Volve o temor a unha nova burbulla inmobiliaria cos prezos elevados da vivenda

A burbulla de 2008 estourou logo de máis de dúas décadas deixando o sector da construción danado e con obras a medio acabar. Dezaseis anos despois volven os temores ante prezos moi elevados e ante a falta de alugueres asequibles. Con todo, o número de vivendas vendidas aumentou levemente en Galicia, mesmo por debaixo da media do Estado.

Por Moncho Mariño | Santiago | 02/12/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As dúas grandes explicacións que encontramos para a falta de vivenda e os prezos elevados, polo menos en Galicia, son a falta de vivenda en aluguer e a falta de iniciativas desde o público para poñer en marcha proxectos que impliquen a creación desa vivenda. A pesar de que os concellos poden mercar terreos para a edificación, moitos destes municipios non teñen orzamentos abondo para mercar estes terreos e poñelos ao dispor da Consellería de Vivenda no caso de construír desde o público. Por outra parte, e en relación co anterior, existe ás veces falta de coordinación entre as diferentes administracións para chegar a acordos e poder botar a andar proxectos de construción habitacional.

Arquivo - Sector da construción. XUNTA - Arquivo
Arquivo - Sector da construción. XUNTA - Arquivo


CUSTES ELEVADOS

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) apunta unha serie de puntos que definen a actual situación ante a falta de vivenda construída e rehabilitada. Primeiramente, as medidas que toman as administracións públicas non resolven a demanda existente na sociedade. Así, os prezos foron incrementándose pouco a pouco chegando nos últimos meses aos 1.800-2.000 euros por metro cadrado de vivenda xa construída, unha diferenza de entre 400 e 600 euros con respecto a agosto de 2024 segundo o portal Idealista.com.

O número de licenzas para construír está diminuindo sinalan desde o COAG, tanto en vivenda plurifamiliar como unifamiliar. “Neste último caso é unha odisesa poder construír unha casa” di María Pirres, secretaria do COAG. Ante isto, as autoridades públicas din estar buscando solucións, o problema aparece cando as medidas tomadas polas administracións públicas non están coordinadas. “Por iso pedimos que sexan medidas transversais para solucionar esta cuestión” apunta Pirres.

A demanda de vivenda, por outra parte, fai que as mesmas autoridades públicas queiran resolver a cuestión de maneira case inmediata. Esta présa por resolver a falta de vivenda entra en contradición ás veces cos planos de desenvolvemento urbanístico local. É por iso que o COAG reclama políticas transversais entre as diferentes administración que permitan o acceso a terreos edificables e resolver as tramitacións para a compra dos mesmos, pois moitas veces é lenta e os proxectos poden quedar “conxelados”.

Intención compra Black Friday
Intención compra Black Friday | Fonte: OCU

E O ALUGUER?

“A falta de vivenda está na falta de aluguer” di Miguel Estévez avogado da Asociación de Inquilinos de A Coruña. A falta de vivenda en aluguer débese, segundo Estévez, á falta de garantías xurídicas coa que “os propietarios deixan de ser propietarios” pois os lanzamentos, as denuncias por impagamento de alugueiros, cando van a xuízo poden tardar anos. A maioría arrendatarios son pequenos propietarios mentres que os grandes arrendatarios supoñen un 15% do total. “Os pequenos arrendatarios buscan complementar os seus salarios ou pensións con estes alugueres”.

Ante o temor de quen poida entrar nunha vivenda en aluguer, sobre todo co temor a non poder pargar as mensualidades e facturas, os propietarios soben os prezos, habendo prezos de 700 a 800 euros de aluguer por mes. Ademais, existe un número considerable de potenciais arrendatarios que prefiren pechar a vivenda antes que alugala, “ao final resulta máis barato”.

A elevación nos prezos de aluguer trouxo un lixeiro aumento da compra de vivenda nalgunhas localidades. Así, segundo a Asociación de Inquilinos de A Coruña, as persoas prefiren pagar entre 60.000 e 80.000 euros e logo solicitar unha hipoteca. A longo prazo pode resultar máis barato que pagar un aluguer deducen desde a Asociación. Por outra parte, e a pesar de que figuraba na lei de vivenda de 1994, os propietarios non reciben beneficios fiscais por alugar vivendas.

As conclusións ás que chegan os expertos son que, a pesar do movemento de venda e hipotecas, non se teme unha burbulla como 2008. Un dos por ques está na falta de man de obra no sector, pois a partir da crise os e as traballadoras emigraron, reconvertíronse a outros traballos ou están en proceso de xubilación e non hai relevo xeracional. Isto ralentiza a construción. Doutra banda, serían necesarias novas fórmulas habitacionais como cooperativas que faciliten o acceso e a transmisión de vivenda. Tamén a formación de novo persoal para as construtoras e por último, aumentar o número de parcelas onde sexa posible construír. E isto podería resolver o problema dos alugueres, en parte.

Prezos Hipoteca
Prezos Hipoteca | Fonte: IGV
Fianzas Aluguer
Fianzas Aluguer | Fonte: IGV
Renda mensual
Renda mensual | Fonte: IGV
Prezos Vivenda
Prezos Vivenda | Fonte: IGV
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta