"Negras sombras" e "lingua proletaria", o galego como novo campo de batalla entre PPdeG e BNG

O Bloque aposta por políticas de inmersión lingüística, ser propositivo a nivel lexislativo e apoiar as plataformas sociais en defensa da lingua. O PPdeG quere contrarrestar a estratexia de presión social do nacionalismo nos concellos con mocións a favor do "pacto pola lingua" da Xunta.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 22/11/2024 | Actualizada ás 08:39

Comparte esta noticia
"Cando penso que te fuches,

Tatuaxe dunha moza na que defende a lingua galega a través dunha tatuaxe
Tatuaxe dunha moza na que defende a lingua galega a través dunha tatuaxe | Fonte: cinamomorosa
negra sombra que me asombras,

ó pe dos meus cabezales

tornas fazéndome mofa"

A "negra sombra" de Rosalía volve caer sobre o país, a cultura e, sobre todo, sobre a lingua galega. Semella que o galego vaise converter, moi ao seu pesar, no novo campo de batalla política entre o BNG e o PPdeG. E é que uns e outros ven no idioma un elemento fundamental nos seus eixos políticos. O BNG para mobilizar ao seu electorado ao prol dun elemento básico da nosa identidade, o PPdeG para chegar a un pacto pero sen renunciar a cuestións, como a lei do bilingüismo que, en parte, está detrás dol mal estado da nosa lingua.

'Eu amo o galego', un dos lemas das protestas a favor do noso idioma e da nosa lingua
'Eu amo o galego', un dos lemas das protestas a favor do noso idioma e da nosa lingua | Fonte: Queremos Galego

E, por iso, esta lexislatura vai ser, non se sabe se a do "pacto", pero si a da "guerra" polo galego. E así o deixaron claro as dúas principais forzas políticias nos últimos días.  O informe político e de xestión elaborado polo Consello Nacional do BNG con motivo da XVIII Asemblea Nacional apunta que o idioma debe de ser un "alicerce fundamental" da súa acción política e social ao considerar que a reivindicación de normalización de usos non contou por parte da formación co "necesario tensionamiento e atención continuada que merece". De feito, este documento ten un apartado específico sobre o galego e os acenos de identidade nacional co obxectivo de "robustecer e intensificar aínda máis o compromiso activo" co galego na súa acción social, política e institucional.

CONTRA AS POLÍTICAS LINGÜÍSTICAS DO PPdeG

"O BNG debe traballar pola súa plena normalización en todos os ámbitos, sen caer en rutinas e procurando a eficacia social das mensaxes, campañas e iniciativas a desenvolver", sinala o documento, que considera "urxente e prioritaria" o labor en defensa do galego nun contexto no que "as políticas de límites ao galego, reforzadas polo PP, intensifican os resultados negativos".

Neste sentido, sostén que o PP mostrou a súa vontade de empregar os recursos públicos nunha xestión antigalega e chea de prexuízos cara ao idioma propio de Galicia e apunta que, "comunicativamente, o BNG debe incidir en que o PP é neste momento o principal axente contra o galego". Un axente que "está situado, desde a propia Xunta de Galicia, nunha posición agresiva e contraria á que desexa a maioría da sociedade galega: a defensa da lingua propia do país e o avance cara á súa normalización", engade o texto.

INICIATIVAS COMO A INMERSIÓN LINGÜÍSTICA

Ante este contexto, o BNG sostén que debe impulsar un discurso baseado no orgullo de ter unha lingua propia e na autoestima colectiva que esta xera, así como na identificación da defensa do galego como unha causa xusta e necesaria para a cohesión social e o desenvolvemento político, económico e cultural de Galicia como nación.

Para estes obxectivos, ve urxente e prioritaria a defensa, socialización e posta en marcha desde todos os ámbitos institucionais e sociais posibles de espazos e iniciativas de inmersión lingüística. Ademais, no plano social e político, apela a apoiar todas as iniciativas populares que pelexen por revitalizar o idioma e cre que debe de ser propositivo a nivel lexislativo, levando adiante proxectos como unha nova lei de normalización lingüística, a actualización e cumprimento do plan xeral de normalización ou a aposta dun novo decreto para o ámbito educativo que derrogue o de 2010.

OBXECTIVOS

Así, o documento sinala que "é de máxima relevancia a implicación de toda a militancia do BNG na defensa dos dereitos lingüísticos e na dinámica normalizadora, actuando en todos os campos como axentes activos, coidando a calidade da lingua nos seus usos e avanzando na restauración dos nomes e apelidos propios.

O segundo ámbito que ve necesario reforzar é o "simbólico" ao considerar que o "españolismo leva tempo desenvolvendo unha intensa estratexia de expansión e naturalización dos seus símbolos" fronte á que é "fundamental" desenvolver unha "estratexia propia que profunde na identificación da sociedade" galega cos seus símbolos nacionais. Por último, sitúa á mocidade como outro ámbito ou prioritario como "grupo social vital para o presente e o futuro do nacionalismo" e con Galiza Nova como "referencia".

A LOITA DO PPdeG, NOS CONCELLOS

O Partido Popular de Galicia, pola contra, quere contrarrestar a influencia que o BNG ten na rúa e en plataformas sociais na política municipal e presentará, a través dos seus grupos municipais, unha moción para que os concellos se animen a formar parte do 'pacto pola lingua' que quere impulsar o Goberno que dirixe Alfonso Rueda e que, así, "as entidades máis próximas á cidadanía poidan contribuír a construír un acordo social que permita trazar o mellor futuro para o gran tesouro que é a lingua galega".

Faino "nun momento clave para o galego", como é a negociación dun pacto pola lingua impulsado polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, pero, sobre todo nun momento de debilidade. Debilidade tras os nefastos datos do IGE sobre o uso do galego, sobre todo, nas novas xeracións, a masiva manifestación de Queremos Galego do pasado domingo e o golpe que supuxo para a estratexia popular a dimisión do ex coordinador de Cultura do PPdeG, Daniel Chapela, tamén concelleiro en Bueu, que marcha con duras críticas ao conselleiro de Cultura e a súa "nefasta" política de negociación no ámbito lingüístico.

Os populares queren levar agora á politica municipal un pacto que fraquea no ámbito político e social. Queren negociar co resto dos grupos e chegar a acordos, sobre todo co BNG pero para chegar a un pacto no que  "todos" deben ceder e "non só o Goberno galego". Para os populares "as bandeiras independentistas, a politización e a apropiación non axudan en nada nesta cuestión", en alusión ás manifestacións a prol da lingua.

Os populares insisten nas teses do "bilingüismo cordial" impulsados desde a chegada de Feijóo á Xunta e ao que moitos responsabilizan da actual situación do idioma. E ese punto, precisamente, é insalvable para o BNG se non se modifica. 

O GALEGO, PERO "SEN IMPOSICIÓNS"

"Somos un partido galeguista que concibe a nosa lingua como un elemento de unión para todos os galegos e galegas e como un patrimonio compartido que temos a responsabilidade de legar ás xeracións próximas", reivindicaba este xoves o conselleiro José López Campos. Quere "apartar o foco político do uso social da lingua e seguir facendo do galego un idioma amable, que a xente poida utilizar con normalidade, sen imposicións e co convencemento de que é un gran tesouro que forma parte do patrimonio galego e que hai que conservar e transmitir".

Pero esa visión choca de fronte coa do resto dos grupos políticos na Cámara, especialmente o BNG, que non queren, precisamente, que o galego sexa só un elemento simbólico, desposuído daquel significado que xa lle deu Celso Emilio Ferreiro:

"Lingoa proletaria do meu pobo

eu fáloa porque sí, porque me gosta,

porque me peta e quero e dame a gaña

porque me sai de dentro, alá do fondo

dunha tristura aceda que me abrangue

ao ver tantos patufos desleigados,

pequenos mequetrefes sin raíces

que ao pór a garabata xa nan saben

afirmarse no amor dos devanceiros,

falar a fala nai,

¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Nada novo baixo o sol... Levamos 60 anos facendo da lingua galega a bandeira da UPG, semella que non aprendemos nada... Os que detestan o español (castelán) e promoven a inmersión lingüística en galego, nin pían cando se introducen materias para favorecer a inmersión lingüistica en inglés... Non comprendo esa doble vara de medir... https://gamela00.blogspot.com/2013/... Pero hai moitas máis cousas que eu non comprendo e tampouco pasa nada (ata que pasa...) Ninguén falará galego á forza... pero a UPG confunde os termos e vende que só mediante o asalto ao poder político salvarán a lingua galega mediante imposición lexislativa ? E non é certo, e non será certo, agás para uns poucos que vivirán estupendamente da lingua galega instalados no Poder Político ! Catalunya é bo exemplo !