a 30 días o tempo mínimo para o pasificado baixo cuberta das uvas, fronte aos actuais 90 días, así como a súa gradación alcohólica mínima, que pasaría dos actuais 13 graos a 11.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.