Black Friday ou como se poden tirar os cartos que aforramos para o Nadal

O Black Friday (Venres Negro) é a nova data para mercar “oportunidades” con prezos rebaixados. Roupa, mobles, vaixelas e sobre todo electrónica, moita electrónica. Pode ser necesaria ou non, mais o Venres Negro parece ser o momento para cubrir “necesidades latentes” que ao mellor nin existían. Algúns expertos consideran que esta data é unha vía de gasto que deixa as contas e as tarxetas mermadas antes dos gastos de Nadal

Por Moncho Mariño | Santiago | 29/11/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A historia do Black Friday é a dunha data importada como moitas outras do calendario comercial. Sen ir aos Estados Unidos, onde comezou, no caso galego, e por extensión español, esta modalidade de “rebaixas” leva entre nós pouco máis dunha década. Comezou sendo unha data case que marcada pola tecnoloxía (ofertas de aparellos electrónicos) mais agora esténdese por todas os sectores comerciais e mesmo xa está aumentando a súa influencia temporal con anuncios de “semana do Black Friday” ou “Mes do Black Friday”. Realmente estamos diante dun choio para mercar algo que é máis caro o resto do ano? É o Black Friday unha vía para desafogar stocks ou é un engano antes de Nadal?

Liorta nas portas dun centro comercial dos EE.UU. un Black Friday
Liorta nas portas dun centro comercial dos EE.UU. un Black Friday

COMPETENCIA DESLEAL?
O presidente da Federación Galega de Comercio Tradicional, José María Seijas, o Black Friday está xa máis que consolidado en Galicia (e no resto do Estado) en todos os sectores. Desta maneira, o comercio tradicional sentiu a necesidade de prepararse para ese “oco” que se abría no comercio. Ante a pregunta de se se considera competencia desleal, José María Seijas fala de que pode selo para algunhas canles de distribución tradicional, mais Seijas sinala que o sector que representa está preparado para afrontar unha data como esta.

“Non é competencia desleal” apunta desde a UCGAL, Félix Caramés. Os descontos stá liberalizados e o que realmente atrae é o nome: “Black Friday”. É dicir, arredor desta data, 29 de novembro, creouse un márketing tan poderoso que a xente está esperando o mesmo que as grandes rebaixas tradicionais.

Ese márketing e a influencia do mesmo aumentou en paralelo ao uso das grandes plataformas de venda online. Con ofertas dirixidas a xente nova (os grandes consumidores de tecnoloxía), as plataformas dixitais de venda foron abrindo un nicho cada vez máis amplo. Ante o anuncio de grandes oportunidades en telefonía móbil, computadoras, pantallas de televisión, etc., a xente nova quere recoller as últimas novidades a un prezo...baixo? Houbo casos en que se denunciaron prácticas como subir os prezos dos produtos durante unhas semanas antes do Black Friday para logo volver a colocar o prezo inicial indicando agora que é o “prezo rebaixado”.

ADAPTACIÓN
Segundo Víctor Muñoz, de FACUA Galicia, non hai ningunha diferenza especial en comparación con outras datas de rebaixas. “É outra data máis con rebaixas” sinala Muñoz quen remarca que “agora temos rebaixas todo o ano”. A realidade está nos imputs publicitarios que recibimos a través das RRSS e das webs convidando, lembrando e insistindo na oportunidade que podemos perder se non mercamos este ou aquel produto.

Intención compra Black Friday
Intención compra Black Friday | Fonte: OCU

A posibilidade de facer un bo negocio con esta data fixo que, como din desde UCGAL, se desvirtuase o sentido da mesma e agora existan “semanas do Black Friday” ou “meses do Black Friday”. A consecuencia é que a xente inviste en hipotéticos produtos rebaixados que logo non son tan baratos como dicían selo por simplemente haber unhas lixeiras diferenzas de prezos. “O caso é que non estás aforrando para o Nadal” din desde UCGAL. Algo co que coincide FACUA Galicia, pois a maioría da xente non ten consciencia do que está gastando se usa a tarxeta ou diñeiro electrónico. Isto pode aumentar as débedas e consumir os orzamentos preparados para decembro.

“Reclamamos igualdade entre o comercio tradicional e as grandes plataformas electrónicas” declara Seijas en referencia aos impostos que o comercio tradicional paga e as plataformas non. Isto último, porque a sede ou o lugar de procedencia non é España ou a UE senón un lugar fóra destes dous ámbitos territoriais. Até o momento, a capacidade de resposta do comercio tradicional é a súa adaptación tecnolóxica e o uso de  transporte que reduza o tempo de espera do cliente.

Finalmente, todos coinciden en que ante a insistencia publicitaria no Black Friday, as persoas debemos ser selectivas, non realizar compras de maneira compulsiva,  para isto pode crearse unha lista de prioridades co realmente necesario. O obxectivo é non gastar diñeiro sen necesidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta